mércores, 16 de decembro de 2015

A LOMCE e a improvisación da Consellaría á hora de aplicala seguen acumulando despropósitos no ensino

O profesorado atópase agora con dificultades para poder avaliar os grupos de alumnado afectados pola LOMCE

A improvisación e o empeño da Consellaría de Educación por sacar adiante a LOMCE segue acumulando problemas de funcionamento e despropósitos nos centros, o último son as dificultades coas que se atopa o profesorado para poder avaliar os grupos de alumnado afectados pola súa aplicación.
A esta altura a Consellaría de Educación non foi quen de adaptar o sistema informático para que o profesorado poida realizar con normalidade as avaliacións chegando ao punto de que nos grupos afectados pola LOMCE (1º e 3º da ESO e 1º de Bacharelato) o equipo docente ten que elaborar as actas manualmente. 
As propias direccións están informando o profesorado de que o XADE, sistema informático no que o profesorado rexistra dixitalmente a avaliación do alumnado, non permite xerar as actas das avaliacións e o profesorado só pode facelo pasando as notas  a man.
Diante desta situación, que non fai máis que obstaculizar o traballo docente, o profesorado non pode máis que improvisar solucións, facendo avaliacións nas que “cantan as notas” ou ben sendo os titores/as os que elaboran as actas manualmente.
Ademais, a diferenza do que acontece nos cursos nos que aínda non se aplicou a LOMCE, o profesorado tampouco pode poñer as notas accedendo ao grupo no seu conxunto e ten que ir alumno/a por alumno/a, coa conseguinte perda de tempo que isto supón.
A CIG-Ensino vaise dirixir á Consellaría de Educación para que de xeito inmediato busque unha solución a este problema que só é froito da improvisación coa que, a calquera prezo, se pretende aplicar a LOMCE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario