"Querían acabar co movemento estudantil e de protesta; e conseguírono", denuncia un dos acusados"Desde aquela, as mobilizacións freáronse en seco por mor da agresividade amosada polos axentes", denuncia Jon Sáez, un dos acusados, militante de Esquerda Unida e candidato nas listas de AGE ao Parlamento galego nas últimas eleccións autonómicas. Este mozo era un dos presentes naquela mobilización na que varios estudantes -a maioría de Secundaria e menores de idade- intentou continuar a protesta nas rúas ocupando a Biblioteca Pública Nodal e que acusa os axentes da policía de "cargar e agredir con enorme agresividade" varios rapaces durante a aglomeración que se montou nas escaleiras do centro.
Sáez espera que todos os estudantes "sexan absoltos" logo de "demostrarse no xuízo con datos obxectivos de todo tipo que foi a policía quen agrediu". "Esperemos que sexa así porque hai máis que probas dabondo", explica a Praza quen advirte, como os seus compañeiros, de varias "manipulacións criminalizadoras" por parte das forzas de seguridade. "Foi unha actitude intimidatoria e temeraria ante moita xente amoreada e na que non se estableceu diálogo ningún", lembra o mozo, que censura que se pidan "cinco, catro ou tres anos" por unha "reivindicación política para defender algo que é de todos".
Varios dos imputados acusan a policía de "actitude intimidatoria e temeraria" e de "manipulación"Ademais, acusa a policía de "seleccionar as persoas acusadas" e de "manipular probas", como o caso dunha foto que "na denuncia sae recortada e que no orixinal amosa a un axente cunha porra na man", o que contradí a versión que defenderon no xuízo os axentes denunciantes, "durante o que afirmaron non ter usado en ningún momento actitudes violentas cos estudantes e moito menos fixeron uso de porras ou calquer tipo de armas regulamentarias". Ao tempo, conta como el mesmo non foi recoñecido no atestado policial, pero si denunciado "tres días despois e logo de saír nos medios", malia que na rolda de recoñecemento tampouco foi recoñecido.
"Primeiro dinme que eu golpeo un policía por diante, acúsanme dunha agresión que tería vido doutra persoa e máis tarde outros axentes aseguran que os golpeei no lombo e non na cara", explica Sáez, que destaca tamén as "contradicións" de dúas testemuñas levadas pola policía "que son aboa e neta" ou vídeos aos que aluden as forzas de seguridade "e non son presentados como probas". "Querían ocultar algo agochando esas imaxes? Víase alí que eran eles quen agredían?", pregúntase.
Sáez asegura que os policías recoñecen facer "fichas policiais" de manifestantes e di que foi "vixiado" por axentes camuflados durante semanasE Jon Sáez vai máis alá, ao asegurar que os propios axentes terían recoñecido que facían "fichas policiais" de manifestantes. "É unha selección daqueles máis conscientes para descabezar as protestas", denuncia quen tamén aclara que unha funcionaria xudicial lle tería confesado que estaba a ser "vixiado". "Durante varias semanas tiven un coche preto da miña casa día tras día que logo me confesaron que eran policías camuflados", insiste quen sofre de ansiedade e insomnio e recibe tratamento, todo derivado deste caso.
O que fora candidato de AGE insiste nun "xuízo político e nada xusto" e insiste na actitude "agresiva" da Fiscalía e nas conversas dos axentes de policía durante o xuízo para "acordar" unha declaración ante as que considera "evidentes contradicións". Confía en que el e o resto de participantes sexan "absoltos" pero denuncia unhas actuacións que os imputados entenden como "un ataque político á protesta social e estudantil da cidade, como manifesta o feito de que un deles -e ao que se lle piden as maiores penas- sexa precisamente un aspirante a entrar no Parlamento".
Do mesmo xeito, Jon Sáez considera que aquela actuación policial foi "o culmen" dunha serie de "agresións" que terían comezado algo antes con aquela polémica carga sobre rapaces menores de idade na mesma cidade de Ourense ou outro desaloxo previo da mesma Biblioteca.
Durante o xuízo, só un dos sete mozos acusados recoñeceu que golpeara un policía "cona man" porque se vira "atrapado". "Reaccionei así nun momento de ofuscación", asegurou, mentres que o resto non só non recoñeceu os feitos, senón que acusou os axentes de "actitude hostil" ou "chula e agresiva".
Ningún comentario:
Publicar un comentario