xoves, 3 de decembro de 2015

Abalde contra Pena, dous modelos de universidade

A Universidade da Coruña celebra este mércores eleccións, nas que escollerá un novo reitor para os vindeiros catro anos. Xosé Luis Armesto, no cargo dende 2011, anunciou en setembro que non se presentaría á reelección. A comunidade educativa da UDC elixirá entre Julio Abalde, en representación de Nova Luce, a mesma candidatura de Armesto e que leva 12 anos xestionando a institución (primeiro con José María Barja); e Daniel Pena, que aglutinou os sectores críticos co actual reitor, presentando unha e outra candidatura significativas diferenzas nas súas propostas para a universidade pública.
O reitor da Universidade da Coruña elíxese por sufraxio universal e nesta ocasión, por primeira vez nunhas eleccións ao Reitorado na UDC, a elección formalizarase a través do voto electrónico. Están convocadas un total de 19.226 persoas da comunidade universitaria (profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos). O voto é ponderado segundo as seguintes porcentaxes: 51% correspondente ao sector de Profesorado Doutor con vinculación permanente; 12% para as restantes categorías de Persoal Docente Investigador; 28% para o Estudantado; 9% correspondente ao Persoal de Administración e Servizos.
Por primeira vez nunhas eleccións ao Reitorado na UDC a elección formalizarase a través do voto electrónico
As votacións efectuaranse a través da plataforma e-voto, de 10:00 a 20:00 horas. A participación nas eleccións a Reitor tanto no sector de profesorado como de persoal administrativo é moi elevada, non así no caso do estudantado en que a media da participación nas universidades españolas rolda o 10%. Nas eleccións ao Reitorado celebradas en 2011 na UDC, a participación acadou na primeira volta o 91% no sector de PDI doutor con vinculación permanente; 67% nas restantes categorías de PDI; 19% entre o Estudantado e o 84% no caso do Persoal de Administración e Servizos.
Julio Abalde, Catedrático de Microbioloxía e profesor na Facultade de Ciencias, aposta por "manter a porcentaxe de fondos de axudas destinados a estudantes" e por "contar coa participación do estudantado no momento da toma de decisións", ampliando "a participación e a representación do estudantado abrindo novas formas e novos mecanismos de participación". En relación do profesorado, propón "programas de promoción mediante a cualificación ás figuras das categorías de persoal docente do artigo 56 da LOU" e "empregar a captación de investigadores predoutorais e posdoutorais como figuras base para formar persoal que ocupe prazas docentes". Quérese igualmente "completar a oferta de titulacións plurilingües e con docencia en inglés", mellorando "os incentivos dos profesores con docencia en inglés e os procesos de acreditación lingüística do profesorado".
Outro dos seus grandes obxectivos é completar a transformación e dotación do colexio Calvo Sotelo, para convertelo no que sería a primeira residencia pública universitaria da Coruña. En investigación, buscará "atraer financiamento privado para realizar, na UDC, un programa de captación de investigadores posdoutorais". Dedica tamén capítulos do seu programa á igualdade, apostando por "fomentar a participación e o liderado das mulleres nas actividades de investigación, dirección e coordinación", desenvolvendo "estratexias para o equilibrio entre mulleres e homes nas distintas titulacións" e dándolle visibilidade "á contribución das mulleres ao coñecemento". Así mesmo, en materia lingüística, quere reforzar os materiais docentes en lingua galega e a formación continua, desenvolvendo ademais "os medios para a utilización do galego como lingua de investigación científica". En Ferrol, aposta polo impulso do Campus Industrial.
Daniel Pena, Catedrático de Construcións Navais, propón desenvolver unha ampla bolsa de vivenda (recepción de ofertas e demandas) fiscalizada pola UDC, "incrementar as canles de diálogo e comunicación cos estudantes, en xeral, e as asociacións que os representan", e "mellorar o servizo de transporte entre A Coruña e Ferrol". No que atinxe á docencia, aposta por "revisar e flexibilizar a normativa de contratación do profesorado", e por "estimular  a implicación  na  docencia  universitaria  de  persoas  de  recoñecido prestixio profesional.
Propón tamén crear "unha oficina de investigación profesionalizada que manexe todos os asuntos de xestión da investigación", tamén "potenciar os grupos multidisciplinares e crear grupos máis fortes". Igualmente, quere desenvolver "un programa de colaboración co tecido empresarial para o financiamento de teses de doutoramento" e "fomentar os convenios e contratos de I+D e de prestación de servizos, tanto a entidades públicas como privadas". Finalmente, propón "potenciar a docencia en linguas da nosa contorna europea, principalmente inglés, co fin de facilitar a mobilidade".

As organizacións estudantís rexeitan a Pena

Acción Universitaria, AGIR, Comités, IESGA e Liga Estudantil Galega amosaron o seu "rexeitamento" ao "modelo de universidade proposto" por Daniel Pena
Acción Universitaria, AGIR, Comités, IESGA e Liga Estudantil Galega pronunciáronse este martes en rolda de prensa sobre as candidaturas que concorren ás eleccións, amosando o seu "rexeitamento" ao "modelo de universidade proposto" por Daniel Pena, "un modelo afastado do espírito público, galego e feminista que queremos para a nosa universidade", sinalaron. As entidades non piden o voto directamente para Julio Abalde, pero si recomendan que os e as estudantes non apoien a Daniel Pena.
Para estes colectivos, as propostas da candidatura encabezada por Daniel Pena "demostran un enfoque lonxe dos problemas reais do estudantado, como son, a día de hoxe, o transporte público, as bolsas e unha residencia pública, abordando estes temas cunha visión abstracta e descontextualizada". "Especialmente grave é a omisión da residencia pública no programa, sen dúbida o problema máis específico do estudantado do campus da Coruña", subliñan. Acúsano así mesmo de ter "un excesivo interese por incrementar as relacións da institución co sector privado, tanto a nivel docente como de financiamento, pretendendo converter a Universidade nun cortello para grandes empresas e intereses económicos alleos á nosa formación académica".
Denuncian que Pena defende "unha concepción elitista da Universidade, que se reflicte na función que atribúen ás bolsas, desposuíndoas de calquera contido social e outorgándolles un carácter meramente competitivo". Sinalan que "no seu programa non garante ás bolsas de estudantes, piar fundamental para garantir o acceso ao ensino superior". De igual xeito, salientan que "non formula medidas específicas para o apoio e promoción da lingua galega", o que entenden como "un intento deliberado de marxinar a nosa lingua". E engaden que non achega "medidas reais en política de igualdade entre xéneros".

Ningún comentario:

Publicar un comentario