Máis dun millón de persoas beneficiáronse dos proxectos e actividades desenvolvidos en 2015 pola Fundación Galicia Obra Social (Afundación), segundo datos da entidade presentados este martes. Trátase da primeira institución privada sen ánimo de lucro en Galicia, pola súa repercusión tanto no tecido social coma no cultural.
Con ABANCA como único mecenas, Afundación di que
alcanzou neste período a estabilidade e o equilibrio orzamentario
recolleitos no seu plan estratéxico 2015-2019. O padroado da entidade
reuniuse esta mañá na Sede de Afundación na Coruña nunha sesión
ordinaria na que se revisaron os fitos do presente exercicio e aprobouse
o plan de acción para 2016.
Afundación consolidou en 2015 o seu novo proxecto, centrado nos tres
ámbitos que define o seu plan estratéxico: a educación superior e a
xeración de coñecemento, o envellecemento activo, e o fomento da
formación e o desenvolvemento persoal a través da cultura. «Nestes doce
meses levamos a cabo unha ampla transformación para materializar o noso
proxecto de ser a primeira entidade galega sen ánimo de lucro –subliña o
seu presidente, Miguel Ángel Escotet–. O motor que impulsa este
movemento transformador é a chegada de ABANCA como mecenas único de
Afundación, un feito que nos converte no músculo principal de
responsabilidade social da primeira entidade financeira galega».
O Padroado de Afundación, que aprobou un orzamento para 2016 de 26 millóns de euros,
pecha 2015 cunha redución do déficit do 26 %, situándose por enriba dos
obxectivos marcados no seu plan estratéxico. «Estamos a ser eficaces e
eficientes na execución do proxecto, cumprindo así cos obxectivos de
estabilidade e equilibrio orzamentario que marcamos no noso plan
estratéxico 2015-2019, así como no desenvolvemento de actividades de
alcance, que permitan chegar ao maior número de beneficiarias e
beneficiarios posible», comenta o director-xerente de Afundación, Pedro
Otero.
No ámbito da educación superior, a Escola de Negocios Afundación
formou en 2015 a máis de 2000 persoas, subscribiu 30 convenios de
formación coas principais institucións empresariais de Galicia e
consolidou o seu proxecto de internacionalización, cun incremento do 33 %
no número de estudantes procedentes doutros países, fundamentalmente de
Latinoamérica. A Escola de Negocios é a primeira de Galicia, está entre
as 20 máis destacadas de España, e foi recoñecida por oitavo ano
consecutivo pola clasificación Eduniversal entre as 1000 mellores do
mundo, unha posición na que a sitúa tamén a Asociación Asiática de
Escolas de Negocios.
Ademais, o centro educativo foi galardoado en 2015 co Premio Cantábrico
Excelente á calidade na innovación e co segundo premio de Actualidade
Económica na categoría de Educación e Investigación, dirixido a
entidades que forman parte de CECA. O seu obxectivo para 2016 é
potenciar a actividade académica interdisciplinar, a educación dixital
presencial e a internacionalización mediante convenios con universidades
de Europa, de América do Norte e de Asia, que se sumarán aos xa
existentes con prestixiosas institucións académicas como a Haute École
de Genevè, Regents University of London, Dublin Business School, Beijing
International Studies University ou Georgetown University, entre
outras. A escola desenvolverá así mesmo un programa de formación
presencial e en liña, flexible e adaptado ás necesidades de cada
estudante, cun modelo de aprendizaxe baseada en competencias.
Na área de envellecemento activo, Afundación alcanzou
nos seus centros de maiores 11.300 socias e socios e implantou un novo
modelo co obxectivo de poñer en valor a experiencia dos maiores,
fomentando a súa participación na comunidade mediante programas
interxeneracionais e voluntariado nos que participaron 400 persoas
maiores e máis de 1000 nenos, un proxecto que foi recoñecido co segundo
premio de Actualidade Económica na categoría de educación e
investigación. O programa afianzarase en 2016 a través de novas
actividades que potencien a participación activa dos maiores, co
obxectivo de facer máis visible a este colectivo no conxunto da
sociedade.
No seu terceiro eixo estratéxico, o ámbito da promoción e a difusión cultural,
Afundación consolídase como un dos principais dinamizadores
socioculturais de Galicia. Así, as salas de exposicións da entidade
acolleron 60 exposicións, con máis de 100.000 participantes, e
desenvolvéronse 70 funcións escénicas e 50 proxeccións audiovisuais.
Máis de 100.000 escolares participaron nas actividades programadas nos
ámbitos escénico e musical e expositivo, traballando en colaboración cun
total de 400 centros educativos.
Afundación, como «unha casa aberta á sociedade», acolleu nas súas sedes
e centros socioculturais 1100 actividades programadas por entidades dos
máis diversos ámbitos, nas que participaron máis de 100.000 persoas. O
obxectivo de Afundación nesta área é, segundo o seu plan de acción 2016,
consolidar a súa oferta, ampliando os horarios de apertura das súas
sedes e centros socioculturais; potenciar os proxectos expositivos
vinculados ás coleccións de arte ABANCA e Afundación, declaradas pola
Xunta de Galicia Ben de Interese Cultural (BIC), con especial énfase na
divulgación dos artistas galegos, e estender os proxectos expositivos
máis aló do ámbito das principais cidades galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario