Esta mañá, Erguer. Estudantes da
Galiza presentou unha nova campaña para denunciar a situación que
estamos a sufrir as estudantes neste inicio de curso coa implantación da
LOMCE, unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular e deseñada
de costas á comunidade educativa e á realidade galega.
Xa no pasado curso puidemos ver como o
profesorado e as familias berraron alto e claro que non queren LOMCE ao
rexistrarse un 80% de abstención nas reválidas de 3º e 6º de Primaria.
As estudantes, pola nosa parte, tivemos unha xornada de folga contra a
LOMCE e o 3+2 o pasado 13 de abril que foi secundada en 18 mobilizacións
convocadas por Erguer. Estudantes da Galiza en vilas de todo o País.
Co comezo do curso 2016-2017, a
situación no ensino medio non fixo máis que agravarse: este ano o
estudantado de Secundaria e Bacharelato terá que someterse tamén ás
reválidas, e a esta altura aínda descoñecemos os criterios de avaliación
e o modelo que seguirán estas probas. No caso do Bacharelato,
descoñécese mesmo que materias serán obxecto de examinación, xa que a
LOMCE contempla que algunhas materias de 1º tamén entren nestas probas, e
non só de 2º, como acontecía coa Selectividade. Non podemos permitir
que o noso futuro penda de tal fío de incerteza.
Ademais, a chegada da LOMCE vén
parella ao cómputo da materia de Relixión para a media, á mingua de
horas impartidas en galego co aumento de tempo lectivo de materias que
está prohibido impartir no noso idioma ou á recentralización de
competencias para o goberno do Estado.
Son estas e moitas máis as razóns
polas que saímos á rúa o pasado 13 de abril, demostrando claramente que o
estudantado se opón á LOMCE. Porén, desta volta queremos deixalo aínda
máis claro e achegar os datos con aínda máis contundencia: o próximo
xoves 20 de outubro farémoslle ao estudantado galego a consulta que a
Xunta de Galiza nunca lle fixo antes de aplicar a LOMCE no noso país
seguindo a pés xuntiñas os ditames de Madrid. Este 20 de outubro Erguer.
Estudantes da Galiza estará en máis de 30 centros de ensino medio de 20
comarcas do País realizando un referendo no que o estudantado terá a
oportunidade de votar “si” ou “non” á LOMCE. Demostraremos cal é a
opinión real do colectivo máis afectado por unha lei cociñada co gran
capital e sen ternos en conta: este 20 de outubro, a voz do estudantado
escoitarase nas urnas e non dubidamos que dirá “non” á LOMCE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario