luns, 14 de decembro de 2015

Atopan insectos na comida dun colexio de Ribeira

O CEIP de Frións, en Ribeira, denunciou este venres a presenza de insectos na comida que se servía no menú do comedor escolar, informa a web loqueyotedigo.net. De inmediato, as monitoras informaron á dirección do centro, que instou a que non se consumise, e que se puxo en contacto cos pais e nais do alumnado e coa Consellaría de Educación, que iniciou un expediente informativo.
A empresa que xestiona este comedor é Serunión, a compañía máis importante do sector en España, e que xa foi denunciada polas condicións da súa comida en varias ocasións. O pasado mes de novembro, sen ir máis lonxe, atopáronse tamén insectos nos produtos servidos no colexio de Abanqueiro, en Boiro, segundo informa La Voz de Galicia. Cinco días despois, persoal do centro de ensino e tamén algúns proxenitores denunciaron que se repetiu o problema. Porén, dende a empresa só se confirmou o primeiro caso. O pasado ano Serunion foi multada polo Concello de Ferrol por usar aceite de xirasol e non de oliva, incumprindo así o seu contrato.
Segundo explica a noticia publicada en loqueyotedigo.net, persoal da empresa adxudicataria dirixiuse ao colexio para interesarse polo sucedido, e indicou que as croquetas -o produto no que foron atopados os insectos- "non as elaboran eles directamente, senón que as teñen subcontratadas a outra empresa".
Persoal de Serunion indicou que as croquetas "non as elaboran eles directamente, senón que as teñen subcontratadas a outra empresa"
Este novo caso denunciado en Ribeira fai regresar o debate sobre a calidade da comida servida polos servizos de catering nos centros de ensino, un tema do que se falou moito a comezos de novembro, tralas deficiencias detectadas nos menús das empresas malagueñas Col-Servicol e Perea-Rojas, que obtiveran a concesión para xestionar os comedores de 20 centros en Galicia, servindo diariamente a 2.800 alumnos e alumnas. Son moitas as voces que critican a introdución destes servizos externos de comedor nos centros de ensino, e que reclaman a recuperación das cociñas nos colexios, ou de cociñas centralizadas a nivel dos concellos. Ou que cando menos se esixan un parámetros de calidade moito maiores ás empresas de catering, que aseguren a utilización de produtos frescos, de tempada e de proximidade, de xeito de os alimentos non percorran milleiros de quilómetros antes de ser servidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario