mércores, 16 de decembro de 2015

Éxito de participación nas actividades galegas da Hora do Código

O venres pasado celebrouse na Escola Superior de Enxeñaría Informática ESEI do Campus de Ourense unha parte importante das celebracións galegas da iniciativa internacional a Hora do Código, destinada a amosar as vantaxes e beneficios de aprendermos a programar dende idades temperás. As celebracións da ESEI combináronse coas da Facultade de Informática da Coruña e coas visitas a un bo número de centros educativos galegos levadas a cabo polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (o CPEIG, que tamén participou arreo nas actividades da ESEI e da FIC).
Polo que respecta ao centro do Campus de Ourense, sinalar que con motivo da Hora do Código abriu as súas portas a rapaces e rapazas de 6 a 17 anos para ofrecerlles (xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) nocións básicas de programación, impresión 3D e robótica. “O obxectivo foi que coñeceran dun xeito ameno e accesíbel a tecnoloxía que xa usan decote”, explicou Ana Garriga, directora da ESEI. Segundo engadiu Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, “a Hora do Código parécenos unha iniciativa moi positiva, pois permite aos participantes comprender mellor a tecnoloxía que nos rodea e quen sabe, quizais facer canteira, espertar algunha vocación”.
Segundo a organización, un total de 150 nais, pais e nenos e nenas apuntáronse a esta iniciativa na ESEI, esgotándose todas as prazas ofertadas. Elas e eles puideron divertirse e aprender nas tres actividades que se desenvolveron coa participación de voluntarios do centro e do dito colexio profesional. A primeira actividade foi de introdución á programación e nela houbo sesións dunha hora na que os cativos e cativas de 6 a 10 anos puideron aprender a programar xogos de Starwars ou Frozen. Tamén houbo sesións de iniciación ao Scratch para rapaces e rapazas de 10 a 16 anos.
A segunda actividade, deseñada para rapaces e rapazas de 10 a 15 anos, foi de impresión en 3D. Nela as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer todo o proceso de creación dunha peza en tres dimensións, empregando escáners, impresoras e lapis 3D. Os inscritos puxéronse mans á obra para crear as súas propias pezas seguindo as indicacións de Ana Gómez e Pablo González, da empresa ourensá + que 3D. Por último, celebrouse unha actividade de programación de dispositivos de robótica con Arduino, pensada para adolescentes de 13 a 17 anos. Nela, Fernando Coladas, ofreceu aos participantes nocións básicas de robótica, programando sobre unha placa de software e hardware libre, “o auténtico cerebro dun robot”, e traballando con diferentes dispositivos sobre ela.
Polo que atinxe ás accións desenvolvidas polo CPEIG nos centros educativos, sinalar que foron levadas a cabo co alumnado do CEP de Ventín (Ames), o CEIP Curros Enríquez (Celanova), o CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo), o CEIP Vistahermosa (Ourense) e A Grande Obra de Atocha (A Coruña). Os colexiados do CPEIG, coa axuda do profesorado, ocuparon a nenas e nenos desde Infantil ata sexto de Primaria nos diferentes obradoiros para aprender a programar.
Como lembraremos, o proxecto Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional de introdución ás ciencias da computación durante unha hora, deseñado para amosar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario