martes, 1 de decembro de 2015

Neoclasicismo a pé de aula

O grupo interdisciplinar Kale/Kela promove unha exposición sobre as variacións deste estilo artístico no vestíbulo do IES Aller.

Variacións do Neoclasicismo é o título da exposición que acolle estes días o instituto Aller Ulloa, de Lalín, no seu vestíbulo. Promovida polo grupo interdisciplinar Kale/Kela, a mostra ofrece un achegamento diferente ao estilo artístico cuxos orixes se remontan ao século XVIII. Para iso, ofrécense cadros de diferentes contornas e correntes pictóricas pertencentes a este período artístico ou inspiradas nel.
Os alumnos modifican a idea orixinal e brindan unha proposta nova, que transforma de maneira creativa a mensaxe orixinal do cadro. Os promotores pretenden desta forma unha aproximación do alumnado a correntes culturais da tradición europea e o fomento da súa capacidade creativa. Ademais, ensínaselles o uso de distintos materiais, de forma que o traballo resultante conteña algún relevo e poida ser percibido por persoas con discapacidade visual. Igualmente, explícanse os contidos en linguaxe de signos para que cheguen facilmente a persoas con algunha discapacidade auditiva.
Nesta viaxe polo neoclasicismo, proponse un taller de creación literaria en inglés e galego. Os alumnos debían inspirarse nos cadros propostos e, a partir deles, deseñar un texto ficticio que, ao seu entender, complemente o que neste se mostra. Outro taller, de música, penétrase en versións de pezas barrocas, danzas e reproducións a pequena escala de instrumentos.
A mostra inclúe paneis explicativos sobre este estilo artístico e unha zona interactiva, cun teatrillo e monicreques de mans, así como máscaras tradicionais inspiradas no teatro xaponés. Unha última proposta consiste nun taller de arte e ciencia, co uso de lentes e un achegamento á astronomía do século XVIII.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario