xoves, 3 de decembro de 2015

A web Tolón Tolón leva produtos do noso rural ás cidades

Esta semana soubemos da posta en marcha de Tolón Tolón, firma que xunta produtores agrícolas de Agolada, Portomarín e Lalín. A empresa salienta por estar cen por cen envorcada nas plataformas en liña, comezando pola web que lle serve de palestra comercial. Ademais, xa se estreou con medio cento de pedidos dunha caixa degustación a través do servizo WhatsApp de mensaxería instantánea (os pedidos fixéronse en tempo record, apenas tres horas, o que serviu como detonante definitivo de saída).
A maiores, o proxecto foi collendo corpo no Galicia Market Place, a feira sobre sectores tradicionais e innovación que impulsou en xuño o Círculo de Empresarios de Galicia. A web está centrada en levar aos nosos fogares produtos de calidade do noso rural: carne, iogures, ovos, mel e queixos.
Polo que respecta ao xeito de operar, a plataforma achegará en breve a posibilidade de facermos compras de maneira directa por Internet (polo de agora só vía telefónica). A web, que polo de agora se centra en enviar pedidos a Vigo, foi lanzada co obxectivo de “trasladar os momentos de aldea á cidade”. A intención dos impulsores é conseguir que nos espazos urbanos poidan gozar dos produtos de calidade que se obteñen no rural. Entre os valores engadidos do servizo atópase o de non contar con intermediarios: “Servimos o produto fresco, dende o produtor á túa cociña sen pasar por longos proceso de distribución”, e todo “a un prezo moi semellante ao dos supermercados máis estendidos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario