luns, 16 de febreiro de 2015

O presidente luso promove o ensino do portugués en Galicia

Asinará con Feijóo un acordo de colaboración para a promoción do portugués e presidirá, xunto cos monarcas españois, a entrega das Medallas de Ouro do Eixo Atlántico. 

Portugal tamén quere que o portugués sexa a lingua dos galegos. E, para iso, non dubidou en enviar ao país aos máximos responsables do Estado luso para promover o seu idioma. E é que o Presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco Silva, avalará coa súa presenza a sinatura dun acordo para a aprendizaxe do portugués.
 
Será o vindeiro día 19 de febreiro cando Cavaco Silva, aproveitará unha visita a Galicia, para asinar, xunto co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o Memorando de Entendemento para a Adopción do Portugués como Lingua Estranxeira de Opción e Avaliación Curricular no Sistema Educativo Non Universitario da Comunidade Autónoma de Galicia. O Memorando porase en marcha entre o Instituto Camões e a Xunta de Galicia.
 
Antes deste acto, Cabaco Silva presidirá, acompañado dos reis de España, o acto de entrega das Medallas de Ouro do Eixo Atlántico, e a clausura da súa XXIII Asemblea Xeral nun acto que se celebrará no Teatro Rosalía de Castro da cidade herculina.
 
Trátase da primeira vez que ambos os Xefes de Estado coincidan nun acto dunha organización transfronteiriza xa que até a data, os encontros entre ambos se circunscribían a visitas oficiais de Estado.  
 
A súa presenza prodúcese no ano en que se conmemora o 25 aniversario da Cooperación Transfronteiriza en Europa, na que o Eixo Atlántico foi, desde os seus inicios, un actor destacado a nivel europeo. De feito, despois de 25 anos segue sendo, non só a entidade transfronteiriza máis antiga de Europa, senón o único sistema urbano organizado, dunha eurorrexión europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario