A empresa vasca Nesplora,
co apoio do Ministerio de Industria, vén de desenvolver o que
considera “o primeiro programa integral en castelán para a
prevención de condutas relacionadas co acoso escolar ou bullying”.
Chámase Monité e inclúe catro
elementos fundamentais: un videoxogo, ao que se pode acceder a través
de Internet; manuais para pais con posibilidade traballar cos fillos,
educadores e terapeutas; material complementario como vídeos e
contos; e unha páxina web para compartir experiencias e reforzar a
aprendizaxe.
O videoxogo en cuestión
está dirixido a nenos de entre 6 e 11 anos e o seu obxectivo é
educar na empatía e o respecto para a prevención de condutas que se
producen ao redor das situacións de acoso escolar. O escritor de
literatura infantil Daniel Nesquens foi o encargado da parte
narrativa e o Centro de Innovación Urkide, especializado en
pedagoxía infantil, desenvolveu as guías escolares.
Monité, informan os seus
creadores, é un programa de continuidade. Isto significa que este
ano vaise lanzar a primeira entrega (un videoxogo que narra as
aventuras do protagonista no primeiro do catro planetas Raining
Planet), e nas seguintes tres achegas (Clown Planet,
Indifferent Planet e Electro Planet) seguirase a traballar
na aprendizaxe de condutas contra o acoso escolar, centrándose no
papel do espectador, o acosador, e no ciberbullying. Segundo
fan saber os creadores de Monité, o valor do xogo é fundamental, xa
que o neno é quen de implicarse máis por ser un tema lúdico.
“Mentres se utiliza o sistema”, sinálase, “tómanse decisións
sobre situacións que os rapaces poden atoparse na vida real e iso
axúdalles a ter un patrón”.
En definitiva, o programa
Monité tenta chegar aos nenos a través da súa linguaxe. “Con
Monité”, explican, “aprenden de forma divertida, pero non por
iso menos educativa a través dun videoxogo en forma de historia”.
A maiores do videoxogo, Monité propón un caderno de manualidades
xunto ás guías, como forma de reforzar o aprendido de forma máis
activa e creativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario