O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra vai a máis. Amplía a programación unha semana con máis espazos e as actividades superan as 300. “Da ciencia á ficción” é o tema da nova edición que se abre esta sexta feira.
Un mes como capital da literatura infantil e xuvenil. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil arrinca unha nova edición en Pontevedra co tema “Da ciencia á ficción”, máis de trescentas actividades que incorporan, nesta XVI edicións, colaboradores como CSIC, o Muncyt, o Museo de la Ciencia de Valladolid, a Tecnópole e a Fundación Barrié, entre outrosO lobo Orbil, a mascota oficial do Salón, está de novo en acción, desta volta, ataviado con bata branca de científico, como corresponde ao tema da nova edición, “Da ciencia á ficción” que se prolongará desde o 27 de febreiro, data da inauguración, até o 28 de marzo.
“O obxectivo do Salón do Libro segue a ser o mesmo co que naceu: a promoción da lectura, implicando a familias e docentes e contando con moitísimas entidades que adaptan os seus proxectos á temática de cada ano”, destaca a Concelleira de Cultura, Anxos Ribeiro facendo fincapé nos traballos desenvolvidos por corenta centros escolares da comarca que ficarán expostos no Pazo da Cultura, sede do evento. A previsión é que máis de 10.000 rapaces e rapazas participarán nas visitas, obradoiros e as máis de 300 actividades do programa do Salón do Libro deste ano.
Cinco semanas con teatro, música, danza, cine, contacontos, obradoiros, roteiros, charlas, presentacións de libros e exposicións para as que, por vez primeira, os espazos do Pazo da Cultura terán continuidade no Recinto Feiral, para albergar algunhas actividades, de maneira singular diante da forte demanda dos fins de semana.
De ciencia e de arte
O psicopedagogo Francesco Tonucci, o forense Ángel Carracedo ou o físico e divulgador Jorge Mira serán algúns dos convidados “científicos” dun Salón, no que, como todos os anos contará coa presenza de artistas como Paulo Lameiro, Pep Bou, Xoán Curiel, Raquel Queizás, Andrea Bayer, Itziar Ezquieta ou Miguel Vidal.
‘A pel da auga’, de Pep Bou; de ‘O circo atómico das irmáns Faynman’, de Chévere; ‘A guerra dos números’, de María Lado, Lucía Aldao e o SPJ Trío; ‘Godzilla’, da Banda de Música de Pontevedra; ‘Luppo’, de Baobab Teatro; ‘A gramola gominola’; ‘O ritmo do camiño’, da Tropa de Trapo; ‘Peter Pan’, da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra ou ‘A miña estrela’, da Orquestra de Cámara Lira son algúns dos múltiples espectáculos que ofrecerá o programa do Salón.
A exposición de ilustración da portuguesa Mafalda Milhões na Biblioteca Pública Antonio Odriozola ou a compilación de fotografías‘Cociñando contos. Búscate no salón’, de Miguel Vidal na Galería Sargadelos ademais das instaladas no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral que xiran arredor da ciencia completan o programa do Salón que, como todos os anos, inclúe obradoiros, presentacións de libros e multitude de actividades singulares.
O horario será de segunda a sexta feira en horario de tarde: de 17:00 a 20:30 horas. As fins de semana e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario