Esta semana aprobouse
en Celanova a programación de actividades para 2016 da Rede de
Dinamización Lingüística. Asemade, o Consello de Membros da
Rede deu corpo definitivo ás súas liñas estratéxicas vindeiras a
curto prazo. Entre estas liñas aproadas figura a dinamización
lingüística nos ámbitos familiar, xuvenil e económico. Este labor
de revitalización do galego, fíxose saber, será extensíbel ás
novas tecnoloxías. A cita celebrouse no Mosteiro de San Salvador da
localidade ourensá. A xuntanza do consello foi presidida polo
secretario xeral de Política Lingüística Valentín García,
titular da RDL. Nun plano máis específico, a Rede quere “tirar
proveito das sinerxías que se poidan producir polo dominio galego
.gal”.
A nova programación de actividades para o ano 2016
aprobada, de xeito unánime, polo Consello de Membros -tras ser esta
elevada pola Xunta Directiva da RDL a proposta da súa Área Técnica-
inclúe a promoción do uso do idioma no ámbito das novas
tecnoloxías (considerado transversal no Plan xeral de normalización
da lingua galega) e “aproveitar as sinerxías”.
Outra das iniciativas da axenda 2016 é a campaña
de dinamización lingüística no tecido económico. “O obxectivo”,
díxose, “é incidir dende o ámbito local, aproveitando para iso a
vindeira posta en marcha do Plan de dinamización da lingua galega
2015-2020 que está a preparar a Xunta en colaboración cos
principais axentes implicados no eido empresarial e na promoción do
uso da lingua galega”.
A Rede tamén se comprometeu a promover “o
emprego, a utilidade e a visibilidade da lingua propia de Galicia en
actos e cerimonias de carácter relixioso e civil, cunha nova edición
de textos para bautismos, casamentos, defuncións, funerais ou
acollementos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario