Todo indica que, segundo a xurisprudencia existente, o Tribunal Supremo volverá a darnos a razón.
Despois da sentenza ditada polo Tribunal
Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declarando legais os concertos
educativos que segregan o alumnado por razón de xénero, correspondentes
aos anos 2013-2017, a CIG-Ensino preparou o recurso de casación perante a
sala terceira do Tribunal Supremo (TS) en contra desa sentenza, que vén
de ser admitido polo TSXG.
A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012. De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ten presentado un recurso de inconstitucionalidade polo mesmo motivo contra esta lei de orzamentos por ser contraria á Lei orgánica de Educación (LOE), vixente nesa data.
Xa no ano 2009, a CIG-Ensino recorreu tamén os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 que, do mesmo xeito, nun primeiro momento, foron declarados legais polo TSXG. Diante desta sentenza, a CIG-Ensino presentou recurso de casación perante o TS que fallou ao noso favor e ditou sentenza firme contra este tipo de concertos.
Todo indica que, segundo a xurisprudencia existente, o Tribunal Supremo volverá a darnos a razón. Agardamos que, definitivamente, despois de que Tribunal Supremo declarase ilegais os concertos educativos do ano 2009 ao 2013 neste tipo de centros, tamén declare ilegais os do período 2013-2017. Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derrogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal.
Neste sentido, demandámoslle ao novo Conselleiro o reintegro dos 12 millóns de euros que se lle entregaron ilegalmente a estes centros durante o período 2009-2013 e que retire definitivamente os concertos educativos a estes centros que perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero. Centros que reciben grandes cantidades de diñeiro público, mentres continúan desmantelando o ensino público coa redución do profesorado, desatenden as necesidades educativas específicas de apoio educativo, reducen as bolsas de estudo e exclúen do ensino postobrigatorio os fillos e as fillas das clases populares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario