A tese de Mónica Novegil da Univesidade de Vigo guía a actuación dos docentes nese primeiro encontro. A investigadora fai fincapé na necesidade de axustar o curso á realidade da aula.
No proceso de ensino-aprendizaxe dunha segunda lingua o primeiro día de
clase é, se non o máis importante, un dos máis importantes. “Non se
trata de algo lixeiro ou simple, senón o preámbulo que anuncia o que
está por vir e onde se toman as decisións de que se vai facer e como se
vai levar a cabo”. Así de rotunda se amosa a investigadora Mónica
Novegil Souto, autora dunha tese de doutoramento na que se pon de
manifesto a importancia que ten ese primeiro día de clase no proceso de
ensino aprendizaxe dunha segunda lingua no contexto educativo actual.
“Poderiamos dicir que a unidade 0, unidade para o primeiro día de
clase, fai referencia ao que deberiamos facer antes de empezar. Isto é, a
presentación do curso, dos seus integrantes e da dinámica do mesmo”,
subliña a investigadora, ao tempo que resalta que a primeira clase cobra
un valor fundamental “tanto intrínseco, polo que representa como inicio
do ciclo de ensino-aprendizaxe cunha transcendencia de seu, como tamén
extrínseco se pensamos no espazo que está a gañar a formación en
ausencia, nestes momento no que as novas tecnoloxías o abranguen todo”,
recalca a investigadora, autora de numerosos traballos sobre a
aprendizaxe de segundas linguas.
Claves para lograr un inicio acertado
Para Novegil o máis importante desa primeira clase é axustar o curso á
realidade da aula coa que se atope o docente. “Hai que facer unha
análise o máis completa posible para determinar exactamente de onde
partimos”, explica a investigadora, que fai fincapé en que ese primeiro
día de clase ten que ser rigoroso para dar conta dos imprescindibles que
condicionarán o resto do curso. “Trátase de acadar un punto de partida
adecuado que nos permita comezar o curso satisfactoriamente e así
conseguir que este sexa levado a cabo con éxito”, explica Novegil, que
apunta como “claves” facer unha boa análise de necesidades e unha
exhaustiva avaliación inicial.
“Normalmente tendemos a considerar que se estamos nun nivel de
referencia determinado (que vén predeseñado externamente ou
institucionalmente: A1/A2/B1/B2/C1/C2), con desenvolver a clase seguindo
un manual do nivel X, xa partimos dun punto común a todas as persoas
que temos diante. Mais realmente non acontece isto, senón que pola
contra a aula resulta da suma de cada individuo coa súa identidade e
bagaxe, que desmonta calquera categoría preestablecida”, explica a
autora da tese, que fai fincapé en que, independentemente do nivel de
referencia, debe ser o propio docente o que, o primeiro día de clase,
albisque o punto de partida.
Con respecto aos trazos que mellor definen a súa proposta a autora ten
claro é que, sen deixar de estar moi estruturada e sistematizada, a súa é
unha proposta de unidade “aberta e flexible” que só cobrará forma
definitiva unha vez rematada esta primeira sesión. “Trátase dun patrón
sinxelo, sen pechar, que se pode facer extensible a calquera nivel ou
materia”, explica Novegil, que subliña o feito de que conten uns
“imprescindibles” que se materializarán convenientemente en cada novo
acto de ensino-aprendizaxe que comece.
Docentes “estratéxicos” e alumnado “autónomo”
A investigadora ten claro que hoxe en día o docente é mais un
orientador formativo, un guía que axuda a aprender e preparar ao
alumnado para a autonomía, “polo que non cabe outra posibilidade que a
de ensinar e aprender a regular a aprendizaxe a través de estratexias, e
isto debe acontecer xa dende o primeiro encontro, dende o primeiro día
de clase”. Desde o seu punto de vista o básico é tentar empatizar co
alumnado e transmitirlle a súa experiencia de aprendizaxe, “pois neste
compartir establécense uns lazos, tanto cognitivos como afectivos, que
van facilitar a transmisión de saberes de todo tipo e, polo tanto, van
facilitar a aprendizaxe”.
Desde o punto de vista do alumnado, Novegil destaca a importancia de
facer visible a necesidade non só de aprender “como me chamo ou onde
vivo”, senón as estratexias que pode e vai empregar para transmitilo,
para ser quen de enfrontarse a situacións de comunicación que implican
autonomía absoluta axeitadamente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario