A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística non acudirá hoxe á gala de entrega dos Premios da Cultura Galega por proceder dun Goberno “que foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego.
A CGENDL decidiu rexeitar o galardón por consideraren “unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega”, segundo manifestan nunha nota enviada á prensa.A pesar de sentírense “honrados” polo premio, declinan aceptalo por proceder dun goberno “que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos”. Ademais acusan ao Goberno Feijoo de ser “o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada”.
Os membros do Consello Directivo da CGENDL non irán esta noite recoller o premio, pois “non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena”. Pero si irán os outros premiados: a escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen March.
Ningún comentario:
Publicar un comentario