mércores, 23 de decembro de 2015

Os titulados en Electrónica e Medicina son os que teñen unha maior taxa de emprego


Pola contra, en carreiras como Filoloxía Francesa ou Ciencias do Mar rexístranse os índices máis altos de desemprego

Os titulados en 2010 con maiores taxas de emprego en 2014 estudaron Enxeñería en Electrónica (98%), Licenciatura en Medicina (97,7%), Enxeñería en Automática e Electrónica Industrial (96,2%), Enxeñería Aeronáutica (96,0%) e Enxeñería Naval e Oceánica (94,6%), segundo revela a primeira enquisa do Instituto Nacional da Estatística (Ine) de Inserción laboral de Titulados 2014, publicada este martes.

Pola contra, os titulados con menor taxa de emprego estudaron Licenciatura en Filoloxía Francesa (50,6%), Diplomatura en Navegación Marítima (50,8%), Licenciatura en Filoloxía Arabe (51,4%), Licenciatura en Historia da arte (53,2%) e Licenciatura en Ciencias do Mar (54%).

Esta é a principal conclusión desta nova operación estatística, recollida entre setembro de 2014 e febreiro de 2015, que proporciona información sobre o proceso de transición da universidade ao mercado laboral da cohorte de titulados universitarios de primeiro e segundo ciclo e graduados universitarios do curso 2009-2010.

O número de titulados universitarios en España no curso académico 2009-2010 foi de 197.535 persoas, das que o 60,2% eran mulleres e o 39,8% homes. Por idade, o 59,1% tiña menos de 30 anos a 31 de decembro de 2014; o 24,9% entre 30 e 34 anos e o 16,0% 35 e máis anos. Un total de 1.766 tiñan unha discapacidade recoñecida superior ao 33%. Por tipo de universidade, o 85,8% estudou en universidades públicas e o 14,2% en privadas. Por rama de coñecemento, o 53,1% dos titulados realizou estudos de Ciencias Sociais e Xurídicas; o 22,5% de Enxeñería e Arquitectura; o 12% de Ciencias da Saúde. En todas as ramas houbo maioría de mulleres, excepto en Enxeñería e Arquitectura (29,0%), e a que tivo maior porcentaxe de mulleres foi Ciencias da Saúde (76,9%).

O 75,6% dos titulados universitarios en 2010 estaban ocupados en 2014. Menos da metade (43,2%) contaba con contrato permanente; o 33,9% con contrato temporal; o 12,0% tiña un contrato en prácticas, formación ou bolseiro; e o 10% era empresario ou traballador independente.

A TAXA DE PARO ALCANZA O 19,2%. En canto ao desemprego, a taxa de paro catro anos logo de titularse situábase no 19,2%. O desemprego afectaba máis aos máis novos (20,1% nos menores de 30 anos) fronte aos de 35 anos ou máis (15,1%) e ás mulleres (20,5%) respecto dos homes (17,2%). Do total de titulados no curso 2009-2010, 14.666 (7,4%) afirmaron que non traballaran desde que se titularon. Deles, máis da metade (58%) levaba buscando emprego máis de dous anos; o 9,2% entre un e dous anos; o 8,9% menos dun ano; e o 23,8% non buscara emprego desde a súa titulación. Os titulados universitarios con discapacidade presentaron unha taxa de emprego do 64,9%, 11 puntos inferior que os titulados sen discapacidade.

Ademais, a taxa de paro (24,3%) superou en cinco puntos á dos titulados sen discapacidade. Entre os titulados residentes no estranxeiro, a taxa de paro de en 2014 era do 16,1%, tres puntos menor que a dos que residían en España (19,5%). As taxas de paro máis baixas dos residentes no estranxeiro corresponderon a Alemaña (11,2%) e a países de América (14,6%).

ARTES E HUMANIDADES, A RAMA CON MÁIS DESEMPREGO. Por ramas de coñecemento, a dos titulados en 2010 que presentou unha maior taxa de emprego en 2014 foi a de Ciencias da Saúde (81,3%), seguida de Enxeñería e Arquitectura (80,8%). En canto ao desemprego, as taxas de paro máis elevadas déronse en Artes e Humanidades (28,0%) e en Ciencias (24,1%). Por tipo de universidade, os titulados nas universidades privadas tiñan unha taxa de paro sete puntos menor que os das públicas (13,1% fronte a 20,2%).

As menores diferenzas déronse nas ramas de Ciencias da Saúde (1,3 puntos) e en Enxeñería e Arquitectura (3,2 puntos). Ademais, a estatística reflexa que a porcentaxe de titulados asalariados cun contrato permanente era superior nas universidades privadas (48,8%) que nas públicas (42,2%). O 7,8% dos titulados universitarios do curso 2009-2010 ocupados traballaba no estranxeiro (9,7% homes e 6,4% mulleres) en 2014. Por idade, o 9,2% dos titulados menores de 30 anos ocupados traballaban fóra de España fronte ao 7,7% do grupo de idade de 30 a 34 anos e o 3% para os de 35 e máis anos.

ENFERMEIROS E LICENCIADOS EN ADE NO ESTRANXEIRO. Entre os que traballaban fóra de España en 2014, máis da metade (56,9%) era asalariado con contrato permanente; o 26,2% tiña contrato temporal; o 8,7% contrato en prácticas, formación ou bolseiro; e o 7,9% era empresario ou traballador independente A maioría dos que contaban cun emprego en 2014 no estranxeiro procedían da rama de Enxeñería e Arquitectura (4.394).

En termos relativos, a maior porcentaxe presentábao a rama de Artes e Humanidades, co 14,1%. As titulacións con maior número de ocupados fóra de España eran Diplomatura en Enfermería, Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas e Arquitectura.

MÁS CONTRATOS INDEFINIDOS EN CRIMINOLOGÍA E INFORMÁTICA. Por titulacións, os licenciados en Criminología e os graduados en Enxeñería Informática eran os que presentaban maiores porcentaxes de contratos permanentes (88,7% e 73,6%, respectivamente). Pola contra, os mestres en Educación Musical e os graduados en Turismo rexistraron as maiores porcentaxes de contratos temporais (70,8% e 61,9%, respectivamente). En contratos en prácticas destacaban os licenciados en Medicamento e en Bioquímica (87,2% e 57,9%, respectivamente), mentres que os graduados en Administración e Dirección de Empresas e os diplomados en Podoloxía tiveron as maiores porcentaxes de empresarios ou traballadores autónomos (66,4% e 59,4%).

SOBRECUALIFICACIÓN. O Ine sinala que tres de cada catro titulados universitarios do curso 2009-2010 ocupados en 2014 consideraban que estaban a desenvolver no seu traballo tarefas propias dun titulado universitario (incluído doutoramento e postdoctorado), mentres que o 11,3% afirmaba que o nivel máis apropiado era o de titulado en Formación Profesional de Grao Superior e o 7,2% o de estudos de Bacharelato ou Formación Profesional de Grao Medio. Por sexo, o 77,3% dos homes e o 72,9% das mulleres opinaban que o seu posto de traballo axustábase ao seu nivel de formación universitaria; por tipo de universidade, o 73% dos que estudaron nunha pública e o 84,2% dos que o fixeron nunha privada sostiña que o seu posto de traballo axustábase ao seu nivel de formación.

CANTO TARDAN EN ATOPAR O SEU PRIMEIRO EMPREGO. O 92,6% dos titulados universitarios do curso 2009-2010 tivo algún traballo desde que finalizou os estudos. Máis da metade dos que traballaron algunha vez estaba a facelo aos tres meses de finalizar os estudos. O 29,3% fíxoo mentres estudaba e continuou máis de seis meses nese emprego e o 24,7% tardou menos de tres meses en atopar o seu primeiro emprego. Os homes tardaron menos en atopar o seu primeiro emprego que as mulleres, xa que o 57,8% dos que traballaron algunha vez estaba xa o facía mentres estudaba ou tardou menos de tres meses en atopar o seu primeiro emprego, fronte ao 51,4% das mulleres

RESULTADOS POR CC AA. Atendendo á situación laboral en 2014 dos titulados universitarios do curso 2009-2010, as maiores taxas de emprego observábanse en Cataluña (82,8%), Baleares (81,1%) e Aragón (80,9%). Pola contra as menores déronse en Canarias (66,9%), Andalucía (67,5%) e Estremadura (69,1%). A maior porcentaxe dos titulados que traballaban na mesma comunidade na que estudaron dábase en 2014 en Baleares (91,2%) e o menor en Comunidade Foral de Navarra (47,7%).

POR UN NADAL MÁIS VERDE: Consellos para non consumirte nas festas

Probablemente, a crise económica contribuíu a reducir o impacto, pero o ambiente leva décadas clamando por unha redución no ritmo de consumo de recursos naturais. Constátase un gasto de enerxía superior ao necesario, unha produción de residuos esaxerada, o aumento do uso do transporte privado, o incremento de emisións de efecto invernadoiro e da contaminación en xeral. Son estes os síntomas dunha sociedade en perigo.

ADEGA elaborou o manual "Por un Nadal máis verde"  para axudarche a superar as festas do consumismo.

Eis algúns consellos que atoparás neste manual para que o noso comportamento nestas festas non contribúa a deteriorar o noso patrimonio natural:

- Na nosa mesa mellor produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida. Evita aqueles alimentos que percorreron moitos quilómetros até o noso prato procedentes de monocultivos en zonas arrasadas de bosque tropical, como son os ananás, ou ben de ecosistemas fráxiles, como o caso da cría de lagostinos nos manglesais ou capturados con pesca de arrastre. Innova este ano e muda de menú, merca produtos ecolóxicos, de pesca artesanal e de comercio xusto.

- Consume produtos galegos e etiquetados en galego. O consumo de alimentos, artesanía, etc. feitos en Galiza, por pequenas empresas, e de xeito artesán, contribúe a reducir emisións e inviste nos teus veciños e veciñas máis próximos.

- Non espolies o monte, evita arrincar seres vivos para os adornos naturais. Especies como o acivro ou a xilbardeira (Ruscus aculeatus) foron comunmente arrincados para este fin. Mellor que eles fiquen no medio natural e nós lle botemos imaxinación á hora de engalanar a casa por exemplo con materiais reciclados.



- De agasallar mascotas (mellor en adopción procedentes dun refuxio de animais) ou plantas, ten en conta que a persoa á que vai destinada será a responsábel de coidala axeitadamente todo o ano. Poderá?... Con todo, procura evitar agasallos de animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo. Ademais, a súa liberación fortuíta ou ben intencionada no noso ambiente pode causar graves danos á biodiversidade autóctona.

- Se precisas mercar ou agasallar cousas de países lonxanos lémbrate das entidades galegas que desenvolven iniciativas de comercio xusto. Agasalla compromiso co patrimonio natural e cultural de Galiza e contribúe a manter viva unha loita de máis de 39 anos. 

E lembra, consume sen consumirte. Bo nadal.

A Área Pública da CIG rexeita uns orzamentos continuístas que manteñen os recortes nos servizos públicos e no seu persoal

Demanda un Plan de Recuperación do Emprego que permita garantir unha sanidade, ensino, servizos e administración públicos e de calidade
Delegados/as da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) concentráronse este martes ás portas do Parlamento de Galiza coincidindo coa sesión de debate e aprobación da Lei de Orzamentos para 2016. Uns orzamentos que definiron como continuístas porque seguen recortando os servizos públicos, as condicións laborais do persoal dependente da Xunta de Galiza e non garanten a cobertura de todas as vacantes que se produciron ao longo destes anos.
Para a Área Pública da CIG, nestes orzamentos, o goberno galego “limitouse a facer unha transposición literal do aprobado no Estado español”. Así o explicou a portavoz, María Carme López Santamariña, quen sinalou que o único que se recolle é unha suba salarial para as traballadoras e traballadores do 1%. Unha porcentaxe que considerou “absolutamente insuficiente, coa que nos están vendendo que recuperamos os nosos salarios, cando levamos acumulado desde o ano 2010 un descenso do 30%”.
Por iso, López Santamariña asegurou que o goberno do PP na Xunta de Galiza, con estes orzamentos non permite “nin recuperar a parte salarial, nin os dereitos do persoal das administracións públicas e moito menos os servizos públicos”.
Taxas de reposición
Con respecto ás taxas de reposición, que nos orzamentos se amplían ata o 100% para servizos esenciais, saúde ensino e servizos básicos, López Santamariña considerou que son insuficientes. “Con todo o emprego público que se leva destruído é ridículo que só se repoñan as baixas producidas en 2015”, afirmou.
Fronte a iso a Área Pública demanda da Xunta de Galiza que se poña en marcha un Plan de Recuperación de Emprego en todos os servizos públicos porque “a día de hoxe atopámonos que non só que falte moito persoal e postos de traballo, senón que moitos servizos públicos teñen desaparecido”.
López Santamariña denunciou ademais que en Galiza “temos o agravante de que o señor Feijoo segue machacándonos, considéranos empregados/as de segunda e de terceira categoría, xa que segue a manter os recortes nas nosas pagas extra”.
A este respecto lembrou que o persoal da administración pública mantén diferenzas salariais con respecto ás traballadoras e traballadores do Estado en Galiza, co engadido de que só o persoal da Xunta ten unha merma a maiores do 7%. “O 2016 tiña que ser un ano de igualarnos ao resto dos traballadores da administración do resto do Estado, que si cobran as pagas extra completas”.
Chamamento á reflexión
Por iso fixo un chamamento á reflexión ao goberno galego para que o PP “no canto de aplicar o rodillo, como nos ten acostumados/as, impoñendo todas as condicións que eles queren” sente a negociar “non só no relativo a retribucións e dereitos laborais, senón tamén no referido ao funcionamento dos servizos públicos”.
A portavoz da Área Pública concluíu demandando a derrogación da Lei de Medidas, a convocatoria das mesas de negociación e a que nunca máis se presenten uns orzamentos tan “antisociais e anti servizos públicos”.

Campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos

PDF - 789.1 KBNon se trata de forzalos a xogar cos xoguetes que non lles gustan, pero tampouco impedirlles facelo con aqueles atribuídos pola sociedade ao outro sexo. Existen estereotipos que impiden o desenvolvemento das súas capacidades e habilidades que non se corresponden coa realidade.
Cunha boa elección axudaremos a desmontar mitos coma o de que as nenas son máis sensibles e os nenos máis áxiles e fortes.
A publicidade e a sociedade márcannos a imaxe e o emprego que deben ter os xoguetes infantís. Moitas veces estes estereotipos non reflicten a nosa realidade. Na nosa man está o cambio. Aínda que non poidamos controlar a utilización destes xoguetes polo resto da sociedade nin as mensaxes publicitarias si somos responsables da educación das nosas rapazas e rapaces.
Aquí vos presentamos uns materiais elaborados pola Deputación de Pontevedra que vos animamos a redistribuír
Un recortable para imprimir e xogar
PDF - 5.1 MB
Folleto explicativo da Campaña

As profesións TIC serán as máis demandadas de 2016

Esta recta final de ano que estamos a vivir é dende sempre un período clásico de recontos e previsións. Entre os informes máis interesantes para os lectores de Código Cero atópase sen dúbida o ranking feito pola firma Randstad no que se especifican os perfís profesionais de meirande proxección para o novo ano que se achega, ou sexa, aqueles tipos laborais que van ser máis demandados por todo tipo de empresas ao longo de 2016. A clasificación agoira o que xa avanzamos hai uns días dende a Cidade da Cultura de Galicia na compaña de Everis e AMTEGA: que haberá unha nova suba na demanda de profesionais TIC por parte das empresas galegas, estatais e europeas.
Así, máis en detalle, o ranking de Randstad está encabezado por enxeñeiros, comerciais e profesionais das novas tecnoloxías da información. Por capacidades, as máis reclamadas serán as seguintes: capacidade analítica, orientación a resultados, visión estratéxica, experiencia e coñecementos en comercio e vendas.
No estudo detállase que o sector TIC será unha vez máis un dos principais eidos de contratación en España e Europa, sobre todo de enxeñeiros informáticos con experiencia laboral (principalmente programadores .Net e Java, consultores de CRM e desenvolvedores de aplicacións móbiles e de comercio electrónico). No que atinxe a mercadotecnia e vendas, confírmase que para 2016 recuncará como un dos ámbitos de meirande dinamismo profesional (de feito en 2015 abrangueu o 15% das ofertas totais de emprego). Iso si, neste ano que está a piques de comezar e sen saírmonos do eido do marketing, requiriranse traballadores con meirande responsabilidade, como por exemplo brand managers, key account managers e marketing managers.

Xa podemos colaborar para galeguizar as buscas da biblioteca dixital Europeana

A Europeana (a gran biblioteca dixital europea) e a comunidade internauta (a nosa pero tamén as demais) piden máis presenza da nosa lingua no seu seo. Máis polo miúdo, os seus impulsores requiren que poidamos facer buscas en galego no repositorio, un macro-acubillo de información de acceso libre que xunta máis de 45 millóns de documentos dixitalizados de máis de 2.300 institucións culturais dos 28 Estados membros da Unión. Así nolo lembran estes días dende a Universidade de Santiago (USC), que recorda que “con semellante cantidade de documentos de todo tipo”, dende libros e xornais a revistas pasando por gravacións orais ou pinturas ou mapas, “as buscas resultan imprescindíbeis”. E se poden ser en todas as linguas europeas, mellor que mellor.
O obxectivo de Europeana, de feito, é mellorar a calidade das procuras e que todos poidamos atopar o máis doadamente posíbel o que buscamos, ao tempo que se garante a diversidade e a gran vantaxe do multilingüe. Polo tanto, a gran biblioteca dixital europea remata ano cun propósito que nos atinxe de cheo: que tanto no que respecta aos elementos propios da procura como no relativo aos metadatos (os datos que describen os documentos e que serven para localizalos), todas as persoas usuarias do macro-acubillo dixital poidan facer procuras nas súas propias linguas. “Arestora”, informa a USC, “as coleccións de Europeana teñen metadatos en mais de trinta linguas europeas; no futuro todos os usuarios e usuarias europeos deberían poder facer as súas buscas nas linguas de seu”.
Para este labor, os impulsores da biblioteca europea propuxeron un traballo colaborativo. Así, precisan falantes de toda Europa que introduzan termos de busca nas súas linguas nais, para así logo poder avaliar a pertinencia deses termos. Segundo informa a USC, “as galegas e galegos temos aquí unha oportunidade de introducir a nosa lingua: ofrecendo a nosa propia versión da lapela de buscas xerais de Europeana, onde aínda non aparece o galego”. Para as e os internautas que se animen a colaborar, poden facelo seguindo os pasos detallados no caderno en liña da iniciativa.

A Universidade de Vigo, na vangarda da criptografía cuántica

A revista científica Nature Photonics publica un estudo sobre a fiabilidade da criptografía cuántica no que participa Marcus Curty, investigador de AtlantTIC.

A revista científica Nature Photonics —referente na investigación de fotónica, optoelectrónica, ciencia do láser, imaxes e comunicacións ópticas— publica no seu número de decembro un novo artigo no que participa o investigador de AtlantTIC e profesor da Universidad de Vigo, Marcos Curty, titulado 'Discrete and continuous variables for measurement-device-independent quantum cryptography', centrado en demostrar a viabilidade da criptografía cuántica en áreas metropolitanas, non exclusivamente para transmisións a longa distancia.
O obxectivo da investigación é demostrar a viabilidade dos sistemas de criptografía cuántica para lograr altas taxas de transmisión plenamente seguras en redes metropolitanas. Os investigadores probaron que o seu sistema pode ofrecer prestacións similares aos sistemas convencionais tamén en comunicacións a curta distancia, e non unicamente en longas distancias. Con este estudo, amosaron á comunidade científica que é posible lograr comunicacións absolutamente seguras con taxas de transmisión próximas ao límite teórico imposto pola mecánica cuántica, tanto a curta como longa distancia, incluso cando os detectores do sistema están corrompidos.
Na actualidade, estanse tendendo redes de criptografía cuántica en diversos países como Estados Unidos, China, Suíza ou Xapón, e agárdase que o sistema desenvolvido por este equipo internacional xogue un papel esencial a curto prazo; de feito, foi implementado recentemente nunha rede metropolitana na área de Shanghai.
Dende hai varios anos, o investigador da UVigo traballa en criptografía cuántica, unha área de coñecemento enfocada a garantir a transmisión de datos ou información dun xeito completamente seguro. Tal e como o propio Curty indica, “a criptografía cuántica permítenos ter comunicacións totalmente seguras”, xa que son sistemas "que non se poden romper” afirma en declaración recollidas no Diario da Universidade de Vigo. Por iso, no mundo actual, no que o intercambio de información sensible a través de Internet crece a diario, institucións, empresas e gobernos traballan para crear redes seguras baseadas neste tipo de protocolos.

Grazas ao seu traballo en colaboración con outros grupos internacionais en institucións de referencia como o Massachusetts Institute of Technology, o Oak Ridge National Laboratory, as universidade de Toronto, Osaka e Xenebra e empresas de telecomunicacións como NTT ou Toshiba, entre outros, Curty incluíu os seus estudos sobre criptografía cuántica en publicacións como Nature Photonics.
Vantaxes da criptografía cuántica
Os métodos actuais de criptografía non son totalmente seguros. A súa seguridade depende en xeral dos recursos computacionais que destinen as persoas que queiran rompelos e as capacidades e sistemas que existen na actualidade os converten xa en vulnerables. A criptografía cuántica soluciona esa problemática, achegando solucións absolutamente seguras e fiables para a transmisión de información. O investigadores saben que é completamente segura porque se basea nos principios teóricos da mecánica cuántica.
Sen embargo, unha cousa é a teoría e outra é a práctica. Así, segundo informa o DUVI, en 2010 investigadores da Universidade de Waterloo demostraron a dificultade de lograr que as implementacións experimentais de criptografía cuántica cumpran os requisitos impostos pola teoría para lograr seguridade absoluta. En concreto, nun traballo tamén publicado en Nature Photonics, estes investigadores probaron que dentro dos sistemas de encriptado cuánticos existe un elemento vulnerable: os detectores ópticos. Estes dispositivos son facilmente manipulables dende o exterior con iluminación adecuada, facendo que o sistema de encriptado sexa inseguro. A partir dese momento, a hipótese de partida nas investigacións de Curty, en colaboración cun equipo da Universidade de Toronto, centrouse en demostrar a seguridade da criptografía cuántica cando o dispositivo de medida do sistema que inclúe os detectores está corrompido. Así, comezaron a traballar na idea de que tanto o transmisor como o receptor actuasen como transmisores, de tal maneira que ambos enviasen sinais luminosas a un terceiro elemento externo, que contén todos os detectores, e que non é necesario protexer porque, como explica Curty “se pode demostrar que a mecánica cuántica permite determinar se un atacante trata de acceder ao mesmo”.
Como resultado, tense un sistema plenamente seguro independentemente do funcionamento dos detectores. É máis, estes poderían ser proporcionados directamente polo atacante e o sistema seguiría sendo seguro. Esta investigación tivo gran repercusión internacional no seu momento e publicáronse reportaxes en Science News, Physics World ou nos Physics highlight of the year da Sociedade Americana de Física. Do mesmo xeito, varios grupos experimentais e empresas internacionais xa confirmaron experimentalmente a viabilidade da propuesta.
Froito destas recentes investigacións, Nature Photonics publicou o novo artigo no que participa Curty, en colaboración con investigadores do Massachusetts Institute of Technology, do Oak Ridge National Laboratory e da Universidade de Toronto, onde se continúan as investigacións iniciadas hai tres anos. Se ben é certo, non é a primeira vez que Curty publica as súas investigacións nesta prestixiosa revista, que xa en 2014 incluíu outro dos seus artigos en colaboración co investigador nipón Kiyoshi Tamaki e co canadense Hoi-Kwong Lo.

A Galipedia necesita máis mulleres

É ben sabido que existe aínda unha importante fenda de xénero en moitos campos relacionados coas novas tecnoloxías e a informática, dende o nivel máis estritamente académico e profesional (apenas o 20% do alumnado das carreiras tecnolóxicas en Galicia é muller e as mulleres son igualmente minoría no persoal das empresas TIC) ata outras cuestións. Esta desigualdade é, dende logo, moi negativa para estes campos, pero tamén para a propia muller, relegada nun terreo que está marcando de forma decisiva a sociedade e economía do planeta dende hai anos, unha importancia que non vai deixar de crecer.
"Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial", destacaba o pasado ano en entrevista con Praza María José Rodríguez Malmierca (CESGA), unha visión que compartía tamén Sabela Ramos, profesora da Facultade de Informática da Coruña: "A informática é hoxe un campo moito máis importante que hai 30 anos e hai aínda menos mulleres das que había hai 30 anos". "Fai falla visibilizar roles femininos nas TIC que inspiren e dean seguridade ás estudantes", demandaba Ramos, na mesma liña que Susana Ladra, vicedecana na mesma Facultade: "Toda a sociedade coñece a Bill Gates ou Steve Jobs. Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo".
Calcúlase que ao redor do 13% dos editores da Wikipedia en todo o mundo son mulleres
A fenda non é só académica ou profesional, e esténdese a numerosos prácticas e fenómenos que teñen na rede o seu escenario e que cada vez cobran unha relevancia social e económica maior. Unha delas ten que ver coa Wikipedia, a enciclopedia libre. 500 millóns de usuarios e usuarias mensuais en todo o planeta, con 73 mil editores e editoras activas, 37 millóns de artigos en 287 linguas converten este proxecto colectivo na base de datos universal do coñecemento humano. E nel, de forma moi alarmante, as mulleres ocupan un papel moi pouco relevante, representando apenas o 13% dos editores, as persoas que crean ou corrixen artigos.
Para loitar contra esta fenda, un grupo de activistas, encabezadas por Carmen Galdón, levaron a cabo nos últimos meses unha serie de obradoiros en Medialab Prado baixo o título de Cuarto Propio en Wikipedia, en referencia ao Cuarto de seu que Virginia Woolf reclamaba para o completo desenvolvemento da muller. O obxectivo era que un grupo usuarias habituais da enciclopedia pasasen a ser produtoras de contidos. As impulsoras do obradoiro destacaban que "Wikipedia é considerada a obra de referencia de maiores dimensións xamais creada polo ser humano e o espazo máis amplo de intercambio de coñecementos do mundo". Porén, nela "unha gran parte das escasas entradas relativas ás achegas de mulleres ao desenvolvemento das ciencias e as artes" son "anecdóticas ao tempo que nesgadas".
Na Galipedia, a proporción de editoras activas rolda o 10%
E que sucede na Galipedia, a Wikipedia en galego? En principio, semella que a presenza feminina se sitúan no mesmo nivel minoritario que no conxunto da enciclopedia, aínda que non é posible contarmos con datos exactos pois os editores non están obrigados a informar do seu xénero no momento de rexistrarse. Segundo comenta Elisardo Juncal, un dos administradores da Galipedia, na lista de usuarios/as activos/as (quen fixeron algunha edición nos últimos 30 días), un total de 310, hai uns 30 usuarios cun nome de muller pero a maioría teñen menos de dez edicións nese período. É dicir, roldando o mesmo 10% dos datos globais. Elisardo Juncal explica ademais que "se miramos o número total de edicións por usuario, dos 250 con máis edicións, tan só 10 son mulleres. E o que é peor, actualmente ningunha delas está activa". E engade que "un dato que si é fixo é que dos 14 administradores da Galipedia ningún é muller".
"Con estes datos, é claro que a Galipedia ten que resentirse e ter un nesgo masculino bastante marcado. Hai temas que directamente non existen ou que están pouco desenvolvidos"
Para Juncal, "a actividade feminina na Galipedia é baixísima, somos conscientes delo, pero non temos medios para remedialo porque un dos problemas máis importantes que temos é conseguir achegar novos usuarios ó proxecto, independentemente do xénero, e que se manteñan activos dentro del". Engade que "por iso precisamos a colaboración doutras entidades ou asociacións para resolver este problema e sempre estamos abertos a colaborar en actividades que promocionen o proxecto en tódolos eidos".
Cre que esta escasa proporción de editoras pode provocar un nesgo nos contidos, contribuíndo a invisibilizar a actividade presente ou pasada das mulleres en moitos campos: "con estes datos, é claro que a Galipedia ten que resentirse e ter un nesgo masculino bastante marcado. Hai temas que directamente non existen ou que están pouco desenvolvidos. Temos menos biografías de mulleres e as que hai teñen menos información que as súas homólogas de homes". Cita como exemplo a recente publicación da Axenda Feminista 2016, na que se destacan a doce científicas galegas actuais: "tan só unha ten artigo na Galipedia, cando outra delas ten mesmo artigo na Wikipedia en inglés".
Que perde a Wikipedia con esa baixa proporción de achegas feitas por mulleres? Que perden as mulleres ao estarmos tan lonxe da igualdade nun proxecto tan importante coma a Wikipedia? Para Elisardo Juncal, "este problema é unha perda importante para o proxecto, pero non só a nivel de contidos, senón tamén en termos de calidade, xa que nalgúns artigos pode faltar o punto de vista feminino ao faltarnos a visión das usuarias do proxecto. Procuramos evitalo na medida das nosas posibilidades, xa que os artigos deben mostrar os contidos de forma neutral, pero ante o panorama no que nos atopamos é inevitable que algúns dos contidos saian resentidos". "Isto, ao final, tamén afecta á visibilidade e á difusión de todo o que atinxe ás mulleres xa que a Galipedia, pouco a pouco, vai collendo a súa posición dentro das obras de referencia de diferentes campos", engade.
"Isto, ao final, tamén afecta á visibilidade e á difusión de todo o que atinxe ás mulleres xa que a Galipedia, pouco a pouco, vai collendo a súa posición dentro das obras de referencia de diferentes campos"
Que está facendo a Galipedia para tentar incorporar a máis mulleres e para reducir os nesgos nos contidos? Juncal destaca que "este problema foi exposto e debatido en varias ocasións no proxecto pero non demos atopado formas de mellorar esta situación", aínda que periodicamente se impulsa algunha iniciativa ao respecto, como foi o pasado ano a colaboración no concurso Wikinformática, organizado pola Facultade de Informática da UDC, que consistía en que alumnos de secundaria creasen biografías de mulleres científicas en formato wiki. "Gustaríanos seguir participando e aumentando as colaboracións deste tipo", conclúe.

martes, 22 de decembro de 2015

Tempo de vacacións

Os concellos dezáns pon en marcha campamentos do Nadal e ludotecas para favorecer a conciliación familiar.

As vacacións de Nadal son para os máis novos de casa sinónimo de moito tempo libre para gozar dos xoguetes, os libros e os amigos. Para non perder o contacto con estes, nada mellor que apuntarse xuntos a un campamento ou a diversas actividades que se organizan para que se vivan en familia. Son dúas semanas nas que o lecer prima ante todo.
Ata o 7 de xaneiro, os escolares disporán de máis de dúas semanas de vacacións nas que poderán gozar dos agasallos de Papá Noel e dos Reis Magos. Pero mentres estas personalidades non visitan cada casa para depositar os obsequios, os pequenos teñen á súa disposición un bo número de actividades lúdicas postas en marcha desde os concellos para permitir a conciliación laboral das familias. Así, desde onte e ata o 31 de decembro ten lugar un campamento do Nadal en Lalín, cun aforamento de 40 nenos por cada quenda. Ademais, a cabeceira comarcal dezana inicia hoxe unha programación lúdico-cultural, coa visita do Apalpador polas rúas peonís (a partir das 18.00 horas) e o concerto da Orquestra do Conservatorio na carpa da Praza dá Igrexa, ás 20.00 horas.
A figura de Ou Apalpador tamén se deixará ver esta tarde polas rúas de Silleda, que desde onte e ata o 5 de xaneiro organiza un campamento do Nadal para os máis novos. Tamén en Trasdeza, ás 17.00 horas terá lugar no pavillón de deportes unha xornada de integración con Working Wheels. Silleda Park, pola súa banda, acolleu antonte clases e exhibicións de kung fu e zumba. O parque volverá abrir o venres no recinto feiral.
Vila de Cruces e Agolada tamén se suman á programación infantil con senllas propostas cheas de contidos e actividades variadas. No caso de Cruces, desde onte e ata mañá a biblioteca municipal acolle unha ludoteca. E, falando de ludotecas, disponse dunha no centro comercial Deza, que ademais ata a 31 conta cun inchable xigante no corredor principal do establecemento.
 

Abertos ao Galego presenta o Catálogo de Nadal 2015

As empresas de Abertos ao Galego diríxense novamente a todas a galegas e todos os galegos que aman a nosa lingua para que poidan coñecer mellor a oferta que hai no idioma de noso para poderen facer agasallos, desde libros e pezas de vestir até bonos de masaxes ou produtos de alimentación ou por outras moitas cousas interesantes.
Este catálogo terá sobre todo a súa vida en Internet, nomeadamente a través das redes sociais, no seguinte enderezo: http://issuu.com/abertosaogalego/docs/catalogo_abertos_2015_hq
Consumo responsábel co galego
Esta publicación ten na súa primeira páxina un decálogo con Razóns para apoiarmos un consumo responsábel co galego, no cal se lembra que todas as decisións que tomamos como consumidoras e consumidores teñen implicacións e que as empresas que apostan polo galego fano dun xeito consciente, cunha aposta polo propio, pola calidade e pola proximidade. Así, asumir un consumo responsábel co galego é tamén apoiar empresas que asumen a súa responsabilidade social.

Dispoñíbel en probas a versión de PicarOs para tabletas

Esta semana soubemos de dúas novidades importantes achegadas pola nosa comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre (máis polo miúdo a asociación GALPon). Por unha banda, soubemos do lanzamento en probas da versión para tabletas do sistema operativo libre PicarOS, como lembraremos especialmente dirixido para os máis pequenos da casa. Pola outra, presentáronse as liñas xerais da publicación da versión alfa de MiniNo 3.0, distribución GNU/Linux baseada en Debian que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos (e que precisamente serve de raizame a PicarOs a través dunha adaptación á nenez da súa interface, características e funcións).
Volvendo á versión para os ditos dispositivos de PicarOS, dicir que xa foi creada unha imaxe de probas de PicarOs Diego 2015 para tabletas x86. Esta imaxe, sinala Mancomún reflectindo información de GALPon, está probada nunha tableta Acer ACER P3 cun i3. Dende o colectivo de desenvolvedores animan a todos os interesados a probala e deixar os seus comentarios nos foros específicos (e o mesmo se lle tiran proveito noutros dispositivos semellantes).
No que atinxe a MiniNo personalizouse para o ámbito do ensino secundario a versión MiniNo Ártabros, feita por Santiago Camblor, profesor de tecnoloxía do IES Pedro de Tolosa de San Martín de Valdeiglesias (Madrid). Esta adaptación conta cunha serie de aplicacións empregadas en Secundaria, e tamén con usuario para o alumno de tipo usuario conxelado, de xeito que cando se pecha a sesión bórranse todos os cambios feitos.
Ademais, como dixemos ao comezo, xa vai estar dispoñíbel a primeira versión alfa da nova MiniNo 3.0 para a que se conta ter a primeira versión beta para principios de ano. Os interesados en probar esta nova versión e colaborar reportando erros poden descargala no portal de MiniNo.

Vascos e frisóns apostan por crear unha Rede de Academias de Linguas Minoritarias

A Real Academia da Lingua Vasca, Euskaltzaindia, e a Academia da Lingua Frisia, asinaron na pasada sexta feira un convenio para impulsar unha Rede de Academias de linguas minoritarias de Europa para defender os seus dereitos conxuntamente na Unión Europea. 

Tal e como informou a propia Euskaltzaindia, na pasada sexta feira asinaron cos seus homólogos frisóns un convenio de colaboracion para impulsar o estudo das súas respectivas linguas, ademais de impulsar a creación dunha Rede de Academias de linguas minoritarias de Europa.
Esta rede tería como obxectivo lograr o recoñecemento das institucións da Unión Europea, coa fin de impulsar o coñecemento e o respecto á diversidade lingüística dentro da propia Unión. Segundo informan na web, ambas as dúas institucións traballarán conxuntamente para que outras academias se unan ao convenio, que tamén contempla facilitar o intercambio de información, libros e publicacións, así como o coñecemento de métodos e técnicas que cada institución aplica aos seus proxectos de investigación. Tamén se comprometen a cooperar en publicacións de interese común e a organización de seminarios, relatorios, xornadas e congresos que dean maior visibilidade ás linguas minorizadas.
A galega, á espera de novas
Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, ao ser consultado por Sermos, afirmou non ter coñecemento do convenio, pero manifestou o seu interese na iniciativa e anunciou que desde a rúa Tabernas se poñerán en contacto coa Euskaltzaindia de forma inmediata para saberen máis do proxecto.

A CGENDL rexeita o Premio da Cultura por chegar dun goberno que lexislou contra o galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística non acudirá hoxe á gala de entrega dos Premios da Cultura Galega por proceder dun Goberno “que foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego.

A CGENDL decidiu rexeitar o galardón por consideraren “unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega”, segundo manifestan nunha nota enviada á prensa. 
A pesar de sentírense “honrados” polo premio, declinan aceptalo por proceder dun goberno “que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos”. Ademais acusan ao Goberno Feijoo de ser “o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada”.
Os membros do Consello Directivo da CGENDL non irán esta noite recoller o premio, pois “non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena”. Pero si irán os outros premiados: a escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen March.

luns, 21 de decembro de 2015

Aquí están os 10 grandes descubrimentos científicos do 2015




A revista 'Science' publica a súa escolma, que inclúe a vacina do ébola, a chegada a Plutón e as 'tixeiras' para modificar o ADN.
 
A reviista 'Science' escolleu os 10 descubrimentos do 2015.
Como cada ano, a prestixiosa revista Science publicou a lista dos dez descubrimentos máis importantes do ano. Entre os máis destacados atópanse a chegada a Plutón, a ferramenta para modificar o ADN, a primeira vacina contra o ébola e o descubrimento dunha nova especie de homínido.
  1. DÚAS MULLERES REVOLUCIONARON A EDICIÓN DO ADN
No número 1, Science destacou a ferramenta CRISPR/Cas9 como o acontecemento científico do ano. Ese é o nome que, por agora, recibe a nova ferramenta de edición de xenomas desenvolvida polas científicas Jennifer Doudna e Emmanuelle Charpentier en 2012. Grazas a esta técnica, é posible manexar o ADN para modificar os xenes, introducir ou corrixir mutacións, e, en definitiva, reescribir a vontade a mensaxe da vida.
Supón un avance revolucionario, porque as súas aplicacións abarcan desde o tratamento e deseño de estratexias para enfermidades como a malaria ou o cancro, ata a mellora dos cultivos transxénicos ou a edición de embrións humanos. E, ademais, é unha técnica moito máis barata que as que existían anteriormente. Por todo iso, o traballo das súas autoras foi recoñecido co premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica no 2015. E non poucos din que apuntan a Nobel.
  1. O CORAZÓN XEADO DE PLUTÓN

O 14 de xullo, a sonda New Horizons, lanzada pola NASA en 2006, realizou o seu máximo achegamento a Plutón, a unha distancia de 12.500 km. Coa visita ao planeta anano foi completado o primeiro recoñecemento inicial do noso sistema solar.
Desde entón, as imaxes achegadas polos instrumentos de New Horizons desvelaron segredos inesperados de Plutón, como a súa superficie en forma de corazón ou o descubrimento dunha actividade xeolóxica de varios millóns de anos que podería continuar hoxe día.
  1. O SISTEMA LINFÁTICO ACTÚA NO CEREBRO
O sistema linfático encárgase de limpar os residuos do organismo e xoga un papel crave no funcionamento do sistema inmunológico. Os neurocientíficos sorprendéronse ante o descubrimento de que este sistema actúa tamén no cerebro.
Os expertos suxiren que o mal funcionamento dos vasos linfáticos no cerebro podería ser unha das causas dalgúns trastornos neurológicos como a esclerose múltiple ou o alzhéimer. Por tanto, no futuro hai que investigar a fondo a relación entre o sistema linfático e o cerebro para descubrir a súa conexión con este tipo de doenzas.

  1. A PRIMEIRA VACINA CONTRA O ÉBOLA
A Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciou este verán que os ensaios clínicos dunha nova vacina contra o virus do ébola en Guinea presentaran unha efectividade do 100%. Os resultados demostraron que unhas 4.000 persoas en contacto con este virus durante dez días non se contaxiaron da enfermidade grazas á vacina.
VSV-ZEBOV, nome que recibiu o medicamento, combina distintos compoñentes  para lograr un virus debilitado que non causa a enfermidade, pero fai que o organismo xere unha resposta inmune. Aínda que a vacina se atopa en fase preliminar e serán necesarias máis probas no futuro para a súa mellora, o avance xera grandes esperanzas na loita contra esta grave enfermidade.
  1. A ACCIÓN PANTASMA QUE EINSTEIN ODIABA
A teoría cuántica predicía que a observación dun obxecto pode afectar xusto nese momento a outro, aínda que estea na outra punta do universo, un fenómeno no que Einstein non cría, xa que consideraba que ningunha información pode viaxar máis rápido que a luz. Con todo, este ano conseguiron que dous electróns separados máis dun quilómetro de distancia manteñan unha conexión ‘invisible’ e instantánea, superando o problema que preocupaba a Einstein.
O descubrimento, ao que contribuíu o Instituto de Ciencias Fotónicas de Barcelona, permitiría desenvolver nas futuro tecnoloxías para mellorar a seguridade nas comunicacións e a informática de alto rendemento.
  1. A FIABILIDADE DOS ESTUDOS PSICOLÓXICOS, CUESTIONADA
Durante estes últimos anos houbo un gran esforzo en replicar os resultados dalgúns estudos importantes no eido da psicoloxía. Con todo, non foi ata 2015 cando un equipo de 270 investigadores descubriu que só o 39% dos estudos de referencia no campo da psicoloxía poden reproducirse sen ambigüidades.
Aínda que este resultado poida parecer inquietante, a maioría dos expertos acolleu os resultados de xeito optimista, ao considerar que isto lles pode axudar a comprender mellor a fiabilidade destes estudos.
  1. HOMO NALEDI, A NOVA ESPECIE DE HOMÍNIDO

Recentemente descubriron unha nova especie de homínido, chamada Homo naledi, da que se atoparon os restos de polo menos 15 individuos no xacemento Dinaledi en Sudáfrica. Cunha capacidade cranial de ao redor de 500 cm3, moito menor que a de humanos actuais, Homo naledi tiña características moi próximas ao xénero Homo en canto a mastigación, manipulación e locomoción refírese.
Con todo, pola estrutura da seu corpo, pola cadeira e pola capacidade cranial, achegaríase máis a Australopithecus, un xénero que desapareceu fai uns dous millóns de anos.
  1. FERMENTO MODIFICADO PARA OBTER OPIÁCEOS
Coa introdución de ata 23 fragmentos de ADN modificado no fermento, logrouse que esta produza dous compostos opiáceos, unhas sustancias moi poderosas para o tratamento da dor. Normalmente, estes só se podían obter a partir da chamada mapoula ou adormidera do opio “Papaver somniferum”, a través dun proceso extremadamente longo e custoso.
Con este avance, os científicos rematan coa limitación que supoñía obter estes compostos unicamente das plantas e abren as portas para desenvolver novos tratamentos para combater o cancro, enfermidades infecciosas e problemas crónicos como a artrite ou a alta presión sanguínea.
  1. SEGREDO DAS COLUMNAS DO MANTO TERRESTRE
Durante case 40 anos foron obxecto de debate as misteriosas columnas do manto terrestre, condutos de roca quente que ascenden desde o interior do noso planeta. Con todo, ata este ano non se sabía moito sobre a súa natureza.
Os científicos corroboraron a existencia de 28 destas columnas a través das ondas sísmicas xeradas polos terremotos, que se curvan e cambian a súa velocidade cando atopan un obstáculo no seu camiño. Isto desvelou que as columnas son máis anchas do que se esperaba, o que significa que expulsan cara a fóra máis calor procedente do núcleo terrestre, unha pista de que xogan un papel importante na regulación da temperatura do planeta.
  1. O HOME DE KENNEWICK, ANTEPASADO DOS AMERICANOS MODERNOS

O Home de Kennewick está datado hai 9.000 anos, polo que é un dos esqueletos máis antigos que se coñecen. Foi achado hai 19 anos preto da localidade que lle dá o seu nome, Kennewick, no estado de Washington (Estados Unidos). A secuenciación do xenoma dun óso da man deste esqueleto permitiu saber que algunhas tribos de indios americanos, como as Tribos Confederadas da Reserva de Colville, poderían ser descendentes dunha especie moi próxima a este homínido.
O descubrimento desmente a crenza de que o Home de Kennewick fose o antepasado de pobos nativos do Pacífico como os ainu e os polinesios.

AGAL lança @emgalego, um consultório lingüístico no Twitter

Aproveitando a agilidade desta rede social
Nesta conta vam-se publicar várias dicas diárias sobre léxico, sintaxe ou fonética em formatos de texto, imagem e vídeo

Hoje, 21 de dezembro, dia de começo do inverno, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) traz ar quente com o lançamento de umha ferramenta de correçom lingüística e, ao mesmo tempo, consultório. Trata-se de @emgalego, um perfil do Twitter gerido polo Conselho da AGAL, dirigido a qualquer pessoa que quiger aprofundar no conhecimento da língua galega, quer seja reintegracionista, quer nom.
Aproveitando a agilidade e a capacidade de interaçom desta rede social, o presente consultório visa complementar outro já existente, gerido pola Comissom Linguística da associaçom. O presidente da AGAL, Eduardo S. Maragoto, sinala entre as intençons deste produto «melhorar o nosso galego diariamente, um pouquinho cada dia, como se melhoram as cousas realmente importantes na vida».
Nesta conta vam-se publicar várias dicas diárias sobre léxico, sintaxe ou fonética em formatos de texto, imagem e vídeo. Ainda, através de @emgalego procurará-se responder com a maior rapidez possível as consultas formuladas por qualquer utente do Twitter.
A criaçom de @emgalego é a materializaçom de um dos pontos do programa eleitoral apresentado polo atual Conselho, presidido por Eduardo S. Maragoto, e situa-se dentro de umha série mais ampla de iniciativas que procuram umha maior presença do reintegracionismo na Internet.
Do Conselho da AGAL anima-se qualquer utente da língua galega a colaborar com esta iniciativa mediante o envio de dicas nos diversos suportes. Ainda, toda pessoa que quiger colaborar de maneira regular ou resporádica, poderá fazê-lo enviando umha mensagem eletrónica para secretaria(a)agal-gz.org.
https://youtu.be/jKXzHLMKRWE

A Rede de Dinamización Lingüística anuncia que traballará por afianzar o galego nas TIC

Esta semana aprobouse en Celanova a programación de actividades para 2016 da Rede de Dinamización Lingüística. Asemade, o Consello de Membros da Rede deu corpo definitivo ás súas liñas estratéxicas vindeiras a curto prazo. Entre estas liñas aproadas figura a dinamización lingüística nos ámbitos familiar, xuvenil e económico. Este labor de revitalización do galego, fíxose saber, será extensíbel ás novas tecnoloxías. A cita celebrouse no Mosteiro de San Salvador da localidade ourensá. A xuntanza do consello foi presidida polo secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, titular da RDL. Nun plano máis específico, a Rede quere “tirar proveito das sinerxías que se poidan producir polo dominio galego .gal”.
A nova programación de actividades para o ano 2016 aprobada, de xeito unánime, polo Consello de Membros -tras ser esta elevada pola Xunta Directiva da RDL a proposta da súa Área Técnica- inclúe a promoción do uso do idioma no ámbito das novas tecnoloxías (considerado transversal no Plan xeral de normalización da lingua galega) e “aproveitar as sinerxías”.
Outra das iniciativas da axenda 2016 é a campaña de dinamización lingüística no tecido económico. “O obxectivo”, díxose, “é incidir dende o ámbito local, aproveitando para iso a vindeira posta en marcha do Plan de dinamización da lingua galega 2015-2020 que está a preparar a Xunta en colaboración cos principais axentes implicados no eido empresarial e na promoción do uso da lingua galega”.
A Rede tamén se comprometeu a promover “o emprego, a utilidade e a visibilidade da lingua propia de Galicia en actos e cerimonias de carácter relixioso e civil, cunha nova edición de textos para bautismos, casamentos, defuncións, funerais ou acollementos”.

Estudantes de oito países familiarízanse coa lingua e a cultura galega

O país con máis alumnos e alumnas matriculadas na Universidade de Vigo para aprender galego foi México, seguido de Alemaña e China.

Unha visita ao Museo do Mar de Galicia puxo fin a a catro intensos meses nos que vinte mozos e mozas de lugares tan distantes como México, Alemaña, China ou Corea tiveron a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto coa lingua e a cultura galega. Falamos do alumnado do Curso de Extensión Cultural para alumnado estranxeiro, unha actividade organizada dende a Área de Normalización Lingüística e na que este cuadrimestre participaron estudantes de oito países. Foron días nos que tiveron a oportunidade de achegarse á realidade sociocultural e sociolingüística galega e facelo non só a través das aulas, senón tamén de múltiples excursións nas que ademais de facer turismo, que tamén, comprobaron ‘in situ’ aspectos da historia, da cultura, da etnografía, da paisaxe, das festas… previamente expostas nas aulas.
 
“O temario é moi amplo e dificilmente é posible tratar todos os temas que inclúe, pero procúrase sobre todo que o alumnado teña acceso á información, facilitarlle as ferramentas que lle permitan afondar no seu coñecemento sobre Galicia e sobre a nosa lingua de maneira autónoma”, explica María Fernández, a docente do curso, que fai fincapé en que o programa tenta abranguer aspectos moi variados no eido cultural (xeografía, territorio, clima, paisaxe...); coñecementos etnográficos (festas, gastronomía, arquitectura popular, música, crenzas...); coñecementos históricos que lle permitan entender a singularidade de Galicia no contexto peninsular, así como tamén coñecementos básicos de literatura galega (períodos, escritores, obras destacadas...).
 
Achegarse á realidade sociocultural e sociolingüística galega
“O curso ten un carácter introdutorio. Pretende ser unha toma de contacto coa lingua e a cultura galega, ofrecerlle un contexto á xente que chega a estudar aquí, a Vigo, a Galiza”, subliña a docente, que fai fincapé en que se trata de ofrecer un marco, unhas coordenadas, unha comprensión da realidade sociocultural e sociolingüística galega. “Como materia, dous son os principais obxectivos: por unha parte, que o alumnado adquira uns coñecementos elementais sobre a cultura galega; pola outra, que adquira certa competencia lingüística en lingua, isto é, que sexa capaz de comprender actos comunicativos básicos e desenvolverse a nivel elemental oralmente e por escrito”, recalca Fernández, que apunta que se traballan as catro destrezas básicas da comunicación: a expresión oral, a expresión escrita, a comprensión lectora e a compresión auditiva.
 
“O curso dálles a posibilidade de coñecer Galiza doutra maneira, de aproveitar outro tipo de ocio que non é incompatible coas festas e a vida nocturna, ofrécelles outra visión da realidade galega e rómpelles os esquemas da homoxeneidade cultural e lingüística, dos estereotipos culturais”, subliña a docente, que recalca o feito de que “tamén tenta desmitificar e desprexuizar o alumnado e, non menos importante, ofrecerlle a posibilidade de dar os seus primeiros pasos en lingua galega”.
 
Percorrendo Galicia
A maior parte das excursións realizáronas en sábado, fóra do horario lectivo, e nelas tiveron a oportunidade de achegarse a lugares tan emblemáticos da xeografía galega como Tui, Santa Tegra e Baiona; o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa; o mosteiro de Oseira, Ribadavia, o castelo de Sobroso... Ademais, realizaron tamén varias visitas en horario lectivo nas que tiveron a oportunidade de percorrer a zona vella de Vigo e o monte do Castro; o pazo de Castrelos, o Museo Etnográfico Liste... “O que se procura con estas saídas é que o alumnado amplíe os seus coñecementos e percepción sobre Galicia. Non se trata simplemente de facer turismo, as visitas son planificadas polo miúdo para que o que se ve na aula teña o seu espello/reflexo na realidade”, recalca a responsable do curso.

Vuvuzela: O trebello que protexe as túas conversas en internet inventando outras

Tor é un dos sistemas máis usados para navegar de forma anónima para evitar ser rastrexado. Aínda que non é un sistema 100% seguro, úsase moito para contornas hostís, como en países onde se persegue certas condutas ou os estados espían a activistas ou políticos. Foi relacionado con tendas de drogas, grazas ao caso de Silk Road. Investigadores do MIT crearon un sistema alternativo a Tor enfocado na mensaxería chamado Vuvuzela, capaz de agochar mensaxes entre datos falsos que os servidores xeran.
Aínda que usar Tor che pode asegurar certa privacidade e anonimato, o servizo avisa de que non é perfecto e non se pode considerar un sistema ao 100% seguro. Con moito esforzo, xa que requiriría montar un nodo e interceptar todo o tráfico saínte, un goberno podería intuír quen usa estas redes polo uso de metadatos, xa que o tráfico vai por defecto cifrado.
Vuvuzela, aínda en desenvolvemento, é quen de agochar as mensaxes entre tráfico falso
Aquí é onde entra Vuvuzela, un servizo aínda en desenvolvemento, pero ao que se pode acceder ao ser de código aberto en GitHub, e que se centra en ser unha aplicación de mensaxería que é quen de agochar as mensaxes entre tráfico falso, facendo moito máis difícil para un terceiro saber que é o que se está enviando.
Da mesma forma que funciona Tor, Vuvuzela baséase nunha serie de servidores. Cada vez que unha mensaxe pasa por un destes servidores engade datos ao tráfico que move. Por cantos máis servidores pase, máis datos se suman que non teñen nada que ver coa mensaxe, pero que este aproveita para esconderse.
O sistema que desenvolveron os investigadores do MIT para crear Vuvuzela e ocultar as mensaxes reais é a peza máis importante do invento. Ao inventar datos para ocultar a información cada vez que pasa por un servidor, o ancho de banda pode ser importante para un usuario. Segundo os datos ofrecidos polo seu estudo, nunha configuración de 1,2 millóns de usuarios activos, o tráfico para un destes usuarios sería duns 30 GB ao mes, algo que para tarifas de datos móbiles é pouco sustentable, pero para as conexións de ADSL ou fibra non son un problema.
Aínda que Vuvuzela pode usarse agora mesmo, estes investigadores crearon unha nova forma de ocultar metadatos de conversas, escalable até 2 millóns de conversas, un aumento de 100 veces respecto de sistemas anteriores.

Sae da torta

Para ilustrar o funcionamento de Vuvuzela a ilustración que encabeza este artigo amosa tres persoas, Alice e Bob que queren conversar entre eles e Charlie, que quere saber se as outras dúas persoas están en contacto. Se Charlie tivese acceso aos servidores de conversas, podería ver que os dous usuarios manteñen unha conversa, aínda que o contido da mesma non se poida ler.
Vuvuzela usa tres servidores e insire mensaxes aleatorias que se usan para facer máis difícil saber o que se di
Vuvuzela evita isto usando tres servidores polos que pasan cada mensaxe que Alice e Bob se intercambian, agregando unha capa de cifrado. Pero ademais, insírense mensaxes aleatorias que se usan para facer máis difícil saber que se di. Aínda que é certo que o uso de Vuvuzela é moi limitado, abre unha nova forma de cifrado para sistemas que tentan esconder todos os datos. Ten grandes limitacións como o gran consumo de datos que se xera para o usuario, pero para casos específicos podería converterse nun sistema moi robusto para intercambiar mensaxes.

Por que é importante ocultar os metadatos?

Por sometelo á súa mínima expresión posible, os metadatos son fraccións de información de datos máis grandes que indican certa característica do mesmo. É dicir, serven para describir o que o groso dunha mensaxe contén.
"Se tes metadatos dabondo, non precisas o contido"
Por exemplo, nun correo electrónico existe metadatos agochados que indican quen o envía, desde que servidor, a información de cando se enviou a mensaxe, se pasou por un antivirus ou un filtro de spam ou se a mensaxe debe responderse a outra dirección de correo. Pequenas informacións que dan ao software máis contexto do que está a amosar.
Na navegación estes metadatos son importantes, como indica o estudo do os investigadores do MIT, segundo oficiais da NSA, "se tes metadatos dabondo non necesitas o contido". É dicir, pódese saber quen é unha persoa grazas ao estudo destes datos, coñecer os seus hábitos e puntos febles no caso de querer investigalo.

As ANPA piden que o neno de Lalín con necesidades específicas siga nun centro ordinario

A Confederación de ANPA solicita que se lle permita a un neno de Lalín con necesidades específicas de apoio educativo seguir estudando nun colexio ordinario, o Manuel Rivero da mesma localidade.

As ANPA reivindicaron este sábado a través dun comunicado de prensa o dereito á inclusión de todos os nenos e nenas dentro dos centros educativos ordinarios.
“Os centros de educación especial deben estar reservados para casos moi específicos, e utilizándoos sempre dende o punto de vista da conveniencia para o alumno que asista ás súas clases. En ningún momento se deben utilizar eses centros como método para retirar das clases ordinarias a ningún neno ou nena, poñendo como escusa as hipotéticas molestias que poidan causar para os seus compañeiros e compañeiras”, sinalou a Confederación de ANPA a raíz da polémica xurdida nun centro de ensino de Lalín.
Nos últimos días, o colexio Manuel Rivero acolleu protestos dun grupo de pais e nais que decidiron non levar as súas crianzas ás aulas para conseguir o trasladado dun cativo con necesidades específicas de apoio educativo a un centro de educación especial.
As ANPA diríxese aos pais que protestan "están a privar os seus propios fillos e fillas das mellores leccións que poden obter, as que entrega a propia realidade, e a aprendizaxe entre iguais"
A Confederación de ANPA diríxense ao grupo de pais e nais que renunciaron a levar as crianzas ao colexio para lles dicir que “están a privar os seus propios fillos e fillas das mellores leccións que poden obter, as que entrega a propia realidade, e a aprendizaxe entre iguais”. Tamén se dirixe ás autoridades educativas para que camiñen cara á “inclusión de todos os nenos e nenas galegos dentro dun sistema educativo que se deseñe, e se materialice, para que todos e todas estean nel,  achegando a súa personalidade, as súas características e as súas diferenzas, e construíndo unha sociedade máis xusta e equitativa.
As ANPA explican que a inclusión de estudantes con necesidades específicas de apoio educativo necesita “varios condicionantes para ser efectiva”. Citan, así, que “é necesario o achegamento de medios niveladores, tecnolóxicos, sanitarios, persoais e estruturais que fagan posíbel ao máximo a participación destas persoas na vida cotiá do grupo no que se integre”. Tamén consideran imprescindíbel que a inclusión se realice “coa presenza e participación de profesionais”.

venres, 18 de decembro de 2015

Deza e Tabeirós cede nun ano 837 habitantes e a caída poboacional afecta a todos os concellos

Lalín manterá o próximo curso a primeira categoría ao certificar o INE 20.005 empadroados -O censo nas comarcas sitúase en 67.328 veciños -Silleda é o concello máis damnificado tras perder 194 residentes.

O nove municipios de Deza e Tabeirós-Montes non son capaces de conter a sangría demográfica, que outro ano máis se acentúa, e mostra un escenario nun horizonte temporal non demasiado afastado máis que preocupante. Así o pon de manifesto os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) divulgados onte referidos ao censo de poboación a 1 de xaneiro deste ano. A diferenza do anterior balance, onde Lalín era o único municipio que lograba gañar veciños, agora a perda poboacional é unha constante en todos os territorios das comarcas. A regresión demográfica é tal que en doce meses Deza e Tabeirós-Montes perdeu 837 empadroados -dato resultante xa da revisión do padrón municipal por parte do INE- o que supón baixar da barreira dos 68.000 habitantes. A 1 de xaneiro deste ano o censo situábase exactamente en 67.328 veciños.
A depuración do censo elaborada polo organismo estatal constata xa que Lalín manterá a primeira categoría, ao certificar 20.005 habitantes. Cos dedos dunha man cóntanse os habitantes que pasan o limiar dos necesarios para que Lalín mantéñase en dentro da vintena de concellos galegos de primeira categoría, asegurada por tanto para o próximo ano, pero este balance non fai senón acender as alarmas de face ao que pode pasar de face a 2017 pois quedan menos de dúas semanas para pechar o rexistro de empadroamentos deste ano, que terá efectos legais para dentro de dous. Dos 20.005 residentes no termo municipal, a repartición entre homes e mulleres é moi semellante. Así, 9.707 dos empadroados son homes e as restantes 9.783, mulleres. Se comparamos estes datos cos de hai un ano, a capital dezana cedeu 153 residentes de pleno dereito.
Máis fol que Lalín ten A Estrada como concello de primeira categoría, pero con todo na capital de Tabeirós o balance é peor. Ten agora 21.025 habitantes, que son 172 menos que doce meses antes. No entanto aínda se mantén cun arco dun milleiro de empadroados por encima da barreira dos 20.000.
Silleda é, en tamén en termos absolutos, o municipio onde a desfeita poboacional é máis acusado. Trasdeza cede máis empadroados mesmo que as dúas capitais de comarca e nestes últimos datos sitúase con 8.772 residentes. Son, en concreto, 194 menos que hai un ano. Vila de Cruces presentou no último exercicio os peores rexistros porcentuais e agora se situación tampouco mellora. Con 120 veciños menos, o seu padrón de habitantes sitúase xa en 5.556 persoas. Tamén mingua o padrón en Rodeiro e Agolada en termos parecidos, aínda que a sangría demográfica é máis acusada na capital agoladense. Rodeiro suma 2.700 veciños tras perder 52 e en Agolada son 66 menos, para contabilizar 2.585. Dozón vai camiño de converterse nunha aldea dun municipio mediano e, tras caer o seu censo en 35 persoas en doce meses, ten unha poboación de 1.174 habitantes. En Forcarei o padrón baixa en 13 veciños e está en 3.683 cidadáns e Cerdedo ten 1.828, que son 32 menos.
Se o balance anual é preocupante, alarmante resulta unha comparativa da última década. En 2005 nas comarcas había 74.339 empadroados. Lalín cedeu nestes dous lustros 727 veciños. Silleda (325), Vila de Cruces (1.164), Rodeiro (658), Agolada (556) e 806 en Dozón -o 40% do seu censo fai dez anos-. A Estrada cedeu 1.077 e Forcarei e Cerdedo, 893 e 505 respectivamente.
 

FIN DE ANO: PERO "A FESTA" NON PARA

Esta última semana do trimestre pecharase cunhas eleccións xerais, nunha campaña electoral onde o ensino público e o profesorado foron obxecto por parte de algúns partidos de propostas irresponsábeis de última hora que queren agochar a realidade máis evidente e innegábel: a diminución alarmante de investimento no ensino público e o recorte brutal do profesorado ao abeiro dunha ideoloxía ben clara e precisa. Na Galiza, por facermos balance e achegalo á "fotografía" de conxunto do Estado, o profesorado do Ensino Público minguou en case dous mil profesionais dende a chegada ao goberno da Xunta do señor Núñez Feijoó, verdadeiro pioneiro nesta "máxica" fórmula das políticas sociais, que o brillante literato portugués Alberto Pimenta sintetizou maxistralmente nunha sentenza demoledora: coidar os mortos e enterrar os vivos, que parece unha homenaxe á política social desta Xunta de Galicia e do goberno estatal do PP.


E neste contexto de improvisación o ensino público vai dixerindo, mal que ben, a LOMCE.

O atropelado da súa implantación, a promulgación de instrucións e  decretos en pleno verán, o confuso e impracticábel de moitos dos seus enunciados, derivaron nun comezo de curso polémico e nefasto, cun profesorado afogado por trámites e prazos imposíbeis de cumprir en tempo e forma. A elaboración das programacións converteuse nun exercicio verdadeiramente desmoralizador para boa parte dos profesionais do ensino que, con toda a vontade de facer un bo traballo, se viron condenados ao cansazo e á extenuación, detraendo tempo e folgos e acumulando importantes niveis de ansiedade. Todo isto, conxugado co errático e informe papel da inspección educativa, perdida no seu labirinto coma o xeneral do García Márquez, non sendo quen en moitos casos de dar pautas precisas para o deseño destas novas programacións e mantendo reunións co profesorado que rozaron nalgúns casos o absurdo e o ridículo ,pola  pobreza de argumentos expostos e pola sensación de improvisación que se deu, nunha fuxida cara diante, adiando a solución dos problemas e evitando a asunción de responsabilidades. Pero agora chega o fin do trimestre e hai un problema máis grande: neste panorama de confusión, intuímos que de haber problemas ou reclamacións será o profesorado unha vez máis culpabilizado, pola súa suposta incompetencia e irresponsabilidade e, neste senso e non noutro é no que cobra peso o famoso "Libro Blanco" de Marina, quen desfila polos faladoiros de todo o Estado como se fora o inventor do caldo.

O STEG entende que todo isto ten un obxectivo ben claro: o deterioro do público para a súa posterior entrega a mans privadas e así contribuír á implantación sen contemplacións dun novo paradigma que explique a educación e a sociedade, conforme á ideoloxía neoliberal e á economía de mercado. Neste camiño a LOMCE e os sucesivos niveis de concreción curricular son ferramentas orientadas a asentar todo un sistema de crenzas, valores e hipóteses onde se conxugan o reaccionarismo, a fe católica e certo ultramontanismo dos Ancares con pinceladas da Serra de Gredos.

No camiño quedaron soterrados importantes avances sociais e educativos e persoas que viron minorizados os seus dereitos.

Cómpre telo presente, polo que puidera pasar, agora que está á volta da esquina "o Nadal".

Permanente do Secretariado Nacional

As universidades, motor para o crecemento

O presidente dos reitores españois detalla aos partidos políticos as necesidades dos campus para a próxima lexislatura.

Agora que se debaten programas políticos para conseguir mellores condicións de vida no noso país, as universidades españolas queremos trasladar á opinión pública algunhas ideas que permitan aumentar a súa calidade ao servizo da cidadanía. Pensamos, como premisa básica, na necesidade dunha maior autonomía para as nosas institucións que permita aplicar as políticas estatais e autonómicas coa flexibilidade suficiente para conseguir avanzar con maior rapidez cara á excelencia. Pero estamos tamén convencidos de que unha maior autonomía universitaria, debe ir acompañada igualmente por un mellor financiamento que alcance os niveis dos países europeos máis avanzados e por asegurar uns persoais de profesorado adecuadas.
Debemos garantir a igualdade de oportunidades no acceso e a permanencia na universidade de todos os cidadáns que desexen cursar estudos superiores. Iso significa máis dotación en bolsas e axudas ao estudo para todos os estudantes que o precisen ou merezan, axudas que nestes momentos son unha terceira parte da media dos países da OCDE.
A investigación que se fai no sistema universitario español representa máis do 60% da produción científica do noso país. A pesar dos escasos recursos que se destinan a estes fins, os universitarios demostramos o noso compromiso coa xeración do coñecemento. España ocupa hoxe a décima posición mundial en produción científica. Todas as autoridades pensan que a investigación e a súa transferencia á sociedade é o mellor camiño para saír da crise e xerar postos de traballo e riqueza. Paradoxalmente, no noso país, a primeira partida na que se recorta é neste capítulo. Así, a espiral de menos investigación, menos transferencia, menos crecemento baseado no coñecemento, está servida.
Avanzar pola vía da transferencia é fundamental para o cambio do tecido produtivo e a xeración de emprego que tanto precisamos en España. As universidades e as empresas debemos aumentar a nosa colaboración na formación de emprendedores. Datos recentes demostran que en España os universitarios son bos emprendedores e que as empresas que xeran son máis internacionais e facturan máis.
Debemos seguir incrementando a internacionalización das nosas universidades. É necesario continuar a negociación coas Administracións para simplificar os procesos que permitan vir a España a máis universitarios de todo o mundo. Neste sentido, debemos promover, entre outras accións, máis alianzas estratéxicas con outros sistemas universitarios, deseñar máis másteres, doutoramentos e programas internacionais e establecer unha estratexia coas embaixadas españolas.
Ata agora, en España non houbo unha política de Estado acordada para apostar por un sistema educativo universitario e por unha investigación que fose referencia internacional. É necesario concienciar á sociedade e ás forzas políticas da importancia de aumentar a calidade das nosas universidades e da transcendencia que este feito ten para o progreso do noso país. Por todo o anterior, necesitamos que a Universidade se vexa por parte dos Gobernos como un investimento imprescindible e non como un gasto.

Segundo Píriz Durán é presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.

Imaxin Software, Lila de Lilith e Sacauntos recebem o XVI Prémio Manuel Beiras polo compromisso empresarial com a língua galega



Imaxin Software, Lila de Lilith e Sacauntos Cooperativa Gráfica som as entidades galardoadas este ano com o XVI Prémio Manuel Beiras ao compromisso empresarial com a língua galega. O regedor municipal de Compostela, Martiño Noriega, salientou o envolvimento de diversos setores da cidade na composiçom do júri deste certame, o qual leva aliás o nome de Manuel Beiras, definido polo alcaide como um «picheleiro [compostelano] de gema».

prémio manuel beiras 2015Três categorias

O Prémio Manuel Beiras outorga-se em três categorias diferentes. Na de empresas com um uso continuado do galego resultou ganhadora Sacauntos Cooperativa Gráfica, criada em 2008 e situada na rua do Avio. Esta cooperativa oferece serviços de desenho gráfico e web e impressom em grande e pequeno formato. Para o júri, o seu compromisso com o galego manifesta-se nos seus usos orais e em todas as suas manifestações escritas, valorizando ademais «a sua visom da língua a partir de umha estratégia internacional e de convergência com a Lusofonia». De facto, Sacauntos realiza toda a sua comunicaçom utilizando o galego reintegracionista.
Já na categoria de nova incorporaçom ao galego, alçou com o reconhecimento Lila de Lilith. Aberta em 2011 pola educadora social e pós-graduada em estudos de género Patricia Porto, a livraria está sediada na compostelana rua Travessa. Nasce de um outro projeto com mais de 15 anos, focado na igualdade a partir da educaçom. É uma livraria de mulheres, feminista, que achega bibliografia de mulheres autoras, especialmente em narrativa, poesia, infantil, banda desenhada e ensaio em temas especializados e cruzados com a perspetiva de género. Partilha espaço físico com outra livraria, Ciranda, especializada na literatura em língua portuguesa. O júri destacou o uso do galego na atençom ao público e na sua comunicaçom externa.
Finalmente, o júri decidiu conceder a distinçom especial do Prémio Manuel Beiras a Imaxin Software, empresa dedicada desde 1999 ao desenvolvimento de tecnologias lingüísticas e jogos educativos multimédia. Sediada na rua dos Salgueirinhos de Baixo, é umha empresa de alargada trajetória na consultoria e no desenvolvimento de serviços e soluções de software. Também é a única empresa galega que desenvolve software diretamente para a multinacional estado-unidense Microsoft Corporation e tem, aliás, uma parceria com a portuguesa Priberam. O júri concede esta distinçom ao ser Imaxin pioneira na implementación de ferramentas e software relacionado com a língua galega, e com especial destaque nos seus tradutores online, tanto em web como em projetos específicos de âmbito internacional.

A Federación Provincial de ANPAS comprométese coa campaña da Deputación polo xogo igualitario e non violento

A Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais distribuirá ata 2.500 dípticos nos centros escolares para que cheguen ás familias.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse esta mañá con responsables da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais para dar a coñecer a campaña "Por un xogo igualitario e non violento". Esta ten por obxectivo a reflexión sobre a adquisición de xogos, xoguetes, libros ou videoxogos coa finalidade de impulsar a igualdade e evitar a violencia; inclúe ademais un decálogo para axudar a identificar os agasallos adecuados que promoven a igualdade, o diálogo, o consenso, a paz e a creatividade.
A Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais comprometeuse a apoiar a Deputación de Pontevedra na difusión da campaña "Por un xogo igualitario e non violento". Para iso distribuirá nos vindeiros días ata 2.500 dípticos nos centros escolares coa finalidade de achegárllelos ás familias.
A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "esta campaña quere sensibilizar á sociedade para que nos fagamos conscientes de qué cousas que facemos de forma natural van creando estereotipos sobre a situación que ocupan as mulleres e os homes. Regalar a unha nena un disfrace de princesa ou a un neno un de superman implica que lles esteamos aplicando roles apartados da igualdade". Neste sentido Carmela Silva subliñou a necesidade de iniciar o camiño da igualdade desde o berce, "que nais, pais e educadoras e educadores tomen conciencia para que desde o berce nenas e nenos teñan as mesmas oportunidades e compartan espazos de xogo en igualdade".
Carmela Silva agradeceu o compromiso da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais por apoiar esta iniciativa da Deputación de Pontevedra, xa que "sen eles sería moi difícil chegar ás familias". Tamén a presidenta destacou o traballo que desenvolve a Federación, que "ten un firme compromiso na defensa da educación pública, universal, de calidade e en igualdade, son coñecedoras e coñecedores de que ou educamos en igualdade ou, sinxelamente, non educamos". Neste contexto, Silva manifestoulles aos responsables da Federación o seu interese en colaborar para impulsar actuacións no ámbito educativo e familiar.
Pola súa banda, o portavoz da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais, Rogelio Carballo, asegurou que "esta campaña de sensibilización é fantástica, xa que se trata de impulsar que as nais e os pais eduquen as súas fillas e os seus fillos en ámbitos de igualdade, sen obrigar a participar ás nenas e aos nenos en xogos sexistas".

Investigadores galegos proban en drons un innovador sistema de comunicación en tempo real

O Centro AtlantTIC, en colaboración con Gradiant e SCR (do grupo Everis Aeroespacial e Defensa), vén de realizar por vez primeira voos experimentais dun enlace satélite para uso civil. Impulsada e desenvolvida ao abeiro do proxecto TÁCTICA, esta tecnoloxía recentemente probada e validada no Aeródromo das Rozas (Lugo) fará posíbel transmitir por satélite máis información en menos tempo, “mellorando a fiabilidade da comunicación nas diferentes condicións de voo, e aumentando a velocidade de transmisión”, informan os responsábeis da iniciativa. Nas Rozas avaliouse o novo sistema de comunicacións embarcado nun dron, un vehículo aéreo sen tripulación, para comprobar as posibilidades de conexión en tempo real a través de satélite.
“O reto desta tecnoloxía”, sinalan desde AtlantTIC, “é mellorar os sistemas de comunicación móbiles vía satélite de uso civil (drons, coches, avións, barcos), posto que a día de hoxe xa existen drons no ámbito militar que incorporan sistemas de comunicación por satélite moi sofisticados”. Con este fin, déuselle forma a algoritmos de adaptación de enlace que permiten axeitar as transmisións ás condicións nas que se atopa a canle. “Desta maneira”, engaden as tres entidades implicadas en TÁCTICA, “acádanse comunicacións máis fiábeis con independencia das condicións de voo e transmítense máis datos a máis velocidade, aínda que se produzan ruídos na canle”.
Co fin de achegar o estado de maduración desta tecnoloxía a unha fase próxima ao estado “produto”, AtlantTIC contou co coñecemento e a experiencia en UAVs (Unnamed Aerial Vehicle, que é outro xeito de denominar os drons) de Gradiant e de SCR-Everis. Así, Gradiant foi responsábel de integrar os algoritmos nun hardware de comunicacións ad-hoc, un prototipo embarcábel nun UAV que se comunicou a través dun satélite norteamericano a 10.500 quilómetros de altura cunha base terrestre en Vigo. A experiencia en innovación de SCR, pola súa banda, fixo posíbel executar os voos de proba da devandita tecnoloxía grazas á súa plataforma de voo ATLANTIC, un UAV de medio alcance que permite voar cargas de pago de 7 quilogramos en misións de até 5 horas.
TÁCTICA, o gran proxecto TIC de Galicia
O desenvolvemento do algoritmo e a posibilidade de realizar as probas reais foi parte dunha das liñas de traballo dun proxecto maior e máis ambicioso no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia. Falamos do proxecto TÁCTICA, que conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). TÁCTICA xorde da man de AltantTIC como unha gran iniciativa de I+D con varias de liñas de investigación que, dunha banda, impulsan o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia ao redor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e, doutra, permiten xerar coñecemento aplicado “con resultados claramente transferíbeis á industria”. As demandas empresariais de I+D en Tecnoloxías da Información e a Comunicación e o amplo historial de transferencia de AtlantTIC, permitiron definir varios subproxectos que deben actuar como elementos impulsores desta actividade de transferencia do Centro cara ás empresas do sector TIC.
A través desta colaboración en TÁCTICA, Gradiant consolida a súa traxectoria e competencia tecnolóxica no sector das aeronaves non tripuladas, e reforza o seu modelo de transferencia de coñecemento avanzado cara as empresas de Galicia. O éxito da probas abre un novo espectro de oportunidades en Galicia no marco do sector dos UAVs, unha industria pola que o Goberno de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apostou fortemente coa súa UAV Civil Initiative para crear un polo de desenvolvemento tecnolóxico-industrial.

Os soldos continúan estancados en Galicia

A pesar dos enunciados de recuperación e dalgunhas boas cifras macroeconómicas rexistradas no último ano, semella que esa recuperación está tardando en chegar á base da sociedade, por exemplo a través dun incremento dos salarios. A Enquisa Trimestral de Custe Laboral do INE sinala que o custe salarial total (que comprende salario base, complementos salariais, pagamentos por horas extraordinarias, pagos extraordinarios e pagamentos atrasados, medidos en termos brutos) permanece estancado en Galicia dende hai tres anos. De feito, os datos do INE amosan mesmo un descenso no custe salarial medio en Galicia dun 2% en relación a xuño e dun 0,05% con respecto a hai 12 meses.
Os salarios acadaran un nivel máximo ao longo do 2011 (1.623 euros no terceiro trimestre) e caeron con forza no 2012. Iniciaron nese momento unha tímida tendencia de crecemento, que nos últimos 12 meses se invertiu, volvendo a caer en Galicia o custe salarial medio. No conxunto do Estado a evolución é semellante, aínda que na nosa comunidade foi maior tanto o descenso de 2012 coma o ascenso de 2013. Dende entón, mentres que no conxunto de España o custe salarial experimenta unha pequena suba (+0,3% no último ano), en Galicia a evolución é negativa (-0,05%). Aínda que é certo que o Índice de Prezos ao Consumo permanece igualmente estancado, o conxunto de asalariados e asalariadas perdeu poder adquisitivo ao longo da crise económica e estes datos amosan que non o están a recuperar.

Analizando os datos por comunidades autónomas, vemos que só hai outros cinco territorios nos que o custe salarial descendeu nos últimos doce meses (Castilla-La Mancha, Navarra, Euskadi, Andalucía e Extremadura). Ademais, podemos observar que Galicia segue a ser unha das autonomías con salarios máis baixos por traballador/a e tamén por hora traballada. En canto ao custe salarial total, está máis de 200 euros por debaixo da media española (1.602 fronte a 1.810 euros) e só supera á Comunitat Valenciana, Extremadura, Canarias e Castilla-La Mancha. En canto ao salario por hora de traballo, Galicia é cuarta pola cola, só por diante de Estremadura, Canarias e Illes Balears, dous euros por debaixo da media española (12,76 fronte a 14,87).  

Evolución do custe salarial en Galicia

Galiza perdeu 48 habitantes cada día durante 2014

A poboación do noso país é de 2.732.3467 habitantes, 16.348 menos que hai doce meses, según publica esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística.Desde 2012 perdimos máis de 63.000 habitantes.

O proceso de perda de poboación de Galiza segue adiante, ano tras ano, e sen proceso de reverter a situación á vista. Esta quinta feira publicáronse os datos do padrón municipal polo Instituto Nacional de Estatística (INE), e esa constante perda de habitantes volve quedar reflectida. A 1 de xaneiro de 2015 seramos 2.732.347 habitantes, o que supón 16.348 menos que a 1 de xaneiro de 2014, unha perda do 0,5%.
Perdemos, pois, ao longo de 2014 unha media de 48 habitantes ao día, 2 cada hora. Unha verdadeira sangría poboacional. En 2013 perderamos 17.245 habitantes. Nese ano, 2013, perdemos 15.558, e no 2012 ficamos sen 13.924, e en 2011... Neste período (1 de xaneiro de 2012 a 1 de xaneiro de 2015), Galiza ten 63.075 habitantes menos.
Constante
Un dado a ter presente que desde 1990 Galiza perde por emigración a suma dos habitantes de Vigo, Ourense e Ferrol. Máis de 483.000 galeg@s tiveron que marchar do país nestes 24 anos. Os exercicios con maior número de emigrantes foron 2013, 2014 e 2011. Unha sangría sen comparación na contorna.

xoves, 17 de decembro de 2015

"Nadal en Galego" achega á zona ao Apalpador e Os Bolechas

O espectáculo musical estará nas rúas de Lalín, Cruces e Silleda ou día 22 -A Estrada recibirá ou día 27 aos monecos dá televisión.

O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, presentou onte en Lalín as actuacións do programa "Nadal en Galego" para as comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, que contempla a chegada de Ou Alpapador ás rúas de Lalín, Silleda e Vila de Cruces, e ou espectáculo A máquina do tempo dos Bolechas ou día 27 non Teatro Principal da Estrada. Leal estivo acompañado non Concello de Lalín polo seu tenente de alcalde, Nicolás González Casares, ou tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, a concelleira de Silleda, Ana Luisa González e ou concelleiro de Vila de Cruces, Diego Pallares. Ou Apalpador chegará ás rúas de Vila de Cruces ás 11.00 horas, a Silleda ás 12.15 horas e a Lalín ás 18.00 horas, mentras que Os Bolechas actuarán non Teatro Principal ás 12.30 horas para vos máis cativos.
Leal asegurou que "este ano quixemos introducir ou matiz dá lingua para dinamizar ou idioma e a tradición nunha época na qeu vos máis cativos están máis na rúa, aínda que nunha comarca coma esta, que é máis rural, a situación do uso do idioma está en mellor situación que noutros lugares dá provincia". Xosé Leal aproveitou para lembrar que "estas actuacións son un complemento á programación que se fai desde vos concellos, porque temos que insistir en que desde a Deputación sempre traballamos en colaboración cos concellos".
Pola súa banda, González Casares lembrou que esta actividade "está integrada non programa propio de Lalín Ou Nadal Aberto" e propuxo que "en anos vindeiros, O Apalpador pode poñer en valor outras serras dá provincia como a do Candán e as serras do interior dá comarca, e non só a do Courel". Ana Luisa González sinalou a necesidade "dar a coñecer esta figura dá nosa tradición" e lembrou unha imaxe de Ou Apalpador feita por Fondevila que esperta moito interese non mosteiro de Carboeiro. En Cruces a chegada do Apalpador coincide coa Feira de Nadal do Galo de Curral, polo que Pallares fixo fincapé en que "ao igual que nos demais concellos, esta actuación queda encadrada non programa de Nadal". Constenla explicou que Os Bolechas forma parte dunha programación con "propostas que permiten a conciliación familiar".
Por último, Leal asegurou que ou programa "constitúe un elemento dinamizador para ou comercio local, porque é complementario a outras figuras típicas destas datas coas que non entra en colisión, senón todo ou contrario, esperamos que pouco a pouco convivan".