luns, 24 de outubro de 2016

CEAPA publica modelos de documentos de xustificación cara a folga do 26 de outubro

1.    Son un modelo pedagóxico arcaico. As reválidas son a expresión dun modelo pedagóxico  baseado nunha sucesión continua de exames configurados como barreiras que pretenden impedir á maior cantidade posible de alumnado que poida exercer o dereito á educación. Foron eliminadas no noso país en 1970 por ser consideradas unha nefasta práctica que impedía a permanencia na educación da maioría do alumnado.
2.    Os nosos fillos e fillas quedan fóra do sistema educativo. As reválidas terán como consecuencia directa que unha boa parte do alumnado, aínda que teña todos os cursos superados, quede fóra do sistema educativo. Sen títulos aos que ten dereito, o seu futuro académico e laboral verase gravemente afectado.
3.    Deslexitiman ao docente. As reválidas supoñen a deslixitimación do docente e o cuestionamento total da súa avaliación continua. A súa función queda minusvalorada e posta en cuestión ata que un exame externo corrobore, se é que o fai, que a súa avaliación é correcta. Ademais, fan empregar un tempo valioso na súa preparación, obrigando a desvirtuar os obxectivos primordiais da educación.
4.    Son realizadas por persoas alleas aos nosos fillos e fillas. As reválidas serán realizadas por persoas que non coñecen en absoluto ao alumnado que avaliarán, xerando ademais unha tensión innecesaria a quen sometan ás probas porque se xogarán todo con elas. Quen as realice non poderá saber nin valorar o seu progreso educativo, o esforzo de moitos anos de estudo, as circunstancias persoais que os fan especiais en moitas facetas da súa vida que non serán avaliadas en absoluto,…, e a pesar diso, a nota que saquen determinará o seu futuro. Estas probas poden tirar ao lixo o traballo dun mínimo de 13 anos para o título da ESO e de 15 para o de Bacharelato.
5.    Negáselles unha titulación aos nosos estudantes. As reválidas son un método de negación da titulación que non existe ao finalizar a Educación Secundaria Obrigatoria en ningún país da nosa contorna do que tomar bo exemplo. Nestes países tampouco ao finalizar o Bacharelato se lle nega o título, a quen superase todos os seus estudos, nin o acceso a estudos superiores.
6.    Frean o acceso ao Bacharelato e á Universidade. As reválidas só teñen un obxectivo, impedir que acceda ao Bacharelato e logo á Universidade unha porcentaxe tan alta como na actualidade. Forma parte do recorte do dereito á educación pública e do ataque ao noso precario Estado do Benestar.
7.    Están cuestionadas por toda a Comunidade Educativa. As reválidas foron cuestionadas seriamente por todos os sectores da Comunidade Educativa, así como por moitos gobernos autonómicos e a inmensa maioría dos responsables políticos. Só quen forman parte do Goberno actual, e o partido que o sustenta, insisten en impor antidemocraticamente estas probas externas.
8.    Buscan un negocio para uns poucos. As reválidas permitirán un suculento novo negocio para empresas que se queiran dedicar a presentarse a concursos para que lles encarguen a súa realización. É só mero negocio para uns poucos á conta do sufrimento dunha parte importante da sociedade.
9.    Son precarias e sen tempo de preparación. As reválidas, ademais, nin tan sequera foron desenvolvidas a tempo para que o alumnado saiba de que se lle examinará, nin para que o profesorado saiba como axudarlle. Son unha auténtica chapuza lexislativa que xera indefensión e inseguridade xurídica ao alumnado.
10.    Loitamos pola educación das nosas fillas e fillos. As reválidas ponnos ante unha disxuntiva: ou defendemos os dereitos dos nosos fillos e fillas, ou poida que teñamos que pedirlles desculpas toda a vida por non facelo. Asegúrate de ter unha boa resposta se che din: que fixeches ti para evitalo?

OU CONSEGUIMOS A SÚA DERROGACIÓN, OU CANDO CHEGUE A DATA FARANSE, AÍNDA QUE LOGO AS ADMINISTRACIÓNS AUTONÓMICAS NOS PIDAN DESCULPAS POR NON PODER EVITALAS

O 26 DE OUTUBRO FAGAMOS FOLGA BALEIRANDO AS AULAS. #NOALASREVÁLIDAS

Ningún comentario:

Publicar un comentario