venres, 27 de febreiro de 2015

A folga estudantil baleira as aulas e enche as rúas polo ensino público

A greve estudantil deixou as aulas baleiras nas universidades e nos centros de ensino medio. Miles de estudantes inundaron as rúas das principais cidades e vilas galegas na defensa dun "ensino público e galego". 

De Lugo a Vigo, da Coruña a Allariz pasando por Cedeira e Ourense. O estudantado galego saíu esta quinta feira (26 de febreiro) ás rúas na defensa dun ensino "popular, científico, antipatriarcal e galego".
As aulas das facultades e centros de ensino medio ficaron baleiras na súa maior parte e xa durante as primeiras horas da mañá, segundo informaron fontes estudantís a Sermos Galiza. Por volta das 11:00 horas e perto dunha hora antes de se iniciaren as manifestacións, en Vigo e Compostela a policía española despregou importantes dispositivos.

Na cidade olívica catro furgóns policiais --acompañados desde o ar por un helicóptero-- vixiaban as inmedicacións da Praza América de onde partiría a mobilización por volta das 12.00h. Os axentes procederon ao rexistro e identificación de divers@s estudantes, algunhas delas por estaren a repartir material informativo entre a veciñanza que paseaba polas rúas.
A policía rexistrou e identificou estudantes antes e despois das manifestacións en Vigo e Compostela
Tamén na capital galega, varias persoas foron identificadas á súa chegada á Porta Faxeira. De igual maneira que a ducia de estudantes concentrad@s en Cee perante a casa do Concello. Segundo as Forzas de Seguridade por non teren notificado á delegación do goberno a convocatoria da concentración.
En Vigo, algúns estudantes foron identificados nas inmediacións da Praza América "20 minutos despois de rematar a manifestación", explicaron fontes estudantís a Sermos Galiza.
A Estratexia Universidade 2015 no punto de mira do estudantado
Para alén destes incidentes a media mañá, por volta das 12.00 horas arrincaron as mobilizacións. Berros de "máis becas e menos hipotecas" ou "ensino público e de calidade", denunciaron a política de recortes dos gobernos español e galego mais tamén as sucesivas reformas educativas.
No cerne das reivindicacións a loita estudantil contra a Estratexia Universitaria 2015 que comezou coa aprobación do 'decreto 3+2'. A redución dos títulos de grao a 3 anos para incrementar até 2 os estudos de mestrado foi duramente criticado polo estudantado que ve nesta medida unha ferramenta máis na "privatización" do ensino superior. 
Defenderon un "ensino público e gratuíto" fronte ás políticas que deixan "este dereito cada vez en menos mans"
As mobilizacións remataron nas principais prazas das cidades e vilas galegas onde representantes das organizacións estudantís, colectivos e asociacións convocantes deron leitura ao manifesto lanzado en decembro.


Cunha "soa voz", din, berraron "contra os recortes na educación, contra a masificación das aulas, contra a precarización da situación laboral do profesorado e contra que a universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar". Fronte a esta situación, defenderon, "un ensino público e gratuíto. Reivindicamos o común como algo a  defender de xeito colectivo por todas as estudantes e polos milleiros que xa non o son porque non tiveron a oportunidade de acceder a unha bolsa". 
A xornada de loita, que se prolongará durante todo o día, instaba o estudantado e a comunidade educativa a "construír desde as rúas" un "ensino en igualdade" e no que se use e defenda "a nosa lingua"; "a defender o que é noso, e impedir que quede cada vez en menos mans", concluíron.
Foto capa: GZ contrainfo
Fotos dentro: GZ Foto e GZ Nova

Ningún comentario:

Publicar un comentario