Destaca que “haberá que falalo” coa RAG, pero deixa claro que, en ningún caso, negociará unha derogación do decreto do plurilingüismo. Insiste en que durante o seu goberno hai máis xente que sabe escribir e falar en galego.
“A Xunta xunto coa RAG está traballando nun plan para impulsar ou so da lingua propia nas
relacións sociais e no ámbito económico”. Ese era o gran anunciou que o
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sacaba do chapeu este
mércores na Cámara galega para contrarestar as críticas que lle están
chovendo desde todos os sectores logo da gran manifestación que tivo lugar este domingo coa participación de todos os partidos da oposición.
Pero ese gran anuncio quedou, niso, nun gran anuncio. Pouco despois de
facelo, membros da RAG sinalaban non ter constancia da existencia de
ningún plan ao respecto. Por iso, este xoves, na rolda de prensa
posterior ao Consello da Xunta, Feijóo evitou concretar ese novo proxecto, ben porque non existe ou ben porque está en fase inicial.
“Haberá que ter reunións coa RAG para falar. Eu xa
tiven unha a pasada semana”, dixo ao respecto. “Nese plan está
traballando a Secretaría Xeral de Política Lingüística e será presentado
polo novo conselleiro de Cultura”, limitouse a respostar.
Un novo plan que, en todo caso, non vai supor a derogación do polémico decreto do bilingüismo.
E niso, Feijóo, foi categórico. “Hai xa oito sentenzas que avalan a
legalidade dese decreto. A Xunta, o que fai, é cumprir estritamente esas
oito sentenzas”, engadiu. Por iso, dixo que non cree que vaia a ter
problemas coa RAG nese futuro plan. “Iso é contrario a toda negociación
porque se nos piden a retirada do decreto xa non é unha negociación”,
ironizou.
“A RAG presentou un recurso e agora o que está facendo é agardando xa
que segue polas vías correspondentes. Eles –a nova Comisión Executiva--
atopáronse con este recurso e seguen adiante e nós iso respectámolo”,
engadiu. Así, destacou que hai un recurso pendente no Tribunal Supremo e
que agarda que se peche rápido. “Se se di que o decreto está
sobrevalorado no ámbito educativo, pois actuaremos, e senón, pois
manteremos a actual situación”, apuntou.
En todo caso, e para avalar que a súa política lingüística é a correcta, volveu a insistir nos datos do informe do IGE que
xa deu na súa comparecencia na Cámara; que o 97,5% coñece o galego, que
o 87,5% sabe escribilo e que desde o 2008 ao 2012 aumentou nun punto os
que saben falalo e en dous puntos os que saben escribilo. Pero, evitou o
punto máis importante; só menos do 13% dos mozos falan en galego.
“Si... Preocúpanos que os mozos non usen o galego fora do ensino e que
haxa unha baixada e por iso temos que traballar”, acabou recoñecendo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario