martes, 24 de febreiro de 2015

A Fala xa se estende por Cáceres

A variante lingüística que se fala no Val do Xálima chega a Escola Oficial de Idiomas de Cáceres cun curso nivel A1 do marco Común Europeo de Referencia.

A Fala: descrición lingüística e achegamento comunicativo no nivel A1 do Marco Común Europeo de Referencia (MCER)”. Así é como se chama o curso que se realizará na Escola Oficial de Idiomas  de Cáceres para aprender a Fala,  que se fala na comarca estremeña do Xálima, e que algúns autores sinalan que é unha variante lingüística do galego.
 
Trátase dunha realidade lingüística moi próxima ao galego e é parte singular do patrimonio cultural de Estremadura, a miúdo descoñecida por moitos cidadáns desa autonomía. Por iso, o Claustro de profesores da Escola Oficial de Idiomas de Cáceres, acordou propor a realización dun curso para aprender esta variante coa colaboración da Asociación Cultural A Nosa Fala, asociación que ten como finalidade a divulgación e conservación deste tesouro lingüístico. 
 
A actividade ten como obxectivos principais a divulgación entre o alumnado e profesorado da Escola Oficial de Idiomas de Cáceres da existencia e vitalidade deste feito lingüístico na mesma provincia na que ten sede a Escola. Tamén aposta pola aprendizaxe por parte dos asistentes de elementos comunicativos básicos na Fala propios do nivel A1 do MCER. 
 
De feito, esta iniciativa é unha actividade nova, nunca levada a cabo até agora, sobre a Fala. “O seu ensino no ámbito dos niveis do MCER, contribuirá ao seu dignificación como realidade lingüística”, apuntan os organizadores. O curso implica tamén unha posible posterior visita ás localidades onde a lingua do val de Xálima.
 
A Fala é a lingua vernácula das localidades estremeñas de Valverde du Fresnu, As Ellas e San Martín de Trevellu.  Desde principios do século XX e até os nosos días numerosos lingüistas e estudosos, tanto españois como estranxeiros, a miúdo no ámbito universitario, foron autores de traballos de diferente índole sobre a orixe, a conservación, a denominación, a filiación e a codificación da devandita modalidade lingüística, aspectos sobre os que existe unha abundante bibliografía. Trátase da lingua minoritaria de Europa máis cumpridamente falada na súa comunidade orixinal, xa que é a lingua materna e de uso común de aproximadamente o 90% da poboación desta comarca.
 
A Fala foi declarada Ben de Interese Cultural en 2001, sendo un dos poucos bens intanxibles declarados como tales en España. Así mesmo é unha das modalidades lingüísticas recoñecidas como merecedoras de protección por parte do Consello de Europa na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e nos informes de expertos derivados posteriormente desta Carta. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario