Son numerosas e poderosas as razóns que xustifican que o estudantado convoque esta xornada de folga.
A CIG-Ensino quere facer público o apoio á
folga convocada polas organizacións estudantís galegas no ensino
secundario e universitario de Galiza para o día 26 de febreiro. Son
numerosas e poderosas as razóns que xustifican que o estudantado
convoque esta xornada de folga, pois, en lugar de cesar cos ataques ao
ensino público, cada día fanse públicos máis recortes ou reformas que
vulneran o dereito á educación, afondan na desigualdade social,
mercantilizan, privatizan e deterioran o ensino público.
O Goberno central vén de
aprobar unha nova ordenación das ensinanzas universitarias que reduce os
estudos de Grao e incrementa os de mestrado, que empeora a calidade do ensino,
favorece as universidades privadas e impide o acceso da maioría social á
universidade, ao encarecer aínda máis os estudos universitarios. Tanto o Goberno central como
o galego están empeñados en fixar un sistema educativo máis selectivo, clasista
e españolizador, fundamentos da propia LOMCE, cuxa aplicación está a amosar
menos equidade do sistema educativo e redución dos orzamentos para o ensino
público a cambio da potenciación do ensino privado concertado. A CIG-Ensino participará nas
diferentes mobilizacións que ao longo do día 26 de febreiro se desenvolverán
por este motivo por todo o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario