luns, 31 de outubro de 2016

As Irmandades da Fala no seu contexto europeu

A definição da Galiza como nação não aconteceu num valeiro e não quedou sem consequências


Ao falarmos das Irmandades a atenção ao seu papel no desenvolvimento do nacionalismo na Galiza ou na reivindicação do uso do galego pode dar lugar a que perdemos de vista cal era a situação na Europa do seu tempo. Esta situação não era a mesma que a de agora, mas era ainda mais diferente da Europa de uns poucos anos depois, na que se desenvolveu a vida do partido.
Galeguista.

A questão da Irlanda


A Irlanda era, junto com a Polónia, um dos problemas de nacionalidade mais debatidos na Europa do século XIX e princípios do XX, mesmo Marx lhes dedicara bastante espaço nos seus escritos.

O 24 de Abril de 1916 uma aliança de forças nacionalistas e socialistas da Irlanda começaram uma sublevação em Dublin que durou uma semana e forçou ao Império a enviar tropas da metrópole para a sufocar. Os britânicos já não poderiam seguir controlando a ilha sem a ocupação militar. A primeira assembleia das irmandades o 18 de Maio, tivo lugar menos de um mês depois do levantamento de Páscoa. E menos duma semana depois das últimas execuções, a do líder socialista James Connolly e do líder da Irmandade Republicana Irlandesa Seán Mac Diarmada o 12 de Maio, eram notícias recentes

A loita pela independência da Irlanda continuou com força depois desse levantamento mas como guerra de guerrilhas e não rematou até o tratado de 1921 que reconhecia o estado libre da Irlanda. As Irmandades da fala e a geração Nós mantiveram desde os inícios o seu apoio á loita pela independência da Irlanda. Só como exemplo citar as necrológicas e artigos publicados em A Nosa Terra e Nós sobre Terence MacSwiney. Este era o alcalde de Cork desde 1918, elegido nas listas do Sinn Féinn (que significa: nós mesmos) morreu em 1920 trás uma folga de fame de 74 dias, mentras estava preso na Grande Bretanha por sedição. Para o galeguismo da época a causa da Irlanda foi o seu Vietnam.

Os catorze pontos de Wilson e o dereito de autodeterminação na Europa

No 1918 o presidente americano Woodrow Wilson fizera uma oferta pública das condições para rematar à Grande Guerra de maneira negociada: os 14 pontos de Wilson. Ainda que a oferta de Wilson não foi a base das conversas de paz, se influiu nas negociações posteriores. Principalmente na constituição da Sociedade de Nações, na dissolução dos impérios e nas reclamações de territórios na Europa de Entre-Guerras.

Os cinco últimos pontos do texto de Wilson tratavam, entre outros, do dereito ao desenvolvimento autónomo dos povos do Império Austro-húngaro o que deu lugar á independência de Checoslováquia e Hungria. Também da independência dos países que formavam parte do Império Otomano ou da necessidade de assegurar a formação dum estado polaco independente.

O das reclamações de territórios tampouco era teórico, por exemplo, no caso do Sarre e Silesia que votarão para decidir se quedavam na Alemanha ou se uniam, respectivamente, á Francia e á Polónia. Em ambos casos venceu à opção de se quedar na Alemanha. Também houvera consequências imprevistas: a capital da Lituânia votou se unir à Polónia. Um dos motivos pelos que ás grandes potências não acabou de gostar-lhes a ideia, a gente não fazia o que se esperava dela.

Em conclusão, contra o que se pensa habitualmente, o dereito de autodeterminação sim que se aplicou na Europa.

A consequência: Galeuzca

O 11 de Setembro de 1923 os representantes das Irmandades da Fala, PNV e Estat Catalá, entre outras organizações, assinarão em Barcelona o primeiro pacto Galeuzca. No documento se reclamava a soberania plena e como ficou claro, nas circunstâncias da primeira pós-guerra europeia, essa demanda não tinha nada de teórica nem de impossível.

As possibilidades de desenvolvimento desse acordo quedarão tronzadas imediatamente pelo golpe de estado de Primo de Rivera, que era o capitán general da região militar de Catalunha. O manifesto, que tratava de justificar o golpe de estado, aludia expressamente, mas sem o nomear, ao acordo Galeuzca.

Como se pode ver, a definição da Galiza como nação não aconteceu num valeiro e não quedou sem consequências.

Facenda somos todos agás as e os galegofalantes

Un cidadán viuse obrigado a devolver un ingreso de Facenda en protesta polo trato aos galegofalantes.
A coacción de facenda contra o galego provoca molestias e trámites innecesarias só a quen utiliza o galego
A Axencia Tributaria alega excluír o galego e incumprir a lei por falta de medios

A Axencia Tributaria é unha das administracións que máis negan a posibilidade de uso do galego, até o ponto de as e os contribuíntes que queren usar a súa lingua nos formularios dispoñíbeis teñen que redixilos de novo á marxe dos oficiais. Con esta actitude facenda chegou a multar á Mesa pola Normalización lingüística por entender que reclamar as notificación en galego era “obstruír” un procedemento. A sanción foi recorrida pola Mesa no tribunal económico- administrativo que lle deu a razón á entidade en defensa da lingua.
20161027_140759O último caso coñecido a través do servizo A Liña do Galego, foi o dunha persoa que se dirixiu en reiteradas ocasión a Facenda, nun trámite de devolución, para reclamar o seu dereito a que os procedementos dun expediente se realizasen, tamén por parte da AEAT, en galego, tal e como recolle  artigo 36.1 da Lei 30/1992:
“A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castellano. Porén o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán tamén empregar a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. (…)”
Ante esta actitude de desprezo e atención discriminatoria, o cidadán viuse na obriga de devolver o ingreso realizado pola administración tributaria como mostra de protesta “coa maneira en que a AEAT trata aos usuarios da lingua galega”.
Finalmente Facenda dignouse a utilizar o galego matizando nun escrito oficial que “nas aplicacións corporativas de Recadación non hai posibilidade de que as comunicacións se realicen en galego”.

A Mesa pola Normalización Lingüística cualificou de lamentábel esta resposta que segundo o seu presidente, Marcos Maceira, “demostra que a Axencia Tributaria non ten ningún interese nin en cumprir a legalidade nin en dar a mínima opción a usar a lingua propia en trámites que ademais son absolutamente obrigatorios”.
“É incríbel e propio dunha obsesión maníaca contra unha lingua oficial, que Facenda alegue falta de medios para usar o galego cando está obrigada legalmente, ou mesmo chegue a perseguir e sancionar a quen está a exercer o dereito a usar a súa lingua no seu propio país”.
A actitude galegófoba de facenda provoca molestias, cargas e trámites innecesarios,  só a quen utiliza o galego. Trátase dunha discriminación aberrante propia do racismo lingüístico, á que se engade a utilización de coaccións directas ou indirectas por parte da administración.
A Mesa insta á Axencia Tributaria a explicar por que é incapaz de manter a legalidade e as obrigas máis elementais de atención e respecto por un dereito básico como é o de uso do galego.
Da entidade a favor do galego lembran  que a administración tamén ten obrigas con respecto ás cidadás e cidadáns e que non pode desprezar continuamente quen só exerce os seus dereitos.

Á atención dos pais e nais do alumnado, as APAS e a sociedade en xeral.

Esta semana vivimos unha magnífica mobilización en defensa da educación. Unha espectacular folga educativa que tivo cifras récord en todo o país, seguida dunhas multitudinarias manifestacións en moitas cidades, volveron a demostrar que a Comunidade Educativa rexeita frontalmente as reválidas, a LOMCE e os recortes en educación.
Queremos agradecervos ás nais e os pais do alumnado vosa impresionante implicación, que deu como resultado este magnífico éxito colectivo. Cifras de seguimento da folga educativa que se situaron entre o 90 e 100% no Bacharelato e en Formación Profesional, do 85% en terceiro e cuarto da ESO, do 75% en primeiro e segundo da ESO, e de entre o 50 e o 60% en Infantil e Primaria, non son froito da casualidade. Cifras que a maioría das Comunidades Autónomas han recoñecido, aínda que lles custe difundir publicamente que iso foi así, e que o propio Ministerio de Educación tivo que cifrar nun 40%, porque calquera cifra das que habitualmente se utilizan para tentar desacreditar as folgas fose completamente cuestionada. En todo caso, ese 40% tamén quedou desacreditado polo resultado real. Manifestacións con centenares de miles de persoas na rúa, no conxunto do Estado, apoian o éxito.
Tamén tivemos que loitar contra un claro intento de boicot á folga, no que se empregaron algúns medios de manipulación, que non de información, do noso país; así como algún que outro sindicato docente que saíu presto a tentar axudar a un Goberno que se foi facendo aos poucos consciente de que perdía o pulso, como así foi; de equipos directivos e docentes que se empeñaron en poñer exames nas horas previas da folga, ameazar con repercusións se non se facían ou simplemente non se asistía a clase, incluso anunciando suspensos e castigos; e de circulares en centros educativos lembrando, de forma terxiversada, desde que idade pódese convocar unha folga de estudantes. Nada de todo iso serviulles e, para o seu desconsuelo, a folga foi un éxito incuestionable.
Sen dúbida, lanzamos unha convocatoria que sabiamos que era solicitada polas asociacións de pais e nais de todo o país, conscientes do grave prexuízo que as reválidas, a LOMCE e os recortes en educación, están a causar no noso sistema educativo. O noso eterno agradecemento tamén ás asociacións, 12.000 das cales están integradas directamente en CEAPA e configúrannos como o maior movemento asociativo do país. Aínda que tamén é xusto recoñecer que secundaron a folga pais e nais, así como asociacións, que non forman parte do movemento asociativo que CEAPA lidera. Queremos agradecerlles a súa xenerosidade por atender o noso chamamento xeral, aceptando con iso que nesta ocasión as mensaxes das súas organizacións de non mobilizarse non eran acertados. Alegrámonos de realizar un chamamento transversal, en defensa da educación do alumnado deste país, que foi capaz de traspasar esas liñas que ás veces separan a unhas e outras familias en función do tipo do modelo educativo que queren e dos centros educativos que elixen.
Grazas a todas e todos por participar deste gran éxito que debedes facer voso cada nai e cada pai deste país.
#NoalasReválidas, #NoalaLOMCE, e #NoalosRecortesenEducación.
28 de outubro de 2016
PDF icon carta familias agradecemento implicación 26 outubro.pdf
©CEAPA
Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais do Alumnado

A PGDEP considera que o paso atrás que acaba dar Rajoy a respecto das reválidas é consecuencia das continuas accións e loita de toda a comunidade educativa en contra das reválidas e da LOMCE

Paso atrás totalmente insuficiente que continúa a amosar unha irresponsabilidade e desprezo absoluto co profesorado e alumnado de 2º de Bacharelato que se ten que enfrontar este ano ás ditas probas, descoñecendo absolutamente todo o relacionado con estas
Ante o anuncio no Parlamento do presidente en funcións, o Sr. Rajoy, a respecto de que as reválidas de ESO e bacharelato non serán necesarias para adquirir o título e terán unicamente valor para acceder á Universidade, até que se conclúa o pacto pola educación, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere manifestar o seguinte:
  • Este paso atrás é, sen dúbida, resultado das múltiples e exitosas mobilizacións que levamos a cabo contra a LOMCE e as reválidas. A sociedade galega amosou en repetidas e numerosas ocasión o seu total rexeitamento baleirando as aulas e participando nas folgas, non enviando o alumnado a realizar as reválidas de primaria e participando en diferentes accións. Unha mostra da oposición ao desatino e calvario ao que se pretende someter o alumnado foi a folga total de onte, 26 de outubro, no ensino galego.
  • Para a PGDEP é totalmente insuficiente a última posición do Partido Popular, xa que o alumnado de bacharelato terá que sufrir unha proba para acceder á Universidade este curso, da que non  coñece o seu contido, deseño e características. Unha irresponsabilidade e desprezo absoluto co profesorado e co alumnado.
  • Non serven as medias tintas. A única saída é a derrogación da LOMCE e a supresión das reválidas. Iso é o que exixe a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e con ese obxecto continuará a mobilizarse até a súa consecución.   

Os cambios de Rajoy nas reválidas que non son tal

Mariano Rajoy prometeu este xoves no debate de investidura cambios nas reválidas tras a última das convocatorias de folga e protesta contra estas probas e contra a polémica Lomce. Anunciou que ía "abordar a suspensión dos efectos académicos das probas" ata que se alcance "o pacto pola educación" que xa propuxera e que prevía ter listo en seis meses. Tamén que, no caso do Bacharelato, a aprobación deste exame non sería necesario para acadar o título e só para acceder á universidade. É exactamente o mesmo que se especifica con detalle no Real Decreto 310/2016 de finais de xullo para este curso. Xa que logo, e segundo o documento publicado no BOE, non será ata 2018 cando os alumnos teñan que aprobar a reválida para obter o título e cando lles compute para a nota. Tan só a non consecución dese pacto educativo no vindeiro ano e pico podería manter a conxelación destes efectos das probas máis aló.
A suspensión dos efectos académicos das reválidas xa estaban previstas para este curso no Real Decreto de finais de xullo
"A avaliación final de Educación Secundaria Obrigatoria correspondente á convocatoria que se realice no ano 2017 non terá efectos académicos", di o Real Decreto de xullo respecto ás probas de ESO. No caso do Bacharelato, "unicamente se terá en conta para o acceso á Universiade, pero a súa superación non será necesaria para obter o título de Bacharel". O mesmo que dixo Rajoy, que só deixou aberta con ambigüidade a posibilidade de que esta excepción se estenda máis aló, pero pondo como límite un pacto educativo que prevé acadar antes. Nada novo.
Rajoy tamén deixou claro que non pensa derrogar a Lomce malia ter toda a comunidade educativa e a maioría do Parlamento en contra
De feito, o aínda presidente en funcións tamén quixo deixar claro que non vai derrogar a Lomce malia ter toda a comunidade educativa en contra e a pesar da petición de retirada da lei por parte de Podemos e das súas confluencias, do PSOE e de todos os partidos nacionalistas. Tan só Ciudadanos aceptaría mantela pero reformándoa.
En Galicia, plataformas pola educación  pública, alumnos, sindicatos e asociacións de anpas atribúen esta apelación de Rajoy durante o debate de investidura ás mobilizacións contra a Lomce pero consideran "totalmente insuficiente" o anuncio. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) considera as palabras de Rajoy "un paso atrás" resultado "das múltiples e exitosas mobilizacións", pero lembran que o alumnado de Bacharelato "terá que sufrir unha proba para acceder á Universidade este curso, da que non  coñece o seu contido, deseño e características". Porque iso non cambiou e mantense o que o BOE especificara xa hai tres meses para este curso.
Desde a outra plataforma, a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia (PDEPG), considérase que as mobilizacións, máis concretamente a última deste pasado 26 de outubro, "acabaron coas reválidas", aínda que a súa eliminación total non está nin moito menos asegurada aínda, malia que o camiño parece terse empezado.
Mesmo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, celebrou que se deixasen sen efecto académico as reválidas, algo que ve "lóxico" menres non se consiga un pacto educativo no Estado. E chegou a agradecer que o Goberno central en funcións accedese a ese cambio, algo que solicitara a Xunta mediante carta cando xa estaba especificado así, polo menos para este curso, no Real Decreto.

Mocidade, paro de longa duración e contratos de calidade, esquecidos pola mellora do emprego

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre, publicados este xoves, amosaron un importante descenso do número total de persoas desempregadas en Galicia. Porén, eses mesmos datos volveron poñer ao descuberto que hai unha serie de sectores e grupos sociais que seguen a sufrir unha realidade laboral moi negativa e que -aínda que con algunha mellora- atópanse aínda nun escenario próximo ao dos peores tempos da crise económica.
O número total de mozos e mozas de 16 a 29 anos con traballo en Galicia pasou dos 212 mil aos 127 mil dende o ano 2009
Un deles, sen dúbida, é o da mocidade. As taxas de paro entre os menores de 20 anos (57%) e entre os que teñen de 20 a 25 (35%) seguen sendo moi elevadas. Pero máis preocupantes son outros datos. O número total de mozos e mozas de 16 a 29 anos con traballo en Galicia pasou dos 212 mil aos 127 mil dende o ano 2009. A porcentaxe dos parados e paradas permanece estable (creceu do 14% ao 15%, aínda que chegou a estar no 21%). O número total de mozos e mozas residentes en Galicia descendeu en máis de 100 mil (de 429 a 327 mil), e entre os que ficaron a proporción de inactivos e inactivas pasou do 36% ao 46%.

É preocupante que o número de parados e paradas de longa duración de máis de 45 anos se reduce de forma moito máis lenta. Son 50 mil, moi preto dos 58 mil acadados en 2014
Outro dos grandes puntos negros é a situación dos parados e paradas de longa duración. Máis de 110 mil persoas en Galicia levan máis de doce meses buscando traballo sen conseguilo. É certo que a cifra reduciuse dende os máximos acadados (154 mil, primeiro trimestre do 2014), pero o número segue sendo moi elevado, representando case a metade dos desempregados e desempregadas totais, e manténdose moi por riba dos rexistros de 2009 (44 mil). Ademais, é preocupante que o número de parados e paradas de longa duración de máis de 45 anos se reduce de forma moito máis lenta. Son 50 mil, moi preto dos 58 mil que había en 2014. Semella que a situación si mellorou para os grupos de idade máis novos, pero non para eles e elas.

Ao redor de 140 mil traballadores e traballadoras están ocupados e ocupadas só a tempo parcial (o 13% do total). A inmensa maioría son mulleres (105 mil, fronte a 33 mil homes)
De igual xeito, a EPA continúa amosando que o escenario laboral está marcado por unha maior inestabilidade, temporalidade e precariedade no emprego, un emprego de menor calidade. Os datos da EPA publicados este xoves rexistran tres mil traballadores e traballadoras con contratos dun día de duración (o dobre que no 2009) e case sete mil con contratos dun mes ou menos, unha cifra en descenso nos dous últimos ano, pero aínda por riba dos niveis previos ao comezo da crise. De igual xeito, ao redor de 140 mil traballadores e traballadoras están ocupados e ocupadas só a tempo parcial (o 13% do total). A inmensa maioría son mulleres (105 mil, fronte a 33 mil homes).

O galego, fonte de criación de emprego

Primeira entrega de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na rede galega de vídeo-blogues. Nesta súa estrea, Maceira afirma que se reclamamos atención en galego podemos salvar centos de postos de traballo no sector do telemarketing.
https://youtu.be/SVSAk7f2rsE

venres, 28 de outubro de 2016

As mobilizacións da comunidade educativa acabaron coas reválidas da LOMCE

As organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Ensino Público consideran que a xornada de mobilización do mércores, día 26 de outubro, motivou a decisión de Mariano Rajoy de anunciar a fin das reválidas da LOMCE. A comunidade educativa «volveu falar democraticamente», sinala a Plataforma. A contestación social contra as reválidas e a LOMCE foi un «éxito absoluto»: un 98 % de seguimento da folga en secundaria e case un 70 % en infantil e primaria. Aulas baleiras. Rúas cheas. «Onte matamos as reválidas e mañá remataremos coa LOMCE», sentencian desde a Plataforma.

O alumnado e as familias «lograron de sobra o seu obxectivo»: Rajoy vese obrigado a anunciar que as reválidas non terán carácter académico. Para cumprir co que di, debe derrogar o Real decreto 310/2016. As organizacións que integran a Plataforma felicitan de xeito especial as organizacións estudantís (SE) e o movemento asociativo de nais e pais (CONFAPA-Galicia), polo «éxito indubidable» do seu chamamento a baleirar as aulas. Tamén o profesorado pola súa colaboración no éxito desta xornada. Ven na convocatoria «un triunfo» das organizacións da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, das que partiu a iniciativa de convocar esta «histórica» xornada de loita.

CONFAPA, CCOO-Ensino, FEsP-UGT, IESGA, SE, Escola Viva e STEG instan a Consellaría de Educación e o Parlamento galego a que «tomen nota» do acontecido onte e xestionen o sentir da comunidade educativa galega. «Aos grupos políticos que nos apoiaron pedímoslles que cumpran os seus compromisos con esta Plataforma e promovan iniciativas no Parlamento galego e español que acaben de vez co sufrimento de alumnado, familias e docentes, e que comecen o camiño da derrogación da LOMCE e dos recortes», conclúen desde a Plataforma.

Rajoy sacrifica as reválidas de Wert e aprázaas sen data

A proba de Bacharelato queda só para o acceso á Universidade e a de ESO como avaliación de diagnóstico "ata que haxa un pacto pola educación".

É o primeiro punto polémico da lei educativa do PP que queda no camiño. Mariano Rajoy anunciou este mércores que deixa “sen efecto académico” as reválidas de ESO e Bacharelato que impulsou o anterior ministro, José Ignacio Wert. A primeira —a de ESO— quedará como un exame de diagnóstico e o segunda —Bacharelato— convértese de facto nunha Selectividade algo máis complexa. O anuncio, tras a masiva folga contra as probas, foi vendido polo PP como un xesto cara a Cidadáns e PSOE. Agora débese aprobar o cambio normativo.
A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) prevé uns exames externos para os alumnos de cuarto de ESO (15 e 16 anos) e segundo de Bacharelato (17 e 18) que se implantan este curso como proba piloto e que os estudantes debían aprobar necesariamente a partir de 2018 para poder obter o título e seguir estudando. Son as repudiadas reválidas, contra as que o mércores protestaron decenas de miles de persoas en todo o país e que espertaron críticas ata das comunidades do PP.
O presidente en funcións, Mariano Rajoy, aproveitou a réplica ao PSOE na sesión de investidura para facer a única concesión do día. “As reválidas non terán efectos académicos ata que non se chegue ao pacto nacional pola educación que propuxen onte [polo mércores]”, afirmou.
O seu anuncio non implica que se eliminen estes exames externos, pero si que non será necesario aprobalos para poder seguir estudando. Con esta cesión, o PP quere “crear un clima” que faga posible un pacto educativo que en España nunca se conseguiu, segundo indicou despois o ministro de Educación en funcións, Íñigo Méndez de Vigo. En calquera caso, o resto de formacións políticas xa manifestaron que rexeitan este modelo de avaliacións, polo que é posible que as reválidas non volvan, ben porque haxa un pacto e as demais formacións pídano ou ben porque o acordo non se chegue a pechar nunca.

Como a Selectividade

A proba de Bacharelato “será moi similar” á Selectividade e só terán que facela os que aspiren a ir á universidade como pasaba ata agora, segundo Méndez de Vigo. A orde ministerial cos detalles desta proba, aínda pendente de aprobación, será a que determine ata que punto o PP deu todo un xiro para quedar ao final no mesmo sitio. A orde previa aprobada en xullo supoñía máis exames mesmo de materias de distintos cursos e máis días de avaliación, ademais de poñer en mans do Estado o marco xeral da proba que ata agora desenvolvían as comunidades autónomas con profesores universitarios e de Bacharelato.
As de Secundaria quedarán como probas de diagnóstico sen efectos académicos para o alumno, pero coas que se mide a evolución xeral, como pasa coas avaliacións de Primaria da LOMCE, que tamén cultivaron rexeitamento, entre outros motivos, polo temor a que se usen para facer ránkings de centros.
Para eliminar o carácter de reválida, o Goberno debe modificar o calendario de implantación das medidas da LOMCE. Aínda que ese calendario forma parte da lei, pódese modificar mediante un real decreto ao “non ter carácter orgánico”, segundo un portavoz do ministerio. O documento xa está preparado e aprobarase “de forma inmediata” en canto haxa un novo Goberno.

As outras polémicas da LOMCE

As reválidas son quizá o aspecto máis polémico da LOMCE, que onte Rajoy rexeitou derrogar completamente como lle piden o groso da oposición. A lei inclúe outros temas espiñentos como contemplar a Relixión como materia avaliable, a “liberdade de elección dos pais” que blinda a educación concertada ou a garantía de subvencións aos centros que segregan por sexos.
José Luis Pazos, presidente da confederación de familias da pública CEAPA, asegura que o anuncio de Rajoy "é insuficiente". "Non nos vale o que dixo, aos nosos efectos nada cambiou porque pedimos a eliminación das reválidas e dos exames externos en xeral, parece que escoitou só a medias", sinala Pazos, cuxa organización foi unha das convocantes das mobilizacións do mércores. "Se cadra non se decataron de que a comunidade educativa rexeita tamén as probas de diagnóstico en 3º e 6º de primaria e de que non as imos a aceptar".
O anuncio do presidente "reflicte a presión que teñen polas mobilizacións multitudinarias en todo o país, pero non nos valen nin moratorias nin xogos, queremos a súa derrogación inmediata de principio a final e iso esixímoslle a Rajoy", engade Ana García, responsable do Sindicato de Estudantes, tamén convocante dos paros. A súa organización deu un ultimato ao Goberno ata o luns para eliminar as reválidas ou enfrontarse a novas mobilizacións. "O ultimato segue en pé, se de aquí ao luns non anuncia a derrogación, sen trampa nin cartón, seguiremos nas rúas".
"É un anuncio insuficiente", engade Paco García, responsable de Ensino de CC OO. "O que pedimos é a derrogación do decreto de reválidas e que se manteña a PAU coas adecuacións precisas mentres se negocia o pacto educativo". O representante sindical desconfía de que se poida alcanzar ese acordo "se o presidente parte da idea de que non pensa derrogar a LOMCE. Di que quere un pacto educativo pero sementa o camiño de obstáculos". Comisións reclama ao presidente en funcións "un primeiro xesto" nos próximos orzamentos, nos que pide que non se inclúan recortes en educación que se somen "aos 9.000 millóns xa perdidos" en gasto educativo.

CONFAPA-Galicia valora a xornada de folga educativa como un éxito