Ao longo de todo o país, Rosalía é protagonista de centos de actos en centros de ensino, concellos, asociacións, iniciativas privadas ou homenaxes particulares nas redes sociais. Sermos Galiza ofrece na súa loxa un especial dedicado a Rosalía.
Cando se fai o 178 aniversario do seu nacemento, as homenaxes á escritora toman forza social aínda que sen o apoio institucional da Xunta.Concellos, asociacións ou centros escolares convértense en organizadores do amplo programa do 24 de febreiro no que Rosalía é a protagonista absoluta e o nome que máis actos concentra nun mesmo día, fóra do institucionalizado Día das Letras Galegas. Contra o que acontece o 17 de maio, o 24 de febreiro cobra forza social sen o apoio institucional, en especial, da Consellaría de Cultura, que aínda non lle deu respaldo necesario para afortalar as conmemoracións nos centros de ensino. Neste sentido, a CIG-Ensino promove unha proposta que está a ser difundida e apoiada nos centros de ensino para que o Día de Rosalía forme parte do calendario escolar ademais da apertura pública do Panteón de Galegos Ilustres xa que, segundo defenden, “a obra de Rosalía é o punto de arranque da dignificación do noso idioma e a valoración e difusión da súa obra é unha actividade normalizadora, útil e necesaria”.Sermos Galiza, con Rosalía
Sermos Galiza ofrece na súa loxa un especial dedicado a Rosalía. Trátase dunha das primeiras compilacións dixitais dunha sección que foi publicada no semanario en papel. O coleccionábel afonda na figura da escritora desde múltiples perspectivas por medio de especialistas en cada un dos ámbitos de análise. A proposta responde á vontade do xornal de promocionar e divulgar a figura de Rosalía tanto a través do semanario como no xornal dixital.
“De Cantares Hoxe” na súa casa
Pola súa banda, a Fundación Rosalía, presentará o libro-CD, “De Cantares Hoxe” para conmemorar o día de nacemento da poeta. Esta terza feira, 24 de febreiro, coincidindo co 178 aniversario do nacemento da poeta organiza tamén a tradicional ofrenda floral en Santiago ademais do acto de presentación do libro-CD que terá lugar á tarde en colaboración coa Radio Galega. O Diario Cultural de Ana Romaní realizará un programa especial arredor da figura de Rosalía na Matanza de Padrón.
“De Cantares hoxe” reúne poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos escritos por Rosalía para “Cantares Gallegos”. No acto intervirán Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas,
Carmen Blanco, Luís González Tosar, Olalla Cociña e Xosé María Álvarez Cáccamo ademais das críticas Ana Salgado e María Xesús Nogueira. Pechará a actuación musical de Najla Shami interpretando temas do seu disco dedicado a Rosalía.
A AELG, centraliza actividades
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega centraliza através da súa páxina web a multitude de actos que se desenvolven arredor da xornada en diversas localidades e centros, tanto os organizados pola propia asociación como polas outras entidades. A AELG defende a institucionalización deste Día de Rosalía de Castro como unha “xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día”.
Co lema "Eu son Rosalía" centros escolares, institucións, movemento asociativo, e persoas a nivel individual están promovendo na rede a figura da poeta cun exercicio de identificación coa propia obra. Os vídeos que están a publicarse na rede están tamén recollidos na web da Asociación. Lecturas colectivas, actividades teatrais ou iniciativas singulares como a das bolechas de Rosalía do IES Castro Alobre de Vilagarcía (na foto) expándense por multitude de centros de ensino.
Actos en Lugo, Ourense, Vigo, Madrid, a Rúa de Valdeorras, Bueu ou Ferrol acollen actos promovidos directamente pola AELG, entidade que recolle tamén as iniciativas que parten de entidades como as do Grupo Rosalauria en Ourense ou o Colectivo Cultural Buril entre outras asociacións e concellos.
Os actos continuarán en días vindeiros, como no Concello de Carballo que propón para a cuarta feira 25 de febreiro a proxección do documental “I ante aquel silencio mudo” ou para a sexta feira o concerto de Narf baseado en poemas de Rosalía “A lingua viaxeira”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario