venres, 18 de decembro de 2015

Investigadores galegos proban en drons un innovador sistema de comunicación en tempo real

O Centro AtlantTIC, en colaboración con Gradiant e SCR (do grupo Everis Aeroespacial e Defensa), vén de realizar por vez primeira voos experimentais dun enlace satélite para uso civil. Impulsada e desenvolvida ao abeiro do proxecto TÁCTICA, esta tecnoloxía recentemente probada e validada no Aeródromo das Rozas (Lugo) fará posíbel transmitir por satélite máis información en menos tempo, “mellorando a fiabilidade da comunicación nas diferentes condicións de voo, e aumentando a velocidade de transmisión”, informan os responsábeis da iniciativa. Nas Rozas avaliouse o novo sistema de comunicacións embarcado nun dron, un vehículo aéreo sen tripulación, para comprobar as posibilidades de conexión en tempo real a través de satélite.
“O reto desta tecnoloxía”, sinalan desde AtlantTIC, “é mellorar os sistemas de comunicación móbiles vía satélite de uso civil (drons, coches, avións, barcos), posto que a día de hoxe xa existen drons no ámbito militar que incorporan sistemas de comunicación por satélite moi sofisticados”. Con este fin, déuselle forma a algoritmos de adaptación de enlace que permiten axeitar as transmisións ás condicións nas que se atopa a canle. “Desta maneira”, engaden as tres entidades implicadas en TÁCTICA, “acádanse comunicacións máis fiábeis con independencia das condicións de voo e transmítense máis datos a máis velocidade, aínda que se produzan ruídos na canle”.
Co fin de achegar o estado de maduración desta tecnoloxía a unha fase próxima ao estado “produto”, AtlantTIC contou co coñecemento e a experiencia en UAVs (Unnamed Aerial Vehicle, que é outro xeito de denominar os drons) de Gradiant e de SCR-Everis. Así, Gradiant foi responsábel de integrar os algoritmos nun hardware de comunicacións ad-hoc, un prototipo embarcábel nun UAV que se comunicou a través dun satélite norteamericano a 10.500 quilómetros de altura cunha base terrestre en Vigo. A experiencia en innovación de SCR, pola súa banda, fixo posíbel executar os voos de proba da devandita tecnoloxía grazas á súa plataforma de voo ATLANTIC, un UAV de medio alcance que permite voar cargas de pago de 7 quilogramos en misións de até 5 horas.
TÁCTICA, o gran proxecto TIC de Galicia
O desenvolvemento do algoritmo e a posibilidade de realizar as probas reais foi parte dunha das liñas de traballo dun proxecto maior e máis ambicioso no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia. Falamos do proxecto TÁCTICA, que conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). TÁCTICA xorde da man de AltantTIC como unha gran iniciativa de I+D con varias de liñas de investigación que, dunha banda, impulsan o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia ao redor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e, doutra, permiten xerar coñecemento aplicado “con resultados claramente transferíbeis á industria”. As demandas empresariais de I+D en Tecnoloxías da Información e a Comunicación e o amplo historial de transferencia de AtlantTIC, permitiron definir varios subproxectos que deben actuar como elementos impulsores desta actividade de transferencia do Centro cara ás empresas do sector TIC.
A través desta colaboración en TÁCTICA, Gradiant consolida a súa traxectoria e competencia tecnolóxica no sector das aeronaves non tripuladas, e reforza o seu modelo de transferencia de coñecemento avanzado cara as empresas de Galicia. O éxito da probas abre un novo espectro de oportunidades en Galicia no marco do sector dos UAVs, unha industria pola que o Goberno de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apostou fortemente coa súa UAV Civil Initiative para crear un polo de desenvolvemento tecnolóxico-industrial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario