O Goberno galego convoca un concurso para deseñar spots televisivos, cuñas radiofónicas, gráfica para prensa e MUPI e banners en “datas de especial relevancia”, entre elas, o 25 de Xullo e o 17 de Maio.
O Goberno galego manexa cantidades millonarias para a publicidade e os convenios cos medios de comunicación.
Millóns de euros que reciben os principais grupos mediáticos do país,
principalmente, La Voz de Galicia, que acapara case a metade de todas
estas axudas e convenios. E, dentro deses orzamentos millonarios, a
Xunta destinará menos de 100.000 euros a fomentar a lingua, os produtos
ou o patrimonio de Galicia.
Así, a Secretaría Xeral de Medios acaba de convocar un
novo concurso para a “elaboración dunha creatividade necesaria para o
desenvolvemento das distintas campañas institucionais en datas de
especial relevancia” para os anos 2015 e 2016. En total, 190.500 euros sen IVE para as dúas anualidades; 95.250 euros por ano.
Este diñeiro está destinado a distintas campañas de publicidade e
comunicación institucional da Xunta nas que se informa dos programas e
actuacións públicas de “relevancia e interese social” que promovan a
difusión e coñecemento “dos valores e principios propios de Galicia”, a súa lingua, o patrimonio histórico e natural e o consumo de produtos galegos de calidade.
“Preténdese cumprir co obxectivo de que dita información poda chegar o
meirande número posible de público -obxectivo (poboación galega),
cubrindo as catro provincias galegas, prestando unha especial atención ao ámbito rural,
que pola súas características ten maiores dificultades para obter
información ampla das actuacións da Xunta de Galicia, todo elo co menor
custo posible”, recolle os pregos técnicos deste concurso.
Para a realización destas campañas institucionais en datas de “especial relevancia”,
a Xunta pide que a empresa adxudicataria elabore unha estratexia
creativa global e adapte e aplique ás diferentes campañas e soportes aos
distintos medios. Por iso, a orde pide explícitamente que se elaboren
spots para televisión, cuñas para radios, gráfica para prensa, gráfica
para MUPI e banners.
Precisamente, o pasado ano, a Secretaría Xeral de Medios utilizou esta orde para publicitar o día 25 de Xullo e o 17 de Maio,
entre outros eventos, en distintos medios en galego do país. O montante
final destas achegas foi preto de 12.000 euros para o conxunto dos
medios que integran a Asociación de Medios en Galego (AMEGA). Outros
medios que publican en español como La Voz, Faro de Vigo ou El Correo
Gallego tamén se beneficiaron desta orde, pero con cantidades moi
superiores ás percibidas polo conxunto dos medios en galego.
Por iso, este domingo, a AMEGA, a través dun comunicado, denunciaba a desidia da Xunta para coa defensa do uso do galego no eido da comunicación e criticaba que os medios en galego son excluídos da maior parte das axudas institucionais.
"Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes
grupos mediáticos que da pervivencia do galego", apuntaba esta entidade
ao lembrar que en 2014, os medios que utilizan o castelán levaron 9 veces máis subvecións na orde de axudas institucionas, que os medios que usan o galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario