mércores, 18 de febreiro de 2015

Tegnix pon ao alcance dos centros educativos e as PEME un innovador servizo de mantemento, Control Suprimir

A empresa galega Tegnix, centrada en ferramentas avanzadas de xestión arredor do software libre, comezou o ano cun ambicioso proxecto de administración de sistemas baseado en GNU/Linux e directamente encamiñado a centros educativos e PEME, o proxecto Control Suprimir. Trátase, máis polo miúdo, dun paquete que integra "todo o que poidamos precisar nas ditas contornas, a docente e a empresarial, en materia de mantemento". O servizo achégase en múltiples modalidades, dependendo do volume da infraestrutura á que dar servizo e partindo da seguinte base: tres euros mensuais por equipo para centros educativos con máis dun cento de computadores persoais. Para as necesidades máis específicas das empresas, e xeralmente máis esixentes, pártese da modalidade dos 19 euros por equipo ao mes. Estes días, precisamente, Tegnix habilitou unha web de seu con todo o que precisamos saber sobre esta achega tecnolóxica en aberto: controlsuprimir.com.
No que se refire a funcionalidades concretas, Control Suprimir fornece os seguintes servizos para os centros educativos: importación de contas dende o Xade, intercambio de ficheiros con permisos individuais ou por grupos, copias de seguridade automatizadas e proxy (navegación Internet máis rápida).
No que atinxe aos servizos básicos para as empresas e profesionais, son estes: xestión completa de contas de usuario, intercambio de ficheiros con permisos individuais ou por grupos, copias de seguridade automatizadas e proxy (navegación por Internet máis rápida).
Inclúese, en ámbolos dous casos, unha completa listaxe de posibilidades e vantaxes. Por exemplo: xestión do software libre automatizada (instalación, desinstalación e/ou configuración), seguimento e control de todos os equipos con mantemento preventivo e métodos para evitar eivas ou fallos, resolución de incidencias de software libre instalado e mantemento de hardware.

Ningún comentario:

Publicar un comentario