A Consellería de Medio Ambiente vén
de poñer en marcha un novo visor xeográfico con información completa e
detallada sobre a Rede de espazos naturais e da biodiversidade de Galicia que
permitirá achegar uns completos contidos sobre estes enclaves de xeito sinxelo.
A información que proporciona este visor
xeográfico é descargable en calquera formato e representa unha aposta da
Xunta pola transparencia, ao por á disposición dos cidadáns, de maneira
gratuíta, facilmente accesible e intuitiva, información completa sobre os
principais espazos naturais de Galicia.
Dese xeito, calquera persoa poderá ter acceso aos datos relativos á superficie
dos espazos naturais, ás súas zonificacións concretas, toponimia, coordenadas,
referencia catastral, así como aos elementos de flora e fauna que caracterizan
eses lugares.
A información organízase por capas, que son combinables entre si, de tal
maneira que un usuario pode adaptar a consulta ás súas necesidades e obter, por
exemplo, os límites dun parque natural coa información topográfica e sobre a
rede viaria que lle dá servizo.
Dentro da información relativa aos Espazos Naturais, os usuarios poden obter
información sobre a Rede Natura 2000 que contén as Zonas Especiais de
Protección para as Aves (ZEPA), Zonas Especiais de Conservación (ZEC), e a
zonificación do Plan Director da Rede Natura 2000.
No apartado da Rede Galega de Espazos Protexidos inclúense os Parques Nacionais
e Naturais, os Humidais Protexidos, as Zonas de Especial Protección dos Valores
Naturais, os Monumentos Naturais e as Paisaxes Protexidas.
O visor mantén a tecnoloxía desenvolvida polo Instituto de Estudos do
Territorio e a AMTEGA para as diferentes aplicacións de visualización de
información xeográfica, dentro do proxecto do Sistema de Información Xeográfica
Corporativa de Galicia como é o caso do visor de urbanismo da Xunta e incorpora
novas funcionalidades como a descarga de ficheiros, buscas a partir de
diferentes referencias xeográficas (toponimia, coordenadas, referencia
catastral) e a posibilidade de cargar o servizo WMS do Catastro.
A través das ferramentas de visualización e navegación do visor os cidadáns
poderán tamén acceder á cartografía dos espazos naturais de Galicia e buscar
elementos de acordo con determinados criterios xeográficos ou temáticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario