As declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamando ao diálogo pola lingua non abondan para Queremos Galego que esixe “feitos” inmediatos despois da masiva manifestación do 8F. A inmediata derrogación do decreto contra o galego no ensino e o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística serían un punto de partida.
A masiva manifestación do pasado domingo 8F en Compostela é, para Queremos Galego, un aval que reforza as súas reclamacións ao goberno galego, a quen, a catro días da convocatoria, esixen feitos urxentes para reverter a situación de retroceso do proceso de normalización do galego. Nunha comparecencia pública na que valoraron moi positivamente o importante suceso da mobilización, o presidente da MNL e voceiro de Queremos Galego esixiu ao goberno de Feijóo, de saída, a derrogación inmediata do decreto 79/2010 que supón, segundo sinalou, un retroceso sen precedentes do galego no ensino ademais da volta ao consenso que deu lugar á aprobación por unanimidade do Plan de Normalización Lingüística, para o que reclamou tamén o cumprimento das súas propostas.“A macromanifestación do 8 de febreiro foi unha mostra máis da unidade da sociedade galega en torno á súa lingua da que só se autoexcluíu unha parte do PP”, sinalou Marcos Maceira da convocatoria na que milleiros de persoas saíron á rúa “Polas fillas dos nosos fillos”.
O absentismo do goberno da Xunta
A plataforma convocante instou a sociedade a continuar coa mobilización “na rúa, visibilizando que somos multitude as persoas que queremos vivir en galego con absoluta normalidade no noso país, mais tamén na acción diaria, reclamando a presenza do galego en todos os ámbitos, apoiando iniciativas colectivas e individuais que actúan soas, por desgraza para Galiza, sen ningún tipo de apoio institucional, e a pesar da actitude do propio goberno galego”, sinalou Maceira que, fronte á esta acción social, situou o “absentismo” do goberno da Xunta en materia lingüística.
“Se realmente quer acordo, o Presidente debe comezar por cumprir os que xa hai, comezando polo PXNLG, aprobado por unanimidade, o que conleva a derrogación do Decreto 79/2010 contra o uso do galego no ensino e pór en marcha as medidas contempladas no PXNLG”, destacou Maceira, das “obrigadas” declaracións que, segundo insistiu, a masiva manifestación do 8F obrigou a facer ao presidente da Xunta. A Feijóo esixiulle entón que poña ao goberno a funcionar para mudar uns datos que falan, por exemplo, do nivel de uso e coñecemento do galego nas aulas, o peor na historia desde que se creou a Xunta, debido, segundo denunciou, “á non aplicación de ningunha das medidas acordadas para devolver o galego a todos os espazos e da acción contraria á lingua que se vén desenvolvendo nos últimos 6 anos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario