luns, 17 de outubro de 2016

Sentenza favorábel ao profesorado de música e artes escénicas nos CMUS

O pasado mes de setembro unha sentenza do TSX de Galiza ditaminaba que a orde de adxudicación de destinos provisionais quedaba anulada no referente a un apartado sobre as prazas nos CMUS. Esta sentenza anulaba a posibilidade de que o profesorado de música da ESO puidese optar a prazas nos conservatorios.

Esta sentenza é froito da loita dun colectivo de profesorado do corpo de profesores de música e artes escénicas aos que, tras acudir a outras organizacións sindicais se puxeron en contacto co STEG. Neste sindicato fomos conscientes da inxustiza que se estaba a cometer con este colectivo, froito dos recortes nos postos docentes e da falla de previsión da administración, e fomos a única organización que se fixo eco das súas demandas e das súas reivindicacións, redactando un comunicado de apoio e prestando asesoramento a este colectivo.

O STEG foi o ÚNICO sindicato que denunciou sen ambigüidades o desprezo que as ensinanzas artísticas estaban a sufrir por parte da Consellería con medidas coma esta, e o desleixo que mostraba a administración ante unha situación tan surrealista coma que houbese máis profesorado de secundaria de música  que postos docentes existían, e os aparcaba nos CMUS coa excusa de que tiñan a titulación necesaria, sen importar que pertencesen a outro corpo diferente e que as probas de acceso á función docente fosen completamente distintas.

No STEG felicitamos a este colectivo que conseguiu vencer a ese Goliath no que se converteu a Administración, e que demostrou que non era invencíbel; victoria que nos anima a seguir loitando pola dignificación das ensinanzas artísticas e por conseguir un ensino público de calidade, gratuíto, universal e non discriminador a todos os niveis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario