PuntoGAL celebra o primeiro aniversario con 2.800 dominios. Un avance pioneiro para o galego, pero tamén unha cifra de rexistros menor que a de outros identificadores similares; por exemplo, catro veces menor co .scot ou un 51% menos co .eus. Falamos coa directora xeral de, entre outros puntos, as causas desta situación e as próximas promocións para estimular os rexistros. O .gal estará no culturGAL da man de ReiZentolo.
Hai algo máis dun ano comezaban a estar dispoñíbeis os novos dominios de Internet. Agora mesmo máis 800, entre os que está un grupo de identificadores para comunidades lingüísticas e culturais europeas: o .gal (Galicia), .eus (Eukal Herrria), .bzh (Bretaña), cymru (Gales) e .scot (Escocia).A Asociación puntoGAL informou hoxe nunha nota de prensa que “o dominio galego en internet celebra hoxe o seu primeiro aniversario con preto de 3.000 nomes rexistrados”. Fontes da Asociación puntoGAL concretaron a cifra en máis de 2.800 dominios. Segundo o portal Ntldstats, especializado neste novo mercado, hai 2.826 puntogales rexistrados.
Das comunidades lingüísticas europeas que teñen un novo dominio propio, os galegos somos os que menos apoiamos ao noso identificador na rede. As cifras dos outros dominios son moi superiores:
o .scot rexistrou 11.213 dominios,
o .bzh rexistrou 5.641 dominios
o .cymru rexistrou 5.446 dominios
o .eus rexistrou 4.516 dominios
o .gal rexistrou 2.826 dominios
Por que os outros identificadores multiplican o uso do .gal se o galego é, entre todas esas linguas, a máis coñecida e usada da súa poboación?
Nisto non é posíbel botarlle as culpas ao Goberno. A Xunta financiou a consecución do .gal e na súa propia nota de prensa puntoGAL sinala “o apoio institucional da Xunta de Galicia que, co decreto 74/2015 regula a presenza na internet da Administración”.
Consultada sobre esta cuestión, Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación puntoGAL, admite que “a resposta social nas diferentes comunidades e o apoio masiva ás iniciativas é claramente distinta”. En declaracións a GC, a profesora da Universidade de Vigo recoñece que entre os dominios citados hai moitas similitudes -de feito .gal colabora a miúdo con eles- e explica a situación citando “factores entre os que está o coñecemento propio, a sensibilidade cara a importancia de internet e de posicionarse e tamén factores económicos”.
O certo é que dende que o .gal botou a andar foron varios os internautas que lle preguntaron públicamente porque é tan caro. O prezo medio, cando non hai unha promoción, ronda os 50 euros; moi lonxe dos 8 euros cos que se pode rexistrar, por exemplo, un .com ou un .cat.
PuntoGAL lanzou varias promocións de rebaixa de prezos, pero o resultado non foi unha suba moi significativa. Por exemplo, dende o 25 de xullo e durante todo o verán estivo a 36 euros máis IVE aproximadamente. O resultado foron uns 400 novos rexistros, segundo Ntldstats.
Volverá puntoGAL a baixar os prezos? “O compromiso de baixar prezos mantense pero temos que ter en conta as necesidades que ten mantelo rexistro co número de dominios que hai e por iso non nos atrevemos a asegurar canto e cando poderemos facer”, explica de Lorenzo a GC. A Asociación quere repetir promocións en días como o 17 de maio.
E é que o dominio galego nunca poderá competir a nivel de prezos con xigantes como o .com ou incluso con mercados máis grandes e vellos como o do .cat. A cuestión clave pode ser como motivar á galegofonía para gastarse os cartos nun identificador que sempre será máis caro que outros.
“Contamos que a apertura de cada día mas webs e sitios en internet; .gal contribuirá a que todos vexamos a importancia e transcendencia de diferenciarnos e destacarnos en internet co selo de calidade que o galego ten; ademais de aproveitar esta oportunidade de sentirnos membros da comunidade galega tamén na rede”, anímanos a directora xeral.
Para estimular os rexistros, PuntoGal participará un ano máis no CulturGAL en Pontevedra, que ten lugar entre o 4 e o 6 de decembro, ocupando o stand 41. Con motivo da efeméride, a asociación presentará durante a feira o froito da súa colaboración con Rei Zentolo. Trátase dunha serie de deseños que homenaxea á revista Nós e outra na que se utiliza o humor como maneira darlle promoción o dominio. Seguro que as camisetas serán un éxito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario