xoves, 20 de outubro de 2016

A Xunta continúa externalizando servizos públicos

Destina case 1,3 millóns de euros para realizar o contido de dúas webs institucionais e para o mantemento evolutivo e soporte de sistemas de información en Medio Rural. Entre as empresas contratadas está Atos, da que é alto cargo unha sobriña de Romay Beccaría.

O Goberno galego continúa privatizando a xestión de servizos públicos, sobre todo, no eido de contidos e de información. Así, acaba de conceder a xestión de contidos de dúas das súas webs por 260.000 euros e o servizo de desenvolvemento, mantemento evolutivo e soporte de sistemas de información para a xestión de medidas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, por case un millón de euros.
Web Eido Local da Xunta Así, polo que ten a ver co primeiro concurso, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia  (Amtega) acaba de contratar a dúas empresas para realizar os contidos e o soporte técnico de dúas webs da Xunta; o Portal Galicia Aberta, dependente da Secretaría Xeral de Emigración, que ata agora xestionaba o Grupo Voz, e o Portal Eido Local, dependente da Vicepresidencia.
Deste xeito, continuarán en mans privadas os servizos de comunicación e información (directorios, foros, novas ou axenda) e das canles de colaboración da Xunta coas comunidades galegas no exterior.  Tamén, a relación telemática do Goberno galego cos 315 concellos, as 4 deputacións e 35 entidades locais.
Atos
As empresas adxudicatarias destes concursos son vellas coñecidas da Administración galega. Así, Atos Spain, empresa filial de Atos, levará a xestión do portal Eido Local por 150.000 euros. Unha cantidade moi inferior ao medio millón que recibiu en 2013 pola total transformación desta web.

Na matriz desta empresa traballa como  Directora de Desarrollo Corporativo Atos Iberia e Directora de Salud Atos Iberia  a sobriña de José Romay Becaría, Carmen Martín de Pozuelo Romay. Esta empresa conseguiu no primeiro ano de Goberno de Feijóo contratos por valor de 4,6 millóns de euros. Precisamente, o recén elixido presidente galego fichou a Martín de Pozuelo para o seu equipo cando dirixía Correos e tamén cando estivo como conselleiro de Política Territorial.
Portal web Galicia Aberta da Xunta
Pola súa banda, Plexus, unha empresa que tivo bastantes concursos públicos coa Administración galega na área de tecnoloxía, e mesmo apareceu nas escoitas da Operación Pokemon vinculada a ex edís do PP de Santiago – contactos que negou a propia empresa--, será a encargada de xestionar o portal Galicia Aberta, de Emigración por 113.000 euros.
Por outra banda, tamén a Amtega acaba de contratar a varias empresas para que se encarguen do  servizo de desenvolvemento, mantemento evolutivo e soporte de sistemas de información para a xestión de medidas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia por un montante total de case un millón de euros.
Así, entre as empresas contratadas están Bahia Software, S.L.U., SIVSA Soluciones informaticas S.A.U., Seresco, S.A. e Everis Spain, SL. que teñen dous anos para poñer en marcha sistemas informatizados para a xestión, seguimento, avaliación, informacjión e control deste programa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario