martes, 1 de decembro de 2015

A ciberseguridade continúa a ser unha asignatura pendente

Aproveitando que hoxe celébrase o Día Mundial da Ciberseguridade, S2 Grupo publicou un estudio no que alertan da falta de concienciación sobre os riscos na Rede. O informe elaborouse tomando como base a 3.500 usuarios, e conclúe que preto da metade dos españois padeceron algún ciberataque contra a súa privacidade.
O 47% dos consultados recoñece ter sido vítima de roubo de contrasinais, hackeo de contas ou redes sociais, entre outros; aínda que o 78% asegura ter prudencia á hora de facilitar os seus datos a través da Internet, aínda que un 15% confesa ter sido obxecto dalgunha estafa en liña ou cargo indebido por non ser responsable en materia de seguridade.
Dende S2 Grupo insisten no feito de que somos pouco conscientes á hora de asegurar os nosos datos persoais, destacando que o 22% dos consultados recoñece dar os seus datos persoais se os pide unha páxina web, sen ningún tipo de seguridade e obviando o risco que iso supón. Lembran a importancia de empregar mecanismos de cifrado e salientan que o correo electrónico no é seguro, polo que temos que ser prudentes para non facilitar información que facilite a nosa suplantación.
Pero non só diante do ordenador somos imprudentes, senón que tamén teriamos claros problemas ante os smartphones, e o 60% dos enquisados recoñecen non protexer o seu teléfono con ningún tipo de contrasinal, á vez que o 33% recoñece compartir información sensible a través de aplicacións ou servizos. Ou sexa, que estamos a depositar demasiada confianza nun dispositivo que pode deixarnos nunha situación de grande vulnerabilidade en caso de roubo ou incluso ante a instalación dalgún tipo de malware que poida facerse cos nosos datos persoais.
S2 Grupo acompaña o seu informa dunha serie de recomendacións de sentido común como non ter no noso escritorio laboral papeis con información sensible (ou bloquear o noso equipo informático cando non esteamos presentes), non instalar aplicacións non autorizadas nos nosos trebellos, non conectar unidades USB non confiables, non manexar información corporativa en equipos públicos, non picar en ligazóns sospeitosas, eliminar todo o correo electrónico sospeitoso que se reciba, evitar os correos en cadea, realizar copias de seguridade da información sensible, non transportar información sensible en dispositivos extraíbles ou non traballar con información sensible en redes Wi-Fi non seguras, entre outras prácticas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario