O Consello de Ministros autorizou á Axencia Estatal de
Administración Tributaria a licitación
dun contrato cuxo obxecto é a realización de servizos de desenvolvemento e
mantemento dos sistemas e aplicacións do Departamento de Informática
Tributaria, durante 2015, 2016 e 2017, prorrogables por un máximo de dous anos.
O importe estimado do contrato, considerando as prórrogas, é de 28.188.160
euros.
Segundo a referencia do Consello "estes servizos son
requiridos polo resto dos departamentos da Axencia Tributaria para o
cumprimento dos fins que lle son propios, fundamentalmente polos departamentos
de Xestión Tributaria, Recadación, Inspección Financeira e Tributaria, e
Alfándegas e Impostos Especiais".
O impulso dado pola Axencia Tributaria nos servizos
prestados aos contribuíntes e empresas a través de Internet debe manterse e
mellorarse cun continuo reforzo de actuacións tendentes ao afondamento e extensión
horizontal do número de trámites que se poden realizar electronicamente.
Tamén se pretende implantar funcionalidades avanzadas nas
ferramentas informáticas que os funcionarios da Axencia Tributaria teñen á súa
disposición para a realización das súas tarefas de xestión e de loita contra a
fraude, aproveitando especialmente que a Internet e as redes sociais en
particular representan unha inesgotable fonte de datos para Facenda, que xa
utiliza e que explotará de forma máis intensa nos vindeiros meses. Ao longo
deste ano, Facenda
empezará a utilizar programas informáticos que son capaces de procesar,
seleccionar e solicitar información que se encontra nas redes sociais e na Internet.
Facenda ampliará así os seus ficheiros con, por exemplo, os contactos e
relacións en liña dos obrigados tributarios.
A partir dunha inspección, poderanse
detectar situacións sospeitosas e anómalas doutros obrigados tributarios. Ou
establecer conexións en fraudes fiscais entre contribuíntes e empresas que
aparentemente non tiñan relación.
Actualmente xa existen funcionarios da Axencia Tributaria
dedicados a solicitar información en internet. Tamén, as revistas e os xornais
serven como punto de partida de investigacións. Unha foto dun contribuínte nun
luxoso iate, por exemplo, supón un indicio externo de riqueza que pode derivar
nunha inspección se o seu nivel de vida non casa cos datos fiscais declarados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario