mércores, 2 de decembro de 2015

A aplicación galega CreAppcuentos prevé chegar até Asia e medrar máis nos EE UU

CreaAppcuentos, a aplicación galega que facilita ás nenas e nenos a creación de historias e relatos de seu (a xeito de editor de contos) ten novidades importantes no se que se refire á súa vindeira presenza no mundo. De feito, a dita empresa tecnolóxica do mesmo nome vén de anunciar a súa arela de medrar cara a Estados Unidos e Asia. “Ao longo do ano próximo”, sinalaron fontes da empresa, “faremos foco en Estados Unidos, onde estamos a medrar bastante, e apostaremos pola entrada en Asia”. Son declaracións de Avelino Correa, fundador e director executivo (CEO) de CreAppcuentos.
Correa engade que “EEUU e Asia son dous lugares onde a facturación de Apple é moi notoria, polo que nos interesa ter visibilidade neses mercados”. A compañía prevé facturar este ano preto dos 60.000 euros e agarda chegar aos 120.000 euros en 2016 grazas á estratexia de expansión internacional.
A través de alianzas con centros educativos, empresas privadas e ONG, a marca conseguiu novos xeitos de facer negocio por toda España, con presenza en comunidades como Madrid, Barcelona, Andalucía, Valencia e Canarias. Na actualidade superaron os 150 centros de educación que usan CreAppcuentos e prevén rematar o curso escolar coa súa presenza en máis de 300 coa nova app Creatales. Asemade, atópanse traballando no desenvolvemento dunha rede social chamada Cuentoteca, na que os usuarios poderán subir e baixar os seus contos, e nun paquete educativo para escolas grazas á colaboración dun grupo de traballo creado por educadores, psicólogos e coach educativos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario