CIG-Ensino denuncia a "vulneración dos principios de igualdade, mérito, capacidade e liberdade ideolóxica" que supón o requirimento.
O Centro de educación primaria e secundaria Salvador Moreno de Pontevedra publicou un prego de condicións para a cobertura dunha praza de persoal laboral temporal, titulado/a medio de actividades específicas, grupo 2, mestre/a de educación primaria, na que se exixe "estar en posesión da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA)".Un documento expedido polas autoridades católicas do Estado español, através da Comisión Episcopal de Ensino, que acredita a capacidade para impartir aulas "de ensino relixioso".
O centro Salvador Moreno constitúe un espazo educativo titularidade do Ministerio de Defensa español que antigamente estivo xerido por monxas mais que agora pertence "directamente á armada", explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Desde a central sindical nacionalista denunciaron publicamente o feito de que esta exixiencia --recollida no anexo 2 da convocatoria-- constitúe unha "vulneración dos principios de igualdade, mérito, capacidade e liberdade ideolóxica" e visa "outorgar á xerarquía eclesiástica a posibilidade de subvencionar o profesorado" que conta cunha determinada "adscrición ideolóxica", explica Louzao.
A CIG-Ensino reclama a transferencia do colexio á rede de centros públicos da ConsellaríaA CIG lembra que o "principio de igualdade" no acceso á función pública está presente "en toda a lexislación". Desde a Constitución española até o ordenamento xurídico europeo. Neste senso, o proceso de selección de persoal convocado desde a administración --embora tratarse de Defensa-- está suxeito ao cumprimento da legalidade. Un feito que, entenden, non se dá nesta convocatoria.
Así pois, solicitaron á Subdelegación do Goberno español "a anulación" do proceso e a "revogación das bases" polas que se require a DECA. Aliás, perante a "gravidade" do acontecido, din, tamén remitiron un escrito á Consellaría de Educación solicitando a súa intervención impedindo "a continuación deste proceso ilegal e contrario aos dereitos fundamentais". Ao tempo que requiren o inicio dos "trámites necesarios" co obxectivo de que o centro sexa "transferido" á rede pública galega, "como xa ten acontecido noutros casos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario