Dende este mércores 26 de outubro e até o venres
28, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de
Pontevedra acollerá o IV
Congreso Internacional de Videoxogos e Educación (CIVE),
inserido no marco do proxecto de especialización CREA S2i. Tomando
como meta final a análise do potencial educativo dos videoxogos, o
dito congreso adicará cada unha das súas xornadas a unha fase do
proceso de construción dun xogo que se verá complementado coa
celebración, a partir do martes 25, dunha Game
Jam na Casa da Luz, na que as persoas participantes
traballarán durante tres días na creación dun xogo educativo.
Cómpre dicir que esta proposta, que aínda ten
aberta a súa inscrición, ten como meta que os participantes
traballen e durman na Casa da Luz, onde, divididos en grupos,
abordarán a creación dun videoxogo educativo para móbiles e
tabletas, “na que a única restrición será o tema”, que non
coñecerán até o mesmo día do comezo, segundo
informaba a co-presidenta do comité organizador desta actividade, a
profesora Beatriz Legerén, que se leva a cabo en colaboración co
Concello.
Así, os participantes nesta Game Jam
deberán presentar ao cabo de tres días as súas propostas na
xornada de peche do CIVE, na que optarán a un premio outorgado polo
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG), e á posibilidade de desenvolver unha campaña de
crowdfunding para obter os fondos para desenvolver o seu xogo.
Cómpre salientar que
este congreso internacional desenvólvese por primeira vez en Galicia
(tras celebrar as súas primeiras edicións en Valencia, Cáceres e
Bos Aires) da man do grupo Alfás, que reúne a académicos e
académicas de diferentes países que traballan no uso do videoxogo
na aula e que celebrará ademais no campus a súa primeira asemblea,
nunha actividade que achegará á cidade a expertos e profesionais
como o programador Michael Santorum, de Tequila Works; o artista 3d
arxentino Gregorio D`Angelo; Pablo Boquete, do Instituto Escola de
Belas Artes de Uruguai; Guido Giunti, da Universidade finlandesa de
Oulu ou a investigadora Graciela Esnaola, da Universidade Tres de
Febrero da Arxentina. Así, o mércores trataranse os aspectos da
historia e a narración, o xoves as mesas de debate centraranse nas
regras e mecánicas, onde o protagonismo será para a Facultade de
Ciencias da Educación e do Deporte e o venres afondarase na
ilustración, o deseño e a arte no videoxogo.
Alén disto, esta
última xornada completarase coa celebración (ás 17.30 h) dunha
mesa redonda que tratará de dar resposta á pregunta de se É
posible unha industria de contidos dixitais en Galicia?,
organizada polo Clúster do Audiovisual Galego. Estes tres días de
debate veranse precedidos, o martes 25, pola Game Start, unha
xornada de traballo para o profesorado, centrada na aplicación dos
videoxogos como das técnicas de gamificación nas aulas, para
a aprendizaxe de calquera tipo de disciplina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario