venres, 14 de outubro de 2016

Os titulados en Estudos Superiores de Música en Galicia viven da docencia e do pluriemprego precario

Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, alerta na súa tese doutoral de que malia que “a inserción laboral dos titulados e tituladas é alta”, hai unha alta taxa de precariedade.

A dedicación á docencia e a combinación de varios traballos á vez, é dicir, o pluriemprego, constitúen as dúas características principais do perfil laboral dos egresados en Estudos Superiores de Música en Galicia, segundo conclúe na súa tese de doutoramento Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Uns estudos que polas características dunha formación que obriga a que moitas das súas clases sexan individuais, pero tamén pola elevada porcentaxe de matriculados e matriculadas que non completan a titulación, supoñen un investimento de preto de 100.000 euros á administración por cada titulado ou titulada, segundo conclúe este profesor.
Na súa tese 'A Educación Superior Musical en Galicia ante o mundo do traballo. Estudo cuantitativo e cualitativo', dirixida por Luís Costa, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, Valverde Corrales analiza a inserción laboral e empregabilidade, "cuestións de suma importancia á hora de afrontar uns estudos como os de música", nos que houbo 500 titulados que entre os anos 2005 e 2012 nos conservatorios superiores de Galicia: os de Vigo e A Coruña.
PRECARIEDADE
Esta investigación, recollida por Eduardo Muñiz no DUVI, permitiu a Valverde comprobar que “a inserción laboral dos titulados e tituladas é alta”, posto que o 87% dos egresados enquisados para esta tese acadaron un posto de traballo antes de que transcorrese un ano desde a finalización dos seus estudos. “Outra cousa ben diferente”, engade, “son as condicións laborais destes titulados, que nalgúns casos necesitan dous ou tres traballos para obter unha xornada completa”.
Segundo recolle na súa tese, case o 70% dos titulados e tituladas no período analizado contan con máis dun traballo, o que fai que esa idea do pluriemprego constitúa, xunto coa dedicación á docencia, o trazo definitorio do perfil laboral dos egresados e egresadas, ao que Valverde engade un terceiro factor, a precariedade. Nese punto, subliña “a baixa taxa de contratos indefinidos, relacionada coa escasa institucionalización de moitos centros formativos”, á que se suma o “claro esgotamento dos nichos laborais relacionados coa docencia”.
TAXA DE ABANDONO
Para realizar este “achegamento ao mundo laboral desde a óptica dos estudantes”, Valverde enquisou a 98 dos 493 titulados e tituladas no período analizado. Segundo os datos onbtidos, a taxa de abandono é de preto do 50% e a converte nun dos factores polos que, “se ben o custo para a administración educativa de Galicia dun alumno ou alumna” destas ensinanzas superiores “ascende a case 10.000 euros por curso académico”, explica Valverde, o dun titulado e titulada “estea arredor dos 100.000”. De feito, a esta taxa súmase que só o 37% dos estudantes completa os seus estudos nos catro anos fixados polo plan de estudos. Mais este custo tamén vén determinado por outra serie de factores, como que se trate “en gran medida de ensinanzas individuais”, nas que as materias conxuntas contan con grupos de non máis de 15 estudantes.
Por outra banda, a análise realizada tamén permitiu constatar que se ben preto do 60% dos matriculados e matriculadas neste período eran homes, “a porcentaxe de titulados é similar entre ambos sexos”, situándose no 49,5% nas mulleres e no 50,5% nos homes. Piano, co 16,6% das matrículas, Violín, cun 9,7%, e Clarinete, cun 7,2%, constitúen as especialidades con maior número de matriculados neste período, mentres que Instrumentos na Música Tradicional e Popular de Galicia foi a especialidade con maior porcentaxe de titulados. Concretamente, no período analizado completaron os estudos o 70,8% dos matriculados nesta especialidade, mentres que “no lado oposto chama a atención Oboe, cun 25,8%, ou Pegadoxía da Linguaxe Musical, onde se titulan o 30,7% das persoas que comezan”, apunta o investigador.
NOVOS CAMPOS
Valverde tamén afonda na súa tese na reorientación que se está a producir no mundo laboral para estes titulados e tituladas, reflectida ao seu xuízo nos plans de estudos trala aprobación da Lei Orgánica de Educación (LOE).
“O perfil formativo do egresado debe facerse máis flexible e máis adaptativo a unha realidade laboral que xa non demandará docentes de música no número en que o viña facendo”, sinala este profesor, que entende que os estudantes deben prepararse para “abordar traballos máis relacionados coa divulgación e animación musical e cultural” ou co mundo audiovisual.
Así mesmo, tamén destaca como nichos laborais a explorar os vinculados á xestión en ámbitos como a produción, a edición ou a difusión de materiais musicais, as tarefas de investigación, o desenvolvemento de proxectos multimedia ou a potenciación da docencia non regrada ,“como as escolas municipais de música, polas que deberán apostar en máis medida as administracións locais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario