O
Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar a convocatoria
da sexta edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, un
recoñecemento encamiñado a salientar os traballos tecnolóxicos e
de investigación dos nosos estudantes e titulados en Enxeñaría en
Informática ou Máster en Enxeñaría en Informática. O premio
ascende a 1.000 euros. Segundo informa o CPEIG, poden concorrer as
candidaturas que presentasen o proxecto de fin de carreira das ditas
titulacións ou de calquera outra “que legalmente habilite ou
vincule para o exercicio da profesión”. Os traballos deberon
presentarse durante os anos 2013, 2014 ou 2015 nunha das
universidades galegas.
Polo
tanto, todos aqueles estudantes e licenciados que queiran optar ao
premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo
do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de
xuño ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal.
Segundo
informa o colexio, unha comisión experta, integrada por docentes
universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos
recibidos e seleccionará o gañador. Mediante o galardón, o ente
colexial busca “achegarse ao colectivo estudantil e defender as
vantaxes de colexiárense, ademais de estimular o traballo dos
estudantes”.
Sinalar
por último que o recoñecemento enmárcase nos Premios da Sétima
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o CPEIG
entregará o vindeiro 26 de xuño, en Santiago de Compostela. “Este
evento anual”, sinala a entidade que presidente Fernando Suárez,
“representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta
cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais
e políticos.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario