mércores, 25 de febreiro de 2015

Non ao 3+2

O goberno do PP aprobou outra reforma do sistema universitario sen consenso coa comunidade universitaria, sen debate político ou social, sen unha avaliación da implantación da última modificación lexislativa e sen xustificación crible das súas propostas.

As mudanzas lexislativas que nos impoñen comezaron en 2012 cunha modificación de la Lei Orgánica de Universidades vía Decreto-Lei, que aumentou significativamente os prezos das matrículas para acercalas ao custo total dos estudos, subíndoos significativamente en moitas comunidades; estableceu unha nova regulación da dedicación docente do profesorado e incorporou varios mecanismos para que as comunidades autónomas limiten e controlen o gasto das universidades.

Continuando con esta política de agresión á Universidade Pública, foron fixados novos requisitos para a concesión de bolsas e axudas ao estudo e implantada unha fórmula de cálculo que na prática implica a redución destas contías. Ademáis, as sucesivas leis de orzamentos xerais do Estado e das comunidades autónomas estableceron novos recortes nos fundos destinados a bolsas e a transferencias correntes para as universidades e, coa imposición dunha ridícula taxa de reposición, impuxeron novas limitacións para a contratación de persoal producindo un envellecemento do plantel universitario.

O Goberno alterou tamén o sistema de acceso do alumnado á universidade e, nos últimos meses do seu mandato, ademáis de modificar a ordenación do ensino universitario, proponse fazer o mesmo (por decreto) cos requisitos para a creación de centros e universidades, así como co sistema de acreditación do profesorado universitario funcionario -fundamental para o acceso á profesión docente e investigadora- .

O STEG rexeita estas iniciativas, que só pretenden converter as Universidades en empresas de servizos educativos.

Non podemos aceptar unha reforma aprobada sen avaliar os novos graos, cuxa implementación comezou en 2007 no marco do Plan Boloña, o cal, lonxe de facilitar a internacionalización dos estudantes homoxeneizando a duración cos estudos dos países da nosa área, xerará novas disfuncións porque, como sinala o propio Consello de Estado no seu ditame, “parece difícil alcanzar tal homogeneización cuando dentro de nuestro propio país podría darse el caso, con la redacción del proyecto, de que un mismo título tuviera una duración diferente en una universidad y otra”. Isto podería aumentar aínda máis as desigualdades entre comunidades e entre universidades da mesma comunidade.

É máis, se tivermos en consideración os altísimos prezos dos estudios de posgrao e estas maiores dificultades para o acceso a bolsas e axudas, ditas transformacións van dificultar que ese alumnado con menos poder adquisitivo poida acceder á Educación Superior e, finalmente, ocasionará unha diminución significativa do número de estudantes universitarios. A nova estrutura de grao e máster reducirá nun 25% os títulos de grao, empeorará a calidade docente e abrirá as portas a novos recortes en profesorado e persoal de administración e servizos.

Por outra banda, a redución do número de créditos necesarios para finalizar os estudos de grao e a previsible perda de estudantes matriculados/as terá un impacto negativo no financiamento das universidades públicas, dando pé a unha reconversión das mesmas en beneficio das universidades privadas, que apostan polos posgraos como principal ámbito da súa actividade.

O STEG solidarízase coa Universidade Pública e rechaza frontalmente as medidas impostas polo Goberno.

NON AO 3+2, QUE ENCARECE OS ESTUDOS UNIVERSITARIOS E EXPULSA AO ALUMNADO CON MENOS PODER ADQUISITIVO
NON Á DESREGULACIÓN E FLEXIBILIZACIÓN NA CREACIÓN DE CENTROS E UNIVERSIDADES

NON A UN SISTEMA QUE PERMITE UNHA ACREDITACIÓN MENOS OBXECTIVA E SEN DEMOSTRAR EXPERIENCIA DOCENTE

Ningún comentario:

Publicar un comentario