O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG), integrado no Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en
Informática (CCII), valora dun xeito moi positivo a recente aprobación, por
unanimidade, dunha proposición non de lei presentada polo Grupo Parlamentario
Popular no Congreso dos Deputados para que a Enxeñería Informática e a
Enxeñería Técnica Informática acaden o mesmo nivel de definición académico có resto das enxeñerías.
A aprobación
da iniciativa parlamentaria esta mesma tarde representa, en palabras do propio
presidente do CPEIG, Fernando Suárez, un “paso firme e decidido na regulación
da profesión” que ofrece “maior claridade e seguridade no panorama normativo
das titulacións e dos profesionais da Informática”.
No texto da
iniciativa parlamentaría indícase que o Congreso dos Deputados insta ao Goberno
a que:
1. Adopte
as medidas necesarias para que, con respecto á normativa e competencias
regulatorias no ámbito profesional, a enxeñería informática acade o mesmo nivel
de definición académica có resto das enxeñerías.
2. Promova
a participación das entidades legais responsables, tanto do ámbito informático
académico como profesional, naqueles foros e organismos cuxa responsabilidade
implique o desenvolvemento e implantación das tecnoloxías da información e os
servizos dixitais.
O CPEIG
considera moi acertada a iniciativa por parte do grupo parlamentario propoñente
e polo conxunto dos grupos que a apoiaron. A partir deste momento, traballará,
como parte integrante do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en
Informática, para que os puntos aprobados da proposición non de lei se trasladen
ás accións concretas do Goberno e así mellore a situación regulatoria da
Enxeñaría Informática.
Ningún comentario:
Publicar un comentario