martes, 18 de outubro de 2016

Dos´deberes´e de falsos debates

Nas últimas semanas e estimulado dende certos altofalantes mediáticos, estableceuse un debate sobre os malchamados “deberes” e a súa conveniencia ou non para o axeitado rendemento da nosa poboación escolar.

A partires de aquí, escoitáronse opinións de todo tipo e de diverso ton, como se do resultado do debate dependese o futuro da nosa escola. Esta proposta parecera remitirnos ao chamado Principio de Cambridge: dada a cor de pelo do capitán e o mes en que naceu, determine vostede a lonxitude da eslora do barco...

Dende o STEG opinamos que o debate NON é ese. Se temos en conta o retroceso acontecido no ensino público de Galiza dende a chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta, concluiremos que a cuestión dos “deberes” é só unha cortina de fume que vén agochar o verdadeiro debate: pode haber un ensino público de calidade coas agresións que se lle perpetraron nestes últimos anos dende a Xunta? Pensamos que non.

Xulgamos que o foco de atención debera centrarse nos máis de dous mil docentes que perdeu o ensino público dende o 2009, na excesiva ratio das aulas das nosas escolas; no desleixo pola atención á diversidade, co profesorado especialista en audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica sometido a circunstancias e condicións de traballo que non favorecen en nada a súa actividade; na escasa importancia que se lle atribúe aos Departamentos de Orientación, afogados por todo tipo de requerimentos que detraen tempo do seu traballo así como a oferta das prazas de Orientación con afíns; o pouco tempo de que dispón o profesorado para deseñar as súas actividades e planificalas coordinada e axeitadamente no camiño de axudar o alumnado con máis dificultades; o nefasto plantexamento da LOMCE, que resta democracia aos centros e que está imbuído dun ton retrógrado que nos sitúa nos anos 60....

En resumo: neste contexto parécenos pouco serio e algo frívolo suscitar un debate sobre a cuestión dos malchamados deberes, habendo problemáticas tan perentorias coma as que vimos de citar.

Aínda así, se concebimos a escola como un lugar onde se propoñen situacións de ensino aprendizaxe, se a pensamos como un lugar de descubrimento onde espertar a curiosidade e o interese das meniñas e meniños, deberiamos propor actividades debidamente contextualizadas conforme aos principios de adecuación, motivadoras e que promovan a autonomía e iniciativa persoal do alumnado e o interese do mesmo en afondar por si mesmo naquelas cuestións e temas traballados na escola. Nomeadamente, aquelas que promovan o hábito da lectura (talvez a chave de todo), a indagación ou búsqueda de información nun libro ou na Internet, promovendo tamén a súa intelixencia social (unha consulta aos maiores, nais, pais ou avoas/avós, por exemplo) así como a necesaria reflexión sobre os aspectos abordados na escola. Cómpre lembrar que en moitos fogares non existen hábitos nin recursos dabondo que poidan garantir un axeitado desenvolvemento académico polo que este tipo de recurso pode afondar nas dificultades académicas do alumnado cun nivel socioeconómico máis baixo, convertíndose nun recurso segregador. Consideramos pois que debe contemplar tamén estas circunstancias, facendo uso do sentido común en cada momento, respectando o criterio e a profesionalidade das traballadoras e traballadores do ensino.

En definitiva, o problema para unha escola que precisa ser transformada non son os “deberes”. Dende o STEG pensamos que o problema é que se quere afogar o ensino público e o que urxe é que o goberno da Xunta garanta os recursos humanos e económicos que a escola precisa para poder ofrecer un ensino público de calidade, que contribúa a exercer de elemento reequilibrador das desigualdades sociais existentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario