O voceiro de Educación do Grupo socialista e vicevoceiro, Luis Álvarez Martínez, augurou que "a polémica LOMCE non vai chegar a implantarse", xa que conta coa oposición "en bloque de todo o Congreso" agás o PP.
Así o trasladou nunha rolda de prensa na que avalou as protestas convocadas polo sector educativo para este mércores en toda Galicia, das que participará o Grupo Socialista para reclamar a paralización das reválidas de Secundaria e Bacharelato.
O responsable socialista criticou unha norma imposta "de forma absolutista polo rolo do PP" para retrotraer ao ensino público a "aspectos da lei xeral de educación de 1970" a partir dun texto "nefasto" rexeitado "por todo o sector educativo.
Este rexeitamento foi "referendado por todos os grupos parlamentarios do Congreso" agás o PP, que agora "carece de apoio" para manter esta norma".
Álvarez reclamou así a "paralización" desta norma e a elaboración dun texto de consenso, e informou de que o PSdeG presentou na Cámara unha iniciativa na que reclama á Consellería de Educación que "dea conta da publicación da orde aínda pendente para regular as reválidas en Galicia, así como a súa estrutura".
Entre as demandas, os socialistas piden á Xunta que as probas garantan "cando menos un sistema de acceso único ás tres universidades" e que se traslade ao Ministerio "as consecuencias da súa improvisación e, polo tanto, instar á paralización das probas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario