Un informe do centro Delàs de estudos pola paz indica que a despesa militar real é 10 mil millóns de euros superior á que di o goberno español.
O Estado español destina a gasto militar real máis de 16.955 millóns de euros, unha cifra que supón o 1,6% do PIB; e que é moi superior á que recoñece o propio goberno e que anda nos 6.900 millóns. Un informe do centro Delàs de estudos pola paz debulla cal é a realidade e o calado desa despesa militar e conclúe que esta supón un gasto de 47 millóns de euros diarios, un gasto por habitante e ano de 376 euros.Delàs sinala que Defensa “amaga sistematicamente” cos orzamentos para presentar un gasto menor do que realmente é. Unha manibra, indica este instituto, para tentar escapar do “escrutinio da opinión pública”.
Así, Defensa fala dun gasto de 6.900 millóns de euros. Mais deixa fóra toda unha serie de despesas a engadir. Desde as operacións militares no exterior até a R+D militar ou o que se gasta nas 'clases pasivas' militares, así como en departamentos como o CNI. E outras como os intereses da débeda por compra de armas, e que supón máis de mil millóns de euros. En total, máis de 16.955 millóns de euros.
Exportadores de armas
Recentemente Delàs tamén adicou un estudo á realidade do Estado español como exportador de armas. España é sexta na clasificación de exportadores de armas. Nos últimos dez anos pasou de vender armamento ao estranxeiro por valor de 406 millóns de euros (2004) a máis de 3.200 millóns (2014). Ademais, o 16% das exportacións de material militar feitas o ano pasado polo Estado español serviu para “alimentar conflitos no Oriente Medio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario