O nomeamento do deputado Román Rodríguez para dirixir a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai intuír a continuidade na política educativa e cultural de Xesús Vázquez no último ano de lexislatura. A CIG-Ensino reclama, pola contra, un “xiro de 180º”.
O nomeamento por parte do presidente da
Xunta, Núñez Feijóo, do portavoz no Parlamento da área de Educación
indica, segundo a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, unha liña
de continuidade coa política de Xesús Vázquez, que definen como o “máis
nefasto da historia da Consellaría de Educación”.
Feijóo premia, segundo distintas fontes, a
lealdade ao PP co nomeamento de Román Rodríguez, deputado no Parlamento
Galego que chegou á política da man do alcalde Xosé Crespo como
concelleiro de Lalín. Se ben en San Caetano nas últimas semanas
agardábase que Feijóo ascendera a algún dos cargos do seu goberno, en
especial da propia Consellaría, como os secretarios xerais de Cultura e
Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, o presidente optou
por escoitar o partido e tirou directamente por un cargo electo nas
listas do PP, o deputado pola provincia de Pontevedra, Román Rodríguez,
profesor da Universidade de Santiago.
Para a CIG-Ensino, sindicato maioritario
no sector, o nomeamento leva a pensar que o PP “quere dar continuidade á
política educativa que até hoxe guiou o Conselleiro saínte, enviando
unha mensaxe de continuidade nas nefastas políticas de educación”. Supón
iso, para o sindicato nacionalista, afondar nunha liña de
desmantelamento do ensino público en beneficio do privado, a persecución
do galego ou a destrución de emprego no ensino. “Tratouse dun
conselleiro inimigo do ensino público e do ensino en galego e ao servizo
da patronal do ensino privado concertado e da que segrega o alumnado
por razón de xénero, un conselleiro ao servizo da ideoloxía máis
reaccionaria do Partido Popular e en contra do Ensino Público Galego”,
din desde a CIG-Ensino na valoración do conselleiro que sae do goberno
para ser candidato no concello de Ourense.
Coa ILP na man
Botan man agora desde a CIG-Ensino da ILP
en defensa do ensino público apoiada por 23.000 sinaturas, que
entregaron ao novo conselleiro no Pazo do Hórreo cando era voceiro de
Educación, para pedirlle que a lea agora de vagar como responsábel de
educación na Xunta de Galiza e que, segundo o Secretario Nacional da
CIG-Ensino, Anxo Louzao, “el mesmo recoñeceu que era unha emenda á
totalidade da política educativa da Consellaría de Educación”. “Mais xa
as primeiras declaracións de Román Rodríguez poñen en evidencia a aposta
do PP por unha política continuísta”, lamenta Louzao que non mostra
esperanzas neste nomeamento xa que, ao seu ver, a única posibilidade
para o ensino público é “un cambio de rumbo total na política educativa e
lingüística do PP”, que non agarda do novo conselleiro.
“O presidente Feijóo volve mirar para adentro e polo tanto hai un perfil absolutamente continuista”, valora o secretario xeral do PSdeG- PSOE, Rodríguez Besteiro quen, malia iso, convida o goberno da Xunta a mudar a súa política educativa e cultural.
O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera,
convidou ao novo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria a escoitar “o clamor social” da manifestación do domingo
en Compostela convocada por Queremos Galego e poñer fin “as políticas
lingüicidas do Partido popular”. Será este, segundo Jorquera o seu
“primeiro test” que levará a comprobar se o goberno da Xunta está
“diposto a dialogar” e a cambiar unha política lingüística que conduce
“á liquidación do noso idioma”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario