mércores, 2 de decembro de 2015

Sobrevivirá o galego na era de Internet?

Case mil linguas de todo o mundo están morrendo, mentres o inglés afianza o seu dominio absoluto na Rede, onde o galego ocupa o posto 48 co 0,0095% dos contidos publicados.

Algúns investigadores están a traballar coa hipótese de que Internet está contribuíndo á morte de moitas linguas no mundo. Segundo Ethnologue: Languages of the World —un proxecto participado por lingüístas e investigadores internacionais—, 915 idiomas en todo o mundo están morrendo e cada ano desparecen, de media, seis linguasm Mentres, na Rede, o inglés camiña cara a unha supremacía global.
Luis Tosar participando na campaña do CNTL 'Gústame o galego'
Luis Tosar participando na campaña do CNTL 'Gústame o galego'
O feito é que Internet é o maior medio de comunicación xamais soñado polo ser humano. A Rede non entende de fronteiras e o atravesa todo. E a maior parte dos contidos aquí publícanse en inglés; en concreto, o 54,5 por cento da World Wide Web está en Inglés, e o número de usuarios que optan por esta lingua para as comunicacións no ciberespazo vai crecendo a medida que outros idiomas van minguando en peso.
O poder crecente da lingua inglesa non deixa de ser chamativo por canto algúns indicadores deberían levarnos a hipóteses diferentes que semella que non se están cumprindo.
Por un lado, calcúlase que a finais de 2015 uns 3.200 millóns de persoas —preto do 44 por cento da poboación mundial— estará en liña, fronte ós 2.900 millóns (40,6 por cento) que había no ano 2014. A proporción de fogares no mundo en desenvolvemento con acceso a Internet medrou do 31,5 por cento a finais do ano 2014 ó 34,1 por cento actual. E malia que o maior crecemento de usuarios de Internet se dá en poboacións onde non se fala o inglés ou onde esta é unha lingua pouco usada, o certo é que este idioma domina a Rede e segue ampliando o seu poder de influencia.
Por outra banda, os grandes provedores de contidos en liña veñen ampliando o seu catálogo lingüístico, incorporando nos últimos anos unha maior variedade de idiomas, algúns deles minoritarios nun contexto global. No eido das redes sociais, Facebook xa recoñece uns 120 idiomas; lonxe quedan Twitter, con 48, e LinkedIn, con 24. Google ampliou os seu servizo de tradución automática a 91 linguas e as buscas, a 348. E a Wikipedia —a enciclopedia libre da Rede— xa ofrece contidos en 290 idiomas. Con todo, están moi lonxe de reflectir a realidade idiomática no mundo, onde se calcula que se falan arredor de sete mil linguas e dialectos diferentes. Pero o número de linguas faladas está minguando na realidade física ao tempo que o inglés segue ampliando o seu poder en Internet.
Pérdense linguas malia que os servizos en liña se amplían a máis idiomas.
Pérdense linguas malia que os servizos en liña se amplían a máis idiomas. | Fonte: Statista

As dez linguas máis utilizadas na Rede

O inglés mantén un dominio insultante en Internet, onde máis da metade dos contidos se publican neste idioma (54,5 por cento). Atrás e lonxe séguenlle o ruso, con preto do 6 por cento; o alemán, co 5,8 por cento; o xaponés, co 5 porcento; o español, co 4,8 por cento; o francés, co 4,1 por cento; o portugués, co 2,6%; o chinés, co 2,2 por cento; o italiano, co 2,1 por cento; e o polaco, co 1,9 por cento, segundo datos de W3Techs, división de Q-Success Web-based Services que actualiza a diario estatísticas da Rede a partir dos datos recollidos de preto de dez millóns de sitios web.
Destes datos é doado deducir que a saúde das linguas, cando menos na Rede, non pasa só polo número de falantes que teñan, senón, e sobre todo, polo volume da produción de contidos. Así, por exemplo, o dominio absoluto do inglés na Rede contrasta co número total de falantes nativos que hai no mundo, uns 335 millóns, segundo datos de Etnologue, é dicir, só o 4,7% da poboación mundial ten como lingua materna o inglés. Porén, o español, que é a lingua natural duns 400 millóns de persoas (o 5,6 por cento da poboación mundial) non chega ó 5 por cento de produción de contidos en Internet. Relevantes tamén son os datos para idiomas como o xaponés, falado por uns 128 millóns de persoas, é dicir, só o 1,8 por cento da poboación no mundo, pero que supera en produción na Rede ó español, ou ó portugués, esta úlima, lingua falada por preto de 203 millóns de persoas. O caso do portugués é curioso, porque o peso da súa fala no mundo (2,8 por cento da poboación) practicamente é o mesmo co da sua presenza na Rede (2,6 por cento). Outros casos substanciais son o do alemán, falado só por 78 millóns de persoas (só o 1,1 por cento da poboación mundial), pero que é a terceira lingua con máis peso na Rede; ou o do ruso, falado por 166 millóns de persoas (o 2,3 por cento da poboación total), pero que ocupa o segundo posto en Internet.
A situación do galego en Internet
Actualmente, a lingua galega atópase no inmenso grupo de idiomas que representan menos do 0,1 por cento dos contidos web. En concreto, os contidos en galego só representan o 0,0095 por cento do total da Rede, o que coloca a lingua galega no posto 48 no mundo.Con todo, hai que subliñar que a tendencia da lingua galega no último ano é crecente. En decembro de 2014 estaba por debaixo do 0,008 por cento e até setembro deste ano mantívose máis ou menos invariable, pero dende entón vén crecendo o seu peso na Rede.
Porén, o galego está actualmente moi lonxe da porcentaxe que acadara no ano 2013, un 0,015 por cento do total de contidos web. Esta caída dramática plantea dúas hipóteses: ou ben se producen menos contidos en galego, ou ben a produción de contidos noutras linguas se ampliou moito máis que a nosa, hipótese que semella a máis probable.
Mais se miramos os datos desde unha perspectiva reintegracionista —aquela que di que o galego e o portugués son a mesma lingua— a realidade muda un chisco, cun idioma, o galego-portugués, cun uso en Internet preto do 2,7 por cento do total.
Pero o certo é que na clasificación de idiomas máis utiizados na Internet o galego mantense no mesmo posto que o ano pasado, por debaixo do catalán, que ocupa o 35 no mundo, con preto do 0,09 por cento dos contidos da Rede, e por riba do euskera, que non chega ó 0,007 por cento, no posto 52.

Ningún comentario:

Publicar un comentario