Feijóo adianta un plan para "dinamizar" o uso do galego nos ámbitos social e económico"A nosa obriga é dar a coñecer o idioma galego en liberdade, que sexamos quen de falar o noso idioma, porque para falar un idioma o primeiro que hai que facer é coñecelo e o 97% da xente sabe falalo e a inmensa maioría sabe escribir galego", aclarou Feijóo ante as duras críticas do voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, que acusou o presidente da Xunta de ser "servidor da doma e castración do galego" tras aludir á enquisa do IGE que reflicte unha dramática situación para o idioma propio.
Malia os datos, e a pesar de anunciar un plan para impulsar o galego, Feijóo insiste en sacar cifras positivas das estatísticas do IGE. "Hoxe hai maís galegos que coñecen a lingua que cando vostedes gobernaban e máis galegos que saben escribir que cando vostedes gobernaban", dixo en referencia ao bipartito. "Estou preocupado non porque se coñeza o galego; o que me preocupa é por que non utilizamos o galego se o coñecemos", insistiu o presidente, obviando os duros discursos contra a lingua propia empregado polo seu partido na campaña que o levou á súa primeira vitoria electoral.
"O cambio de tendencia en favor do galego increméntase; aumentan os que coñecen o galego, os que teñen capacidade para falar e escribir...E o grao de coñecemento é o máis elevado ca nunca", insistiu Feijóo. "Leamos a enquisa na súa totalidade", seguiu.
O presidente da Xunta sostén que "hai máis galegos que coñecen e saben escribir en galego" que durante a etapa do bipartitoJorquera reclamoulle que "rectifique a súa política lingüicida" e preguntoulle se a súa aposta polo plurlingüismo é "impoñer de facto o monolingüismo en castelán". Así, lembroulle os pésimos datos que se tiran da enquisa do IGE: "O galego perdeu máis de 300.000 falantes, e os datos confirman a perda continuada do uso do galego que se acentuou dende que é presidente. O 75% dos menores de 15 anos non falan nunca ou case nunca e apenas un de cada catro sabe falar en galego".
Jorquera pediu a Feijóo que "rectifique a súa política lingüicida" e acúsao e "impoñer de facto o monolingüismo en castelán"Feijóo, non obstante, acusou o BNG de "facer dúas Galicia, a dos bos galegos e a dos malos galegos". "Non identifique a lingua co nacionalismo, sería o peror que lle pode pasar", asegurou o presidente, que pediu "defender o galego máis intelixentemente" e que culpou o Bloque de "aproveitar calquera ocasión para dividir, rachar e enfrontar" e de "politizar e facer partidismo coa lingua".
"Son tan galego coma vostede", insistiu Feijóo, que presumiu de "aprobar a lei Paz Andrade" e dun futuro convenio co Instituto Camões, asdemais de anunciar que a Xunta "seguirá traballando" en diferentes ámbitos para impulsar un idioma que cada vez se fala e emprega menos. Ademais, convidou a oposición a participar nese plan para impulsar a lingua propia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario