A CIG-Ensino, despois das 28 sentenzas gañadas nos diferentes xulgados do social de Galiza e das dúas sentenzas do TSXG, exíxelle ao novo conselleiro que asuma as resolucións xudiciais, readmitindo o profesorado que viña impartindo os cursos CELGA.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
vén de darlle, de novo, a razón á CIG-Ensino cunha segunda sentenza que
declara nulo o despedimento dunha profesora que impartía cursos CELGA. O
TSXG volve rexeitar o recurso presentado pola Xunta, confirmando a
sentenza de instancia e impoñéndolle á Xunta de Galiza as custas por
unha contía de 600 euros, en iguais termos que a anterior. A actitude
represiva e persecutoria da Consellaría con este persoal é obvia e así o
declaran as dúas sentenzas que textualmente recollen o seguinte: ”queda
evidenciada a propia existencia da represalia e isto no caso de autos
tórnase máis que evidente pois a Xunta de Galiza decidiu precisamente
cambiar o sistema de cursos de CELGA no momento en que as reclamacións
de laboralidade dos profesores CELGA estaban empezando a ter acollida e
decidiu cambialo, precisamente para deixar fóra aquel profesorado CELGA
que se vían beneficiados pola denuncia sindical” .
A CIG-Ensino, xunto co profesorado que impartiu cursos CELGA, presentou 52 demandas por despedimento e leva gañadas 28 sentenzas, 22 por despedimento nulo e 6 por improcedentes, estando pendentes o resto. Até o ano 2014, preto de 200 profesores e profesoras viñan impartindo, cada ano, cursos preparatorios para os CELGA, mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística nunca estabeleceu relación laboral con este profesorado. Nin lle facía contrato, nin o daba de alta na Seguridade Social. Non tiña dereito á baixa por enfermidade ou accidente laboral, non tiña dereito ás vacacións, nin á prestación por desemprego e tampouco tiña este tempo cotizado para a xubilación. É dicir, non tiña ningún dereito laboral recoñecido no Estatuto dos Traballadores.
Diante desta situación, en marzo de 2013, a CIG e o profesorado afectado presentaron unha denuncia dos feitos na Inspección de Traballo da Coruña, que o deu de alta de oficio na Seguridade Social polo tempo traballado con 4 anos de retroactividade, do ano 2009 ao 2013. Daquela, a CIG-Ensino presentou denuncia no resto das inspeccións de traballo que resolveron no mesmo sentido que a da Coruña. A Secretaría Xeral, no canto de asumir as propostas da Inspección de Traballo, despediu a todo este profesorado. Esta situación levou á CIG-Ensino a iniciar as demandas de despedimentos cos afectados e afectadas nos diferentes xulgados do social. As sentenzas obrigan a readmitir os e as docentes no posto de traballo e a pagarlles os salarios de trámite polos cursos que lles correspondía impartir no 2014, cuestións que rectifica agora o TSXG. O custe deste conflito para a Administración, se sumamos as cotizacións e as multas, pode superar o millón de euros e pode incrementarse coas custas do TSXG.
“A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez, a actuación totalmente inaceptábel, represiva e ilegal da Consellaría de Educación cun colectivo que estivo explotado e ao que lle negou os seus dereitos laborais máis básicos”, sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino exíxelle ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que a Consellaría cese na súa actitude vingativa e persecutoria contra este profesorado, que asuma as resolucións xudiciais e, en consecuencia, que readmita este colectivo, unha vez que tanto as inspeccións de traballo como os xulgados do social e o TSXG confirman a actuación ilegal e incluso represiva da Xunta. Do contrario, no só continuaría coa política represiva do anterior conselleiro, senón que estaría facendo un uso indebido dos recursos públicos, ao ter que afrontar agora as custas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario