martes, 22 de decembro de 2015

Dispoñíbel en probas a versión de PicarOs para tabletas

Esta semana soubemos de dúas novidades importantes achegadas pola nosa comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre (máis polo miúdo a asociación GALPon). Por unha banda, soubemos do lanzamento en probas da versión para tabletas do sistema operativo libre PicarOS, como lembraremos especialmente dirixido para os máis pequenos da casa. Pola outra, presentáronse as liñas xerais da publicación da versión alfa de MiniNo 3.0, distribución GNU/Linux baseada en Debian que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos (e que precisamente serve de raizame a PicarOs a través dunha adaptación á nenez da súa interface, características e funcións).
Volvendo á versión para os ditos dispositivos de PicarOS, dicir que xa foi creada unha imaxe de probas de PicarOs Diego 2015 para tabletas x86. Esta imaxe, sinala Mancomún reflectindo información de GALPon, está probada nunha tableta Acer ACER P3 cun i3. Dende o colectivo de desenvolvedores animan a todos os interesados a probala e deixar os seus comentarios nos foros específicos (e o mesmo se lle tiran proveito noutros dispositivos semellantes).
No que atinxe a MiniNo personalizouse para o ámbito do ensino secundario a versión MiniNo Ártabros, feita por Santiago Camblor, profesor de tecnoloxía do IES Pedro de Tolosa de San Martín de Valdeiglesias (Madrid). Esta adaptación conta cunha serie de aplicacións empregadas en Secundaria, e tamén con usuario para o alumno de tipo usuario conxelado, de xeito que cando se pecha a sesión bórranse todos os cambios feitos.
Ademais, como dixemos ao comezo, xa vai estar dispoñíbel a primeira versión alfa da nova MiniNo 3.0 para a que se conta ter a primeira versión beta para principios de ano. Os interesados en probar esta nova versión e colaborar reportando erros poden descargala no portal de MiniNo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario