Esta recta final de ano
que estamos a vivir é dende sempre un período clásico de recontos
e previsións. Entre os informes máis interesantes para os lectores
de Código Cero atópase sen dúbida o
ranking feito pola firma Randstad no que se especifican os
perfís profesionais de meirande proxección para o novo ano que se
achega, ou sexa, aqueles
tipos laborais que van ser máis demandados por todo tipo de empresas
ao longo de 2016. A clasificación agoira o
que xa avanzamos hai uns días dende a Cidade da Cultura de Galicia
na compaña de Everis e AMTEGA: que haberá unha nova suba na
demanda de profesionais TIC por parte das empresas galegas, estatais
e europeas.
Así, máis en detalle, o
ranking de Randstad está encabezado por enxeñeiros,
comerciais e profesionais das novas tecnoloxías da información. Por
capacidades, as máis reclamadas serán as seguintes: capacidade
analítica, orientación a resultados, visión estratéxica,
experiencia e coñecementos en comercio e vendas.
No estudo detállase que
o sector TIC será unha vez máis un dos principais eidos de
contratación en España e Europa, sobre todo de enxeñeiros
informáticos con experiencia laboral (principalmente programadores
.Net e Java, consultores de CRM e desenvolvedores de aplicacións
móbiles e de comercio electrónico). No que atinxe a mercadotecnia e
vendas, confírmase que para 2016 recuncará como un dos ámbitos de
meirande dinamismo profesional (de feito en 2015 abrangueu o 15% das
ofertas totais de emprego). Iso si, neste ano que está a piques de
comezar e sen saírmonos do eido do marketing, requiriranse
traballadores con meirande responsabilidade, como por exemplo brand
managers, key account managers e marketing
managers.
Ningún comentario:
Publicar un comentario